Leccións sobre Vox e a esquerda desde Andalucía

Os comentarios que vou realizar neste artigo están baseados na análise dos resultados electorais do pasado domingo en Andalucía. Os datos proveñen do reconto provisional publicado pola Junta para as sección censuais andaluzas. Describo os resultados de cada opción de voto (forzas políticas, abstención, brancos e nulos) e tamén comparo estes resultados cos obtidos nas anteriores eleccións autonómicas de 2015 para tentar explicar a súa evolución.

Na análise deixo fóra 121 seccións censuais dun total de 5.974 seccións recontadas, por ter variado a súa definición nos últimos anos (por creación, desaparición ou fusión). A efectos simplificadores tampouco tiven en conta a variación do censo electoral de cada sección e traballei só con datos relativos (porcentuais ou en tanto por un) calculados sobre o censo total.

A análise a este nivel de desagregación territorial, con case 6.000 unidades de investigación, proporciona unha forza analítica moito máis significativa que se traballaramos cun menor número de unidades: a nivel autonómico (1), provincial (8) ou municipal (778). As conclusións así obtidas aproximaranse moito máis ao comportamento real das persoas que compoñen o censo electoral (6.300.000), permitíndonos sortear os problemas da falacia ecolóxica asociada ao tratamento de datos agregados.

Abstención diferencial

Tralo resultado o primeiro foco debemos poñelo sobre a abstención. Case sempre debemos facelo, porque xeralmente, e cada vez máis desde que o sistema político está máis fragmentado, a abstención é a principal opción de voto da cidadanía. Mais nesta ocasión a caída na participación foi especialmente intensa, como adiantaron os avances feitos durante a xornada electoral.

Ademais esta caída xeral agocha un dobre comportamento, o que chamamos unha abstención ou participación diferencial: a (des)mobilización foi moi diferente e oposta á esquerda e á dereita do espectro político, o que provocou enormes variacións no voto aos bloques ideolóxicos e ás forzas políticas.

Os resultados desmostran tamén que a variación na abstención/participación foi diferente non só en termos ideolóxicos e sociodemográficos, senón tamén en termos xeográficos. Aprécianse niveis diferentes de participación, apoio e cambio dependendo de se falamos de zonas urbanas ou rurais, do litoral ou do interior, ou do levane e do poñente de Andalucía.

Nos cartogramas seguintes (mapas distorionados para tentar representar sobre o plano da forma máis proporcional posible o peso electoral de cada sección censual) pódese verificar: a) en termos estáticos ou transversais, a maior abstención rexistrada no litoral andaluz e en xeral nas zonas rurais representadas polas seccións máis pequenas (a excepción son as cidades e en particular máis as do interior -Sevilla, Córdoba e Granada- que o resto), e b) en termos dinámicos ou evolutivos, os maiores crecementos da abstención a respecto de 2015 na Andalucía rural.

_config.yml _config.yml

Cómpre lembrar que as anteriores autonómicas se celebraron coincidindo practicamente coas eleccións municipais de 2015 (dous meses antes). Naquela conxuntura en practicamente todo o Estado e especialmente nas cidades o electorado da dereita se debatía entre votar ao PP, a Ciudadanos como forza emerxente nas enquisas (as xerais non se celebrarían ata decembro) ou absterse. Naquelas municipais manifestárase un intenso desgaste do Partido Popular a conta da corrupción. No Estado situaba ao PP por baixo do 30% por primeira vez desde o século pasado, e en moitos concellos o resultado das municipais reflectiu unha forte desmobilizacion do seu electorado, que en parte optou por Ciudadanos e en parte por quedar na casa. Iso facilitou en moitas cidades a conformación de gobernos progresistas liderados ou participados por candidatuas cidadás nas que se integraron Podemos e outras forzas políticas das Hespañas non castellanas.

Se temos en conta que os resultados das autonómicas andaluzas de 2015, a pesar de non ser do todo malos para Susana Díaz foron en boa medida excepcionais pola abstención de castigo á dereita, é máis fácil comprender o fenómeno da abstención diferencial que se rexistrou nestas eleccións. A dereita pasou nas cidades dunha desmobilización intensa a unha mobilización completa, optando por calquera das tres forzas políticas que tiñan no menú, mentres que a esquerda se desmobilizou enormemente, máis en calquera caso que en 2015, e sobre todo no rural andaluz.

O dato máis chamativo é o feito de que nestas eleccións as cidades acadaran unha porcentaxe participaran máis alta que o rural, cando o normal é que aconteza o contrario.

O nivel de voto en relación a 2015

_config.yml

O domingo pasado a abstención foi alta, pero foino sobre todo onde o resultado do PP en 2015 era máis baixo, concretamente nas zonas rurais caracterizadas durante décadas polo dominio socialista.

O voto nulo replicouse en boa medida nos mesmos lugares, pero en particular rexístrase unha pequena correlación positiva (significativa ao 99%) nos lugares onde o PSOE tivera mellores resultados en 2015. De aquí cabe deducir un certo voto de castigo ao partido gobernante, nestes momentos tanto en Andalucía como no Estado.

_config.yml

O voto do PSOE en 2018 replicou os patróns xeográficos do 2015 e mantívose máis alto nas zonas rurais a pesar da abstención. As correlacións demostran que os peores resultados do PSOE déronse naqueles lugares que máis votaran a Ciudadanos hai 3 anos, e tamén onde xa houbera máis abstención e máis voto ao PP. Podemos identificar estas zonas coas áreas con maior peso dos votantes tradicionalmente bipartidistas ou de centro das zonas rurais.

_config.yml

Como o PSOE, o PP obten os seus peores resultados nas áreas onde maior abstención houbera en 2015 e, tamén, naquelas zonas onde Adelante Andalucía (en rigor, a suma de Podemos e IU por separado) tivera mellores resultados. Falamos máis de zonas urbanas e en particular máis dos centros urbanos que dos barrios periféricos. Isto demostraría a imposibilidade (definitva?) de o PP recuperar o voto urbano perdido en 2015, en especial nas cidades do cambio onde o PP perdeu o poder non en favor do PSOE senón das alternativas cidadanistas.

_config.yml

Ciudadanos colleitou mellores resultados nas zonas que tiveran máis voto ao PP, menos voto ao PSOE e menos abstención en 2015. Zonas urbanas, novamente, que exemplifican como Ciudadanos fai seu o espazo de centro que durante décadas alimentou a deriva socialista cara ao socioliberalismo.

_config.yml

Adelante Andalucía repetiu basicamente o patrón xeográfico de voto do 2015: voto urbano de barrios periféricos, con resultados excepcionalmente bos na bahía de Cádiz e en varias poboacións rurais do interior que son referentes dos movementos comunitarios, e resultados particularmente malos en Almería ou nas zonas máis ricas do occidente malacitano. Esas diferenzas non impiden o retroceso xeral en número e en porcentaxe de votos a respecto das anteriores autonómicas.

_config.yml

Vox multiplicouse en zonas que en 2015 tiveran pouco voto socialista e moito voto tanto ao PP como a Ciudadanos. Centos urbanos (con especial incidencia en Sevilla, Córdoba e Málaga), as zonas brancas de invernadoiros do Mediterráneo oriental (provincias de Almería e Granada) e algúns barrios pobres hispalenses.

O cambio de voto a respecto de 2015

_config.yml

Máis clarificador parece analizar onde se produciron os cambios, facendo unha analoxía cos indicadores de transferencia ou transvasamento de voto que aparecen nas coñecidas táboas que cruzan recordo e intención de voto nas enquisas electorais.

O resultado máis chamativo é que os crecementos de Vox coinciden esencialmente coas caídas experimentadas polo PP. Este resultado non se verifica con tanta intensidade, nin moito menos, a respecto de Ciudadanos.

O crecemento de Vox coincide tamén con caídas da abstención. É dicir, Vox amplifica o seu resultado en zonas nas que a participación aumentou sensiblemente con respecto a 2015 (zonas urbanas igualmente).

_config.yml

A abstención variou en sentido contrario ao resultado do PSOE, significando un transvasamento entre ambas opcións de voto. Na maior parte dos casos isto equivale a identificar caídas (rurais) do voto socialista con aumento da abstención, pero tamén algúns poucos casos (urbanos) nos que acontece o contrario: medre do PSOE e aumento da participación.

_config.yml

O PP foi obxecto dun dobre transvasamento. Por un lado cedeu votos a Vox e por outro lado tería recibido voto socialista. A primeira impresión é que estes movementos non se produciron nas mesmas zonas e segmentos da poboación, senón que o novo voto ultra se rexistrou nas zonas urbanas e o novo voto de centro (ou de castigo ao partido gobernante) se moveu máis no rural. O correlato con perfís demográficos e socioeconómicos diferentes (idade, estudos, renda) é inmediato.

Ademais, verifícase unha correlación positiva entre o voto a PSOE e a Vox. Dado que Vox só medrou isto indicaría que o voto ao PSOE se mobilizou fronte á ameaza ultra en determinadas zonas (urbanas). Asistimos así á confirmación de por que, unha vez rexistrado o crcemento de Vox polos trackings electorais da última semana de campaña, Susana Díaz utilizou a estratexia do medo para tentar mobilizar ao electorado, o cal lle tería rendido algúns anque limitados froitos.

_config.yml

O crecemento xeral de Ciudadanos está moi uniformemente repartido por toda Andalucía. Tan só é algo menor o avance nalgunhas cidades.

_config.yml

O retroceso de Adelante Andalucía tamén é moi homoxéneo, tanto en zonas urbanas como rurais, amosándose excepcionalmente algo máis contido no centro de Sevilla.

A voto á vista das características demográficas, sociais e económicas

É (moi) escasa a información estatística oficial existente ao nivel das seccións censuais. Porén, grazas aos datos existentes podemos concluír as seguinte correlacións:

_config.yml

  • En canto ao nivel de voto en 2018:

– O voto á dereita é maior nas zonas con maior porcentaxe de persoas con estudos universitarios e menor porcentaxe de persoas con estudos primarios. Isto é claramente así no caso de Vox e Ciudadanos, e tamén, aínda que con menor intensidade, no caso do Partido Popular, cuxo resultado aparece influenciado tamén pola idade, recollendo mellores resultados entre a poboación máis vella. É difícil fuxir á imaxe mental dos señoritos andaluces (novos e vellos) a teor deste resultado e da forte compoñente de xénero masculino que ten o novo voto ultra.

– Ao revés, o voto ao PSOE e a abstención é maior onde maior é o peso das persoas con estudos primarios e menor o das persoas con estudos universitarios. Esta asociación, que afecta ao conxunto da esquerda andaluza, votara ou se abstivera, non se reproduce no caso de Adelante Andalucía, que ten un voto transversal en canto a formación. No PSOE tamén existe unha evidencia de relación entre maior e idade e mellor resultado, mentres que acontece ao contrario coa abstención, máis alta nos concellos con menor idade media. Iso evidenciaría a incapacidade de Adelante Andalucía para ampliar base electoral entre o electorado progresista.

– O PSOE obtén mellores resultados en áreas con maior proporción de vivendas principais en propiedade, mentres que Ciudadanos salienta naqueloutras cun maior peso de vivendas en réxime de hipoteca. Coñecida a evolución e situación do mercado da vivenda é directo reparar en que o partido laranxa nutriuse daquel sector das xeracións máis novas que, con dificultades ou sen elas, teñen a capacidade adquisitiva ou as expectativas suficientes para non ter que recorrer ao aluguer.

  • En canto ás variación no voto a respecto de 2015:

– Se ben o nivel de voto ás tres forzas da dereita é maior en concellos con maior proporción de persoas con titulación universitaria, os cambios acontecidos nestas eleccións implican que as persoas con maior formación académica fuxiron do PP para recalar en Vox.

– As caídas do PSOE coinciden tamén coas seccións censuais que contan con máis poboación con só estudos primarios (e viceversa, os escasos aumentos obtenos en barrios urbanos con alta presenza de persoas con titulación universitaria).

– Os maiores aumentos da abstención danse en áreas con escasa presenza de persoas con estudos terciarios.

Outras relacións igualmente significativas aínda que de menor magnitude se poden extraer da táboa de correlacións anterior, como por exemplo o crecemento de Vox en zonas con maior presenza de poboación estranxeira e de orixe africana, o voto de castigo que optou por Vox nas zonas máis afectadas pola polémica do Supremo e as hipotecas, a caída do PSOE nas zonas con menor densidade de poboación ou o envellecemento do electorado de Adelante Andalucía.

Máis correlación entre variables sociodemográficas, o voto e o cambio de voto con información a nivel municipal poden consultase no especial de eldiario.es.

Publicado o 05/12/2018