De como a dereita e a falsa esquerda che roubaron xa (I)

_config.yml

O problema é a desigualdade na riqueza

Hai relativamente pouco, nesta lexislatura, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo rebaixou o Imposto de Patrimonio para todas aquelas persoas cun patrimonio superior a 700.000 €. Isto supuxo que os ricos galegos aforraran uns 18 millóns de euros. Esta é a cantidade que a Xunta de Galicia deixa de ingresar e que non pode destinar a servizos públicos autonómicos como a sanidade, o ensino ou os servizos sociais. Máis de 2 millóns de euros corresponden a patrimonios localizados en Santiago de Compostela. É só un exemplo de como o Partido Popular e os seus tentáculos (chámense Ciudadanos ou Vox) sempre falan de rebaixas de impostos que non chegan ao común dos mortais e dos que só se aproveitan os mesmos de sempre, os deles.

Gravar a propiedade inmobiliaria é a forma máis fácil de atacar a desigualdade na distribución da riqueza. Xa sabemos que hai diferenzas de renda moi importantes, pero as desigualdades na riqueza, no patrimonio, son moito máis intensas, como corresponde á acumulación no tempo desas diferenzas de renda, facilitada pola transmisión de pais a fillos e a eliminación que na práctica fai a dereita dos impostos de sucesións e doazóns. O patrimonio financeiro é máis facilmente agochable aos ollos das administracións, así que gravar as propiedades inmobiliarias, urbanas primordialmente, é ao final a única forma de facer que as persoas máis ricas contribúan ás facendas públicas, de que sexan solidarias co resto da cidadanía, polas boas ou polas malas.

A rebaixa de impostos é o dogma no que teima a dereita para espallar o individualismo exacerbado que constitúe a enfermidade máis grave da nosa sociedade. Como dicía un vello profesor de economía: os tributos son o prezo da civilización. Sen tributos non existe o público. Sen tributos isto é a selva, o sálvese quen poida duha carreira na que uns poucos parten cunha vantaxe insalvable para o resto.

Sabemos que historicamente en España e en Galicia moita xente identificou ascenso social co acceso a unha vivenda en propiedade, pero desde como mínimo a recesión que seguiu á burbulla inmobiliaria que estourou en 2008 sabemos que identificar teito con propiedade é algo que xa non caracteriza ás familias máis novas do mundo urbano actual. Aquel sae máis barato comprar que alugar é outro máis dos enganos que os defensores do modelo económico do ladrillo lograron inculcar nas mentes de boa parte das novas xeracións saídas daquelas supostas clases medias de outrora hoxe decimadas.

Neste escenario, antepoñer a nova construción á rehabilitación de vivendas só pode ter dous obxectivos: destinar pisos e casas de luxo con prezos astronómicos aos segmentos máis boiantes da poboación ou pretender resucitar unha burbulla de investimento do aforro privado en ladrillo que funcionou durante uns anos pero que á vista está que xa só funciona en zonas urbanas céntricas caracterizadas pola forte especulación inmobiliaria. É certo que a rehabilitación non é a panacea, que hai vivendas que a ruína ou o cambio das condicións materias da habitación, isto é, o tránsito histórico do que se considera un estándar medio de calidade na vivenda, obrigará a derruír ou transformar, pero o que non se pode negar é que no noso país nunca se promoveu desde os poderes públicos unha verdadeira política de rehabilitación digna de levar tal nome, e que son poucos os exemplos que se poden utilizar para mostrarllos á xente. Por fortuna en Compostela contamos con algún.

A especificidade da realidade urbana compostelana

O principal problema da vivenda en Santiago de Compostela non é a súa carencia. Xunto con Ourense, aínda que por razóns ben diferentes, Compostela é a cidade galega con máis vivendas por habitante, a moita distancia do resto. A xénese histórica desa abundancia de vivendas radica na existencia dunha importante poboación universitaria, minguada trala creación das universidades da Coruña e Vigo e a redución das taxas de natalidade. Compostela ten vivendas de sobra para a poboación residente e para a flotante que as políticas urbanísticas doutras épocas expulsaron cara aos concellos limítrofes. Hai 9.000 vivendas non principais e como mínimo 2.000 que non están ocupadas en ningún momento do ano. Se nos anos 80 e 90 o problema da vivenda en Compostela era a infravivenda, hoxe os problemas son outros: estado de conservación, servizos que posúen e prezo.

Para afrontar estes problemas é necesario fomentar políticas serias de rehabilitación, restauración e reestruturación do parque privado de vivenda, así como a dotación de servizos públicos e privados a ese parque Pero tamén que é preciso que os poderes públicos teñan capacidade de regulación do mercado da vivenda, algo que non está hoxe ao alcance dos Concellos, pois son o Estado e a Xunta quen lexislan. Non é só que sexa necesario limitar o aumento dos prezos do aluguer, é que se precisan ademais outros cambios normativos: poder gravar a vivenda baleira para forzala a poñela no mercado a prezos asequibles que logren que se aluguen e habiten, poder gravar a segunda e sucesivas vivendas con tipos de gravame maiores que a primeira, prohibir por Lei a actuación de empresas no mercado da vivenda residencial… Pero claro, todos eses que andan prometendo rebaixas de impostos non che falarán destas cousas.

Como o IBI grava a propiedade inmobiliaria urbana en Compostela

Segundo o último Censo de poboación e vivendas de 2011 elaborado polo Instituto Nacional de Estadística na nosa cidade existen 9.000 vivendas que non son nin principais nin secundarias e que denomina como baleiras. A inmensa maioría destas vivendas pertencen a multipropietarios. O estudo de vivendas baleiras encargado por Compostela Aberta durante este mandato estimou que só 2.000 desas 9.000 vivendas estarían permanentemente deshabitadas, ao non ter contrato de auga ou non rexistrarse nelas consumos significativos.

Isto significa que o resto de vivendas están ocupadas nalgún momento pero de forma temporal por persoas xeralmente non empadroadas na cidade. Estas 7.000 vivendas conforman un mercado pouco transparente, mal regulado polo Estado e a Xunta e ata hai ben pouco peor fiscalizado por Facenda. Estas vivendas son utilizadas polos multipropietarios para obter rendas estacionais ou intermitentes a través de alugueres non sempre declarados a traballadoras/es temporais, migrantes, estudantes, peregrinos e turistas, especialmente no centro urbano (no ámbito do Plan Especial e no Ensanche).

Perante a inhibición da Xunta de Galicia e do Estado para fomentar a construción de vivenda pública de protección oficial, para ordenar e regular o mercado da vivenda de aluguer ou para promover políticas de rehabilitación, o modesto papel do Concello debe ser recadar un IBI suficiente, daquelas persoas que lograron acceder a unha ou varias vivendas en propiedade, para destinar eses fondos ao mantemento da cidade e ao fomento de políticas públicas de vivendas para o terzo da poboación que non é propietaria.

O goberno do Partido Popular, primeiro e en dúas ocasións durante o mandato fatídico dos tres alcaldes, e a pinza fiscal bipartidista PP-PSOE ao comezo deste último mandato, despois, aprobaron tres rebaixas sucesivas do IBI urbano que levaron o tipo de gravame desde o 0,60% que se aplicaba no ano 2013 ao 0,51% que temos na actualidade. Unha redución porcentual do 15% no tipo! Un agasallo para os propietarios de vivenda pero en especial para os multipropietarios, todo iso en pleno ciclo económico dunha recuperación que só chegou precisamente ás persoas e familias con máis recursos. Grazas á coalición inmobiliaria, reunida para defender os intereses das elites multipropietarias, as arcas municipais deixaron de ingresar 26,75 millóns de euros entre 2014 e 2019. Deste xeito foi como Compostela chegou a ter hoxe o tipo de IBI máis baixo das sete cidades galegas.

_config.yml

É algo sabido. O PP e o PSOE non só renuncian a lexislar en favor da xente con menos recursos senón que aproban rebaixas impositivas que só benefician aos ricos, afogan as facendas públicas quitando recursos para a prestación de bens e servizos públicos, e, por último, cando gobernan, dirixen os poucos recursos restantes a investimentos innecesarios ou a servizos para faixas da poboación que non os precisan, mentres necesidades moito máis imperiosas fican sen cubrir.

O funcionamento do IBI está lexislado polo Estado, e tal e como está deseñado resulta difícil para os Concellos convertelo nun imposto progresivo, que grave proporcionalmente máis a quen ten máis patrimonio. Pero existen algunhas vías para logralo.

Unha delas é a aplicación de tipos diferenciais máis altos ao 10% dos inmobles non residenciais máis valiosos. Compostela Aberta logrou introducir por primeira vez neste mandato esta medida, no debate das ordenanzas fiscais para 2016, pero a coalición bipartira PP-PSOE limitou o tipo de gravame ao 0,54% mentres o reduciu para todos os demias inmobles non residenciais e para todos os residenciais, situándoo no consabido 0,51%. Foi a famosa rebaixa de impostos na que parece teimar o PP de Hernández para as próximas eleccións municipais.

Vexamos a potencia desta medida cun exemplo. Se o Concello de Santiago Compostela aumentara os tipos diferenciais do IBI que se aplican ao 10% dos inmobles urbanos non residenciais (isto é importante, non destinados a vivenda) máis valiosos, para que en vez de tributar ao un tipo do 0,54% o fixeran ao 0,90%, que é o tipo diferencial medio que existe nos concellos do Estado que xa aplican esta medida, poderían recadarse preto de 2,5 millóns de euros que se poderían destinar integramente a políticas municipais de vivenda. É aproximadamente o mesmo diñeiro que as persoas máis ricas da cidade aforraron coa rebaixa fiscal de Feijóo no Imposto do Patrimonio.

_config.yml

Outra vía para facer máis progresivo o IBI é a instauración e potenciación das bonificacións fiscais. No mandato que agora remata Compostela Aberta implantou a maioría de bonificacións que permitía a Lei e aumentou a contía tanto das preceptivas como das potestativas. De feito, grazas ás bonificacións que hoxe están en vigor en Compostela, o recibo medio efectivo do IBI urbano que se paga no noso concello é de 280 € en vez dos 328 € que se pagarían sen elas. Somos con diferenza a cidade galega no que as bonificacións do IBI son máis importantes, no que o IBI é máis progresivo.

_config.yml

O inconveniente da alternativa das bonificacións fronte aos tipos de gravame é que a súa xestión require moito máis traballo administrativo, máis burocracia, e que cada veciña ten que solicitalas expresamente.

Por que o IBI sae barato en Compostela?

Xa vimos que en Compostela o recibo medio do IBI alcanza os 280 € por inmoble, que é un valor medio entre o conxunto das cidades galegas. A primeira vista podería parecer que o IBI está ben como está e que non habería necesidade nin de subilo nin de baixalo, como propón Hernández ou como xa fixeron o PP e o PSOE en comandita ao comezo deste mandato.

Agora ben, se aspiramos realmente a que as compostelanas fagan o mesmo esforzo fiscal medio, nin máis nin menos, que fan os habitantes do resto de cidades galegas, temos que falar da proporción da renda que dedica unha familia media a pagar o IBI. E aquí é onde vemos que Compostela fai un esforzo fiscal inferior á media. Segundo todas as fontes oficiais coñecidas, Compostela é, xunto coa Coruña, a cidade galega con maior renda media. En comparación coa nosa contorna somos unha cidade rica, con independencia de que, como en todas, existan fortes desigualdades que nos deberan esixir acadar unha verdadeira progresividade na tributación.

_config.yml

Por iso, a realidade é que Compostela é, xunto con Pontevedra, a cidade galega na que as familias propietarias dedican unha menor proporción da súa renda a pagar o IBI. Se quixeramos facer o mesmo esforzo fiscal medio que hai nas sete cidades galegas, situado arredor do 0,95% da renda familiar bruta dispoñible, habería que aumentar a recadación por IBI en aproximadamente un 15%. Exactamente a mesma porcentaxe en que PP, tres veces, e PSOE, unha, reduciron o tipo do IBI entre 2013 e 2016!

_config.yml

Pero Compostela é unha cidade extensa, horizontal e patrimonial que custa máis coidar

O custo de creación e de mantemento de case calquera ben ou servizo público depende sobre todo do seu alcance territorial, da súa extensión ou cobertura. Moitas das infraestruturas (vías de comunicación, redes de distribución etc.) e servizos (transporte, zonas verdes) teñen un custo que depende directamente da lonxitude, extensión ou superficie urbana.

En Compostela o custo do investimento e do mantemento do público é maior que na maioría de cidades galegas por tres razóns: Unha, porque temos un concello extenso, cunha ampla zona rural e coa segunda maior superficie urbana de Galicia, tras Vigo e moi por diante de cidades como A Coruña que ten máis do dobre de poboación ca nós. Dúas, porque somos unha cidade horizontal cunha densidade de poboación no medio urbano relativamente baixa, debido á existencia de moita zona verde, solo sen edificar e construcións de poucas alturas. E tres, porque como é ben sabido somos unha cidade Patrimonio da Humanidade que malia ás reiteradas peticións da asociación das cidades españolas con tal distinción nunca recibiu do Estado financiamento adicional estable para o seu coidado e protección.

O grande impulso urbanizador que recibiu a cidade hai un cuarto de século require para a súa conservación ou ampliación de fondos propios que agora non van achegar outras administracións. E por iso, dedicar recursos do orzamento municipal a bens e servizos básicos que cheguen a todo o territorio municipal, tanto na zona urbana como na zona rural, precisa de máis recursos que no resto de cidades, en termos por habitante pero tamén e sobre todo por unidade de superficie. O déficit fiscal por IBI que ten Compostela é máis grave se calculamos o que se recada por cada metro cadrado de inmobles urbanos, solares e edificios, que existen na nosa cidade. A media das sete cidades galegas está en 1,74 €/m2, practicamente o dobre do valor que rexistra a nosa cidade.

_config.yml

En 2020 deixará de aplicarse o coeficiente redutor do IBI que durante 10 anos se foi incrementando e que permitía recadar algo máis aínda que non se cambiase o tipo de gravame. Isto significará unha conxelación dos ingresos por este imposto, o máis importante para as arcas municipais e o principal financiador do gasto corrente, que é o que concentra o mantemento dos espazos públicos da cidade. Por iso o déficit fiscal do IBI se traduce nunha insuficiencia crónica dos ingresos propios do Concello.

Boa parte deste afogamente financeiro está causado polos burato negro de 26,75 millón de euros menos que se deixaron de recadar no IBI desde 2014 grazas á redución de impostos forzada pola coalición inmobiliaria formada por PP e PSOE. A rebaixa que agora promete Hernández incrementaría o baleiro fiscal ata 35 millóns de euros a finais de 2020. Nesta dinámica non é de estrañar o actual déficit de mantemento da cidade, o seu empeoramento e, desde logo, a imposibilidade certa de ampliar os bens e servizos municipais existentes. E xa non é só pola veciñanza que vive na cidade todos os días. É que o Xacobeo 2021 traerá á cidade millóns de persoas que deben atopar unha cidade en óptimo estado, so pena de que matemos o motor económico máis importante da cidade. E para iso é necesario actualizar os ingresos do IBI, de onde proveñen a maioría dos fondos propios do Concello.

  • Prometen unha bonificación do 95% aos inmobles por carencia de servizos básicos, cando a Lei limitaas ao 90%. Compostela Aberta herdou do goberno dos tres alcaldes do PP (Conde Roa, Currás e Hernández) unhas bonificacións de 20%, 40 e 60% para os inmobles que carecían de 1, 2 ou 3 servizos básicos. Nada máis chegar ao goberno municipal Compostela Aberta incrementounas ata o 30%, 60% e 90%. O PP durante 4 anos non o fixo.

  • Prometen unha bonificación do 50% para vivendas de protección autonómica. Como no caso anterior, o PP non fixo nada durante os 4 anos en que (des)gobernou con maioría absoluta. Compostela Aberta recén aterrada en Raxoi incrementou a bonificación potestativa desde o 25% durante 5 anos ao 35% durante 10.

  • Demandan que as familias numerosas teñan unha bonificación do 90% no IBI dos seus inmobles sen ter en conta a súa capacidade adqusitiva. Durante este mandato Compostela Aberta regulou esta bonificación e afixo depender do IPREM.

  • Propoñen unha bonificación do 50% ao comecio polo miúdo en ‘certos casos’, aspecto que a Lei de Facendas Locais non contempla por ningures. Si existen unahs bonificacións obrigatorias aplicables a inmuebles en los que se desarrollen actividades económicas que sean declaradas de especial interés o utilidad municipal por concurrir circunstancias sociales, culturales, histórico artísticas o de fomento del empleo que justifiquen tal declaración, e que en todo caso deben ser solicitadas polas persoas interesadas e aprobadas polo Pleno municipal. O que non pode é este tipo de bonificacións excepcionais converterse nun menú á carta para os amiguiños do Partido Popular.

Publicado o 23/02/2019