Comparando allos e bugallos

Hai quen non gosta das comparacións. Un pode sair malparado se se coloca do lado de quen é ou está mellor, ou tamén pode sentir un desexo irrefrenable de comprar un tractor máis grande que o do viciño aínda que teña unha leira máis pequena. Porén, tamén hai quen copia boas prácticas, casos de éxito e aprende do que paga a pena imitar, aínda que ás veces tente aplicalo a realidades ben distintas. Comparar pode ser, por tanto, bo ou malo, depende.

O que é innegable é que comparar supón ter máis información, e ter máis datos sempre é bo se o que se pretende é coñecer un fenómeno, analizalo razoadamente e propor accións e medidas que incidan nel, o transformen e o melloren. Mais para iso é preciso utilizar aqueles elementos comparativos axeitados.

Cando falamos de Santiago de Compostela desde a perspectiva dun goberno municipal, e ogallá tamén desde a perspectiva de quen ten ou debería ter a responsabilidade de ser oposición no Pleno, que é entón o que interesa? Comparármonos cos concellos da volta ou co resto de cidades? E neste caso, miramos só cara ás cidades galegas, que aínda que próximas poden ser e son moi diferentes entre si, ou cara outras cidades do resto do Estado máis semellantes en termos demograficos, sociais e económicos? A todas estas preguntas tento aquí dar unha resposta.

Para comparármonos ao xeito con outras cidades precisamos un bo cesto de variables que describan con amplitude a pluralidade de dimensións dun fenómemo tan complexo como unha cidade, e precisamos toda esa información para o maior número de cidades posibles. Para este exercicio escollín as seguintes variables con datos para varios miles de municipios españois, procedentes fundamentalmente do desaparecido Anuario Económico de La Caixa e completadas con outras fontes menores e con algunhas variables codificadas ad hoc para a ocasión:

  • Capitalidade (provincial ou autonómica).
  • Cabeceira ou non de área urbana ou metropolitana.
  • Didade patrimonio.
  • Sede central dunha Universidade pública e número de alumnos/as.
  • Poboación total e variación da poboación nos últimos anos.
  • Porcentaxe de poboación estranxeira.
  • Idade media da poboación.
  • Extensión territorial.
  • Densidade de poboación.
  • Proporción de poboación con estudos universitarios.
  • Proporción de vivendas de aluguer e hipotecadas.
  • Indicador de paro e do diferencial de paro por xénero.
  • Renda municipal e índice de desigualdade na renda.
  • Cota de mercado da cidade.
  • Nivel de acceso á banda larga.
  • Vehículos por habitante.
  • Entidades financeiras por habitante.
  • Índice industrial, índices comerciais por xunto e polo miúdo, índice de restauración, índice turístico, índice de actividade económica.

Unha redución de toda esta información mediante ACP produce tres factores de información relevantes:

  • Histórico-institucional: Universidade pública, capitalidade e Patrimonio da Humanidade.
  • Renda e riqueza: Concentración da riqueza e desigualdade.
  • Turismo.

Elaborando unha medida de distancia (métrica euclidiana) con base nas puntuacións que todas as cidades acadan neste espazo tridimensional, conclúese que as cidades máis semellantes a Santiago de Compostela son: Albacete, Alcalá de Guadaíra, Alcalá de Henares, Almería, Ávila, Badajoz, Burgos, Cáceres, Cádiz, Cartagena, Castelldefels, Castelló de la Plana, A Coruña, Cuenca, Donostia, Eivissa, Elx, Granada, Guadalajara, Huesca, Jaén, León, Lleida, Logroño, Lorca, Mérida, Oviedo, Paterna, Pontevedra, El Puerto de Santa María, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santander, Segovia, Tarragona, Telde e Toledo.

Nesta relación de 37 cidades só aparecen dúas cidades galegas: A Coruña e Pontevedra. Non son quizá as que a xente ten en mente como as máis parecidas á capital galega, pero este conxunto de datos que logramos reunir confírmanos que así é.

Porén, aínda que os datos son os datos e o método científico fale claro, boa parte do mundo ao noso arredor pode ignorar estes refinamentos, ser o suficientemente teimuda como para polos en cuestión, quizá desexan seguir comparándose coa cidade do lado ou se cadra xa teñen elixido un concello ou cidade que lles interesa para avalar os seus argumentos fronte á Administración. For como for, sempre será recomendable complementar o criterio técnico co ‘factor’ humano, e por iso inclúo sempre nas miñas comparacións as outras catro cidades galegas: Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Por información que non quede.

Para que nos vale, en fin, compararnos con esas 41 cidades?

  • Para ter unha idea do que é ‘normal’ polo mundo (municipal) adiante.
  • Para desbotar casos ‘extremos’.
  • Para coñecer as nosas ‘excentricidades’.
  • Para buscar casos de éxito ou boas prácticas nas cidades ás que nos parecemos ou naquelas que lideran un determinado aspecto.
  • Para graduar o alcance dos cambios e as transformacións a acomenter durante un ou varios mandatos en función da experiencia comparada.
  • Para falar con propiedade (e con datos) da posición absoluta e relativa de cada cidade en relación ás súas homólogas.
  • Para decatármonos de que unha cousa é o desexo ou a promesa política e outra a realidade dos números. O diñeiro e os recursos humanos e materiais mandan e non custan o mesmo en cada cidade (distintas políticas fiscais, redes de servizos máis extensas, etc).

Esta é unha escolla xeral. Podería ser máis completa, con máis variables e de máis ámbitos. Por exemplo, podería ter incluído variables orzamentarias para evitar comparar dúas cidades semellanes con finanzas municipais dispares. Tamén podería ter feito unha escolma máis específica, por exemplo para analisar o fenómeno concreto do transporte urbano, onde habería que dar máis peso a variables físicas e de mobilidade. Pero o que aquí pretendía facer é so unha exposición do método, con independencia da realidade á que se aplique.

Déixoo polo de agora cunha aplicación de exemplo: a situación de Santiago de Compostela no ranking da carga da débeda por habitante, nos anos 2011 e 2017, para que nos deamos conta da importancia da herdanza recibida e de como a xestión municipal pasada hipotecou durante moito tempo a xestión presente e futura do Concello. Ao final do mandato do bipartito de progreso PSdeG-PSOE+BNG, liderado polo entón alcalde Sánchez Bugallo e agora rescatado de novo polos socialistas, eramos a segunda cidade máis hipotecada deste grupo de urbes homólogas, cunha carga da débeda que era o dobre da media de todas elas. Seis anos despois a capital de Galicia sitúase no medio da táboa cun valor moi próximo ao índice medio que presentan estas cidades.

_config.yml

Publicado o 05/01/2019