Relato dun tempo novo

Nesta páxina foise publicando durante este anos unha estimación de voto media calculada a partir das enquisas divulgadas en España. Non se trata de unha media calquera senón de unha que intenta descontar os nesgos que as casas demoscópicas cometen ao estimar o apoio a un partido determinado ou a un conxunto deles (bipartidismo, partidos de esquerda, novas forzas…). É asemade unha media que pondera as enquisas por tamaño de mostra e antigüidade, e que, ademais e como novidade, distingue cociñas diferentes para unha mesma casa. Decidir onde establecer un cambio de cociña é un aspecto máis intuitivo que científico, anque está baseado na miña observación do comportamento de cada cociña ao longo do tempo e de como os seus nesgos característicos mudaban substancialmente de nivel nun momento dado.

A estimación de voto resultante deste modelo pódese atopar máis abaixo nesta mesma páxina. Alí aviso de que os resultados deste modelo non son un prognóstico. Por que? Simplemente porque historicamente a media das enquisas non coincide coa media dos resultados reais, téndose rexistrado erros a favor e en contra dunha forza e por exceso e por defecto, dependendo das circunstancias de cada convocatoria electoral.

O primeiro que debe terse en conta é que as enquisas para estas eleccións están desalineadas. Xa o estiveron nas eleccións europeas de 2014 e tamén o estiveron nas municipais deste ano. No primeiro caso sobrevaloraron o bipartidismo e no segundo sobrevaloraron a Ciudadanos e, por extensión, ás forzas da dereita. Creo que hai dúas razóns, unha política e unha técnica, para pensar que esos fenómenos de sobrevaloración rexistrados nas dúas últimas convocatorias de ámbito estatal se reproduciron nestas eleccións xerais.

A política: existen presións de grupos de poder que logran un tratamento informativo favorable ao bipartidismo nos medios de comunicación de masas españois, e que esa influencia se traslada ás enquisas que ditos medios difunden. Se existira realmente en España unha pluralidade real de medios de comunicación quizá a media das enquisas reflectiría a realidade con menores nesgos. Mais opino que non é o caso.

A técnica: as casas demoscópicas fixeron correccións importantes nas súas cociñas, e en algúns casos para mal, ao longo da lexislatura. O caso máis evidente é o dos medios de PRISA (Metroscopia/El País, MyWord/Cadena SER), cun cambio non suficientemente explicado no verán de 2013, e dous máis nos momentos de maior impulso mediático a Ciudadanos, adiantándose sospeitosamente ao crecemento demoscópico real que recolleron as demais casas. Mais houbo outros casos durante o último ano que coincidiron precisamente cos momentos de maior crecemento demoscópico tanto de Ciudadanos como de Podemos. As eleccións europeas de 2014 marcaron un cambio importante nas cociñas da maioría de casas, correxindo non sempre acertadamente a sobrevaloración do bipartidismo. Pola súa banda, as eleccións municipais (e autonómicas) demostraron que a inchazón demoscópica de Ciudadanos era tamén cando menos parcialmente artificiosa, do mesmo xeito que o foi para as durante estas últimas semanas de enquisas de intención de voto para as eleccións xerais. Por outra banda, as autonómicas andaluzas e catalás induciron outra corrección pouco atinada que non se corresponde coa realidade, a cal aplicouse a nivel estatal provocando unha infravaloración de Podemos. Esas dúas CC.AA. son territorios pouco propicios para Podemos nunhas eleccións de ámbito autonómico, tanto polo perfil socioeconómico da súa poboación, no primeiro caso, como pola existencia dun potentísimo voto dual, no segundo.

A suma combinada destas (in)correccións provocou que na media corrixida das enquisas o voto estimado ás forzas da dereita (PP+C’s+CDC+PNV+…) atinxira hai apenas 15 días o 54% do total, unha auténtica aberración á vista dos datos de voto directo e doutros indicadores (posicionamento ideolóxico do electorado, valoración do goberno, desexo de cambio…), que apuntaban a porcentaxes menores. Con ocasión do Mirante do día 10 xa avisei deste desfase e durante os ultimos días da campaña puidemos observar como as enquisas comezaron a corrixir esta cifra á baixa apuntando cara un equilibrio 50%-50% máis acorde co momento político.

En realidade, os datos de voto directo, onde a esquerda dominaba á dereita por un par de puntos de diferenza onte mesmo, na véspera mesma da cita coas urnas, así como o record de solicitudes de voto por correo, que se relacionan con altos índices de participación do voto xuvenil e de esquerdas, indican que as eleccións do domingo van ser de cambio e non de mantemento da maioría absoluta da dereita.

Esta idea dun corremento electoral cara á esquerda complétase co fenómeno do posible sorpasso de Podemos ao PSOE. O luns día 14 a media corrixida do voto directo xa igualaba a PSOE e Podemos, e durante esta semana teríase producido o adiantamento, que puidemos observar grazas ás enquisas prohibidas de Andorra.

Segundo a GESOP o adiantamento en voto directo teríase producido o mércores 16, data central da enquisa publicada o venres 18, pero en voto estimado dito intercambio de posicións non se visualizou ata o domingo ás 00:00h, coa última estimativa correspondente ao traballo de campo realizado os días 17, 18 e 19. Este atraso é normal e débese a que os votantes da esquerda son máis propensos a ser incluídos nas mostras que aqueles do centrodereita ou do centro, polo que as ponderacións das cociñas adoitan a rebaixar as expectativas que forzas como Podemos, IU ou o BNG teñen no voto directo.

A GESOP caracterizouse durante toda a lexislatura por carecer de nesgos relativos significativos para PSOE e Podemos, o que reforza a idea do sorpasso. A diferenza proxectada entre ambos é de máis de dous puntos e medio en voto directo e de case un punto e medio no estimado. Ambos valores son máis pequenos que as marxes de erro da última enquisa publicada, e cabe por tanto non desbotar unha situación de empate técnico.

Cousa diferente é a conversión en escanos desas porcentaxes semellantes de voto, e aí a lei electoral xoga a favor do PSOE. Está por ver se a vantaxe de Podemos sobre o PSOE, de habela, compensa esa discriminación no reparto.

A proxección histórica dos datos de voto directo corresponde a unha porcentaxe de participación mínima do 74%, mais o primeiro avance de participación das 14h adianta que a cifra pode ser maior. A participación medra nas comunidades periféricas e en particular nas que celebrarán eleccións autonómicas o ano videiro: Galicia e Euskadi. Tamén salientan Madrid e Zaragoza, dúas das provincias cuxas capitais contan con alcaldes das candidaturas municipalistas. No noso país sobe a participación nas provincias atlánticas, na maioría das cidades e e nos barrios de voto máis progresista, reforzando a expectativa de recuperación da esquerda que se vive nestes momentos.

Addenda posterior ao 20D: Manteño o diagnóstico escrito na mañá do domingo electoral. Os resultados finais veñen confirmar que o derrubamento programado de Ciudadanos acabou por beneficiar ao resto de tres grandes forzas, anque con intensidade desigual. O máis beneficiado foi o PSOE, que comparte posicións ideolóxicas de centro con C’s, seguido do PP, que o fai polo centrodereita, e en menor medida do mesmo Podemos (sectores novos máis desideoloxizados ou que rexeitaron as declaracións que fixo Rivera na última semana de campaña adiantando que deixaría gobernar á lista máis votada -o PP).

Estimación de voto media das enquisas

O Mirante aplica ao conxunto das enquisas publicadas un modelo estatístico que rastrexa os cambios no apoio electoral de cada forza ao longo do tempo, e corrixe as variacións das enquisadoras debidas aos efectos caseiros. O resultado é unha estimación menos nesgada e máis precisa que a de calquera casa produtora ou enquisa individual.

Esta estimación non é un prognóstico do resultado electoral, só un reflexo aproximado da situación en cada momento. As sondaxes como instrumento de medición dos fenómenos electorais incorren noutro tipo de desvíos que este modelo non entra a corrixir.

PP, PSOE, Ciudadanos e Podemos
IU e UPyD
CDC e Esquerra
EAJ-PNV e EH Bildu
Compromis, BNG e CC
Esquerda e dereita
Bipartidismo e partidos novos
Partidos estatais e non estatais

Nota: Para calcular a porcentaxe de voto dos partidos non estatais asumiuse a hipótese de que o 20% do voto ás coalicións participadas por Podemos en Catalunya, Comunitat Valenciana e Galicia correspondían a forzas non estatais. A porcentaxe é semellante á que se desprende da intención de voto sen recodificar da enquisa preelectoral do CIS.

Efectos caseiros

Os house effects miden o nesgo que un instituto comete sistemáticamente ao estimar o voto a unha forza calquera. O resultado que ofrece O Mirante consta, para cada casa e partido, de dous datos: un puntual, que representa o desvío mediano a respecto do apoio latente, e outro un intervalo de confianza ao 95% para ese nesgo.

Cando as estimacións dunha enquisadora non inclúen ao apoio latente, que representa o consenso demoscópico, pódese dicir que o desvío non se debe a variacións aleatorias, senón á súa metodoloxía de mostraxe ou de estimación (a súa cociña).

PP
PSOE
Ciudadanos
Podemos
IU
UPyD
Esquerra
CDC
EAJ-PNV
EH Bildu
BNG
CC
Esquerda
Dereita
Bipartidismo
Partidos novos
Partidos minoritarios
Partidos estatais
Partidos non estatais

Recoñecemento

O modelo foi desenvolvido por Simon Jackman na linguaxe R, e o código utilizado aquí é unha adaptación persoal do orixinal de Xavier Fernández-i-Marín e Gonzalo Rivero.

Artigos

Quen mete ruído nas enquisas? (10/2/15)

The viewpoint (eleccións gregas) (23/1/15)

Sobre Podemos e o discurso limitador da ruptura (18/11/14)

Monarquía, medios, demoscopia e manipulación (8/6/14)