Enquisas Electorais

As enquisas electorais fallaron no seu conxunto ao dar o seu prognóstico electoral. A que máis se aproximou fíxoo baixo unhas bases metodolóxicas de ínfima calidade, orientada pola liña editorial do seu cliente e, por tanto, de forma accidental e non profesional. A enquisa a pé de urna tamén fallou, se ben non tanto, aínda que no fundamental (maioría do PP ou do bipartito) tamén pecou do mesmo defecto que as preelectorais.

Como amosan as gráficas que foron publicadas nesta web, as enquisas non acertaron a recoller o nivel exacto de cada forza, pero si as tendencias da lexislatura e do último semestre.

A auxe do PP e o retroceso dos membros do bipartito era perfectamente visíbel desde había meses. Pepe Blanco e os seus asesores foron quen de ver desde Madrid o que Touriño e os seus ou non viron ou non quixeron ver. Tampouco as enquisas publicadas polo BNG, as máis afastadas do resultado final, permitiron ao seu electorado adiantar e reaxir fronte ao que estaba a acontecer.

Outra cuestión máis difícil de prever é a abstención. Todos os datos obxectivos dispoñíbeis, tanto as reclamacións ao censo, como as solicitudes de voto por correo, indicaban baixa participación. Pero non foi baixa en todo o electorado, só naqueles segmentos máis preocupados con a participación democrática, desprazados, novos, urbanos e activos. Foi unha mobilización diferencial do voto á dereita, máis intensa contra ao final da campaña, xa superados os prazos legais de reclamacións e solicitudes, a que acabou de forxar a súa vitoria. O PP logrou activar electorado españolista urbano que con Fraga como candidato non adoitaba votar nas autonómicas, sen deixar ao mesmo tempo de mobilizar a case todo o seu electorado rural tradicional.

Botouse en falta durante toda a lexislatura a realización e publicación dun maior número  de enquisas, equidistribuídas no tempo e feitas coa mesma metodoloxía, para podermos calibrar adecuadamente se nas últimas semanas as forzas parlamentarias estaban por riba ou por baixo do nivel co que principiaran en 2005. Mais, como é patente, volvemos asistir a unha concentración de enquisas nos últimos meses e a un deserto no resto da lexislatura. Iso si, só as publicadas nos medios sumaron máis entrevistas que nunca antes na nosa historia democrática e demoscópica.

Mención aparte merece o tan enraizado como errado costume que teñen os xornalistas e as direccións dos medios de comparar os resultados dunha sondaxe cos resultados electorais anteriores: se os primeiros se refiren só ao CER os segundos adoitan incluír, salvo excepcións, o resultado definitivo, sumando CER e CERA, desvirtuando a comparación e o resultado evolutivo. No mesmo sentido xa non paga a pena comentar a extrapolación interesada que se fixeron dos resultados definitivos concello por concello a eleccións de diferente natureza, nos que boa parte da cidadanía vota de xeito diferente.

Análise de Resultados Históricos

A dereita vencedora e os altofalantes mediáticos non tardaron en cualificar a participación nestas eleccións como histórica. É certo que asistimos ao mínimo da abstención nuns comicios autonómicos, mais se comparamos datos homoxéneos a participación no CER só aumentou 2,4 puntos, pasando do 68,1% ao 70,5%.

Cómpre pois reducir a historicidade do resultado, xa que houbo 4 eleccións nas que se superou sobradamente o presente nivel de mobilización nas urnas: as xerais de 1993, 1996, 2004 e 2008. En todo caso o diferencial de participación entre as autonómicas e as xerais inmediatamente interiores non acadou o mínimo nestas eleccións: 5 puntos. Dito mínimo rexistrouse en 1989, cando a abstención foi idéntica en xerais e autonómicas, e foi tamén de 5 puntos en 1993 e 2001.

O dato realmente histórico destas eleccións é que por vez primeira en toda a democracia galega e en todos os tipos de comicios as catro provincias rexistran o mesmo nivel de apoio á dereita e á esquerda, cunha leve vantaxe para os primeiros. Isto só é indicativo de que nas provincias occidentais, máis populosas, urbanas e novas demograficamente, onde tradicionalmente a esquerda superaba en 5 ou 10 puntos á dereita, aconteceu un ou dous destes fenómenos:

a) Houbo un electorado progresista abondoso que preferiu a abstencións, e/ou
b) Mobilizouse o electorado urbano da dereita en moita maior medida que o da esquerda.

Aos efectos do diferencial de mobilización e participación cómpre sumar un segundo efecto, máis pequeno pero significativo abondo. Nestas eleccións autonómicas de 2009 a concentración de voto nas tres primeiras forzas (PP, PSOE e BNG) redúcese a niveis das xerais de 2004, tras ter atinxido máximos históricos nas últimas xerais de 2008 e nas autonómicas de 2005 (as do cambio bipartito). A fragmentación do voto en apoio a forzas minoritarias sen representación parlamentaria ten impedido a reprodución do voto útil necesario para que hai 3 anos e medio se tivera producido o cambio. Se a iso sumamos o incremento do voto en branco obtemos a explicación da derrota da esquerda fronte á dereita. Tanto ten se consideramos só ao PP fronte ao bipartito como se incluímos nos dous lado da comparación esquerda-dereita ás forzas minoritarias.

A análise da volatilidade electoral permite aproximarnos, á espera de estudos postelectorais específicos, ao xeito en que os electores mudaron o seu voto nestas eleccións. As autonómicas do 1 de marzo foron unhas eleccións tranquilas vistas á luz do conxunto dos comicios democráticos, tanto dos da mesma natureza como dos restantes. A volatilidade total (porcentaxe mínima de electores que cambiaron o seu comportamento electoral a respecto de 2005) cífrase no 5,1% do censo, inferior á que houbo en 2005 con respecto a 2001 e que fora do 7,2%. Non houbo xa que logo grandes viraxes do electorado considerado conxuntamente. O problema é que os movementos electorais, aínda que pequenos, producíronse no fío da navalla, arredor da leve raia que marcaba a maioría absoluta. E probablemente houbo movementos de signo contrario en zonas diferentes do territorio que compensaron a magnitude da volatilidade agregada.

Outro dato que se deriva da análise da volatilidade electoral é que non houbo un único factor que explique o cambio de comportamento nas urnas que abrazou como mínimo ese 5% do censo. Foi algo máis importante o volume dos que cambiaron entre esquerda e dereita, máis que entre os partidos e a abstención, pero precísanse ambos efectos para explicar o que sucedeu. O que non parece ser tan determinante é o movemento de votos de forzas galegas (fundamentalmente o BNG) a forzas alleas. Todo isto, cómpre insistir, considerando datos agregados para toda Galiza.

Así as cousas a explicación do sucedido pasaría, alén de polo diferencial de mobilización electoral, por unha permeabilidade de voto entre o PSOE e o PP e unha perda de votos tanto do PSOE como do BNG cara á abstención. A intensidade e o sentido destes movementos varía por provincias e tipos de concellos.

O outro dato destas eleccións, non tan visíbel pero crucial para a evolución do nacionalismo e do autogoberno, é o que demostra que o nivel de voto a forzas galegas nunhas eleccións ao Parlamento de Galiza retornou ao nivel de 1989: 17%, como agora, sumando daquela 9 escanos fronte aos 12 actuais. Hai 20 anos o nacionalismo presentárase ás eleccións dividido, tal e como estivera desde mesmo antes da Transición: 5 deputados o BNG, 2 Coalición Galega, 2 o PSG-EG e ningún o PNG-PG.

Dáse hoxe por tanto unha coincidencia múltipla e varios paralelismos, nos seguintes feitos:

1) Naquel ano cae como agora un goberno progresista de coalición na Xunta (o tripartito presidido por González Laxe)
2) Cae fronte a un novo candidato da dereita (entón Fraga).
3) A suma do voto a forzas propias, que nos últimos 20 anos foi (ao igual que o voto de esquerda) moi superior nas provincias occidentais, achégase nas catro provincias (sen coincidir) a un nivel moi semellante ao daquel ano 1989.

Con este resultado fica amortizado case ao 100% o avance electoral que durante anos se atribuíu á unión do nacionalismo baixo unhas únicas siglas, así como enterrado o éxito do modelo frontista de organización do BNG. Hoxe por hoxe non existen diferenzas substanciais con respecto á situación na que o nacionalismo se presentou ás eleccións por separado, en que cada forza tiña unha adscrición ideolóxica clara alén do seu carácter nacional máis ou menos marcado.

A diferenza fundamental con entón é que agora a sociedade galega é moito máis desenvolvida economicamente, ten xirado notoriamente á esquerda en canto ás súas preferencias electorais, e o inimigo a bater non está representado na imaxe dun ruralita galego coma ti senón na dun urbanita tan galego coma o que máis. Alén diso o ciclo electoral inmediato (até 2012) apunta máis dereita e máis voto a franquicias de forzas españolas en Galiza.

Estatística, Política e Cambio

A predecesora desta bitácora naceu uns poucos meses antes das eleccións autonómicas de xuño de 2005. Quizá por iso a súa vocación política sempre estivo moi presente a carón doutras inquietudes. Tamén porque o cambio non saciou o espírito crítico e as expectativas dunha boa cantidade de xente. Daí estas anotacións: