O Mirante

Eleccións Xerais 2015

Eleccións Autonómicas 2016

Eleccións Municipais 2015

Eleccións Europeas 2014

Eleccións Autonómicas 2012

Eleccións Municipais 2011

Eleccións Autonómicas 2009

Presentación

Até hai nada a política era concibida como un cheque en branco que os cidadáns daban aos seus representantes, os cales podían utilizalo durante catro anos sen dar a máis mínima explicación, gastando en non poucos casos máis crédito do que nel figuraba.

Eu atopei nas enquisas un xeito de coñecer cales eran as opinións e as demandas da xente nese tempo que transcorre entre unha elección e outra. Entendín que o primeiro paso para democratizar de verdade a representación pública pasaba por dúas cuestións: Unha, queremos saber. Outra, queremos decidir. En todo momento. As persoas só podemos aprender se tomamos as nosas decisións baseándonos nun fluxo de información o máis fidedigno posible, coñecendo de forma continua o que opinan os seus conveciños, aplicando o método da proba e o erro na escolla dos seus dirixentes. As enquisas poden acompañar procesos de participación cidadá máis complexos, e compleméntaos achegando informacións valiosas que permiten chegar a conclusións, acordos e cesións.

Contra o parecer xeral, son da da idea de que os números minten menos que as palabras, e que ofrecen refachos de luz nun mundo no que os falabaratos campan na política e no xornalismo. É ben certo que os datos tamén poden ser manipulados, pero só até un punto en que podemos analizalos e descubrir a súa falsidade. E iso moitas veces non se pode dicir dos discursos e dos artigos. Ciencia contra crenza. Estatística contra demagoxia.

Non son imparcial, pero quen o é? O valor dos meus traballos é a súa neutralidade. Diversos comentaristas ao longo e largo do espectro político teñen manifestado que as miñas publicacións están feitas de xeito profesional e son confiables, anque non estean libres de erros. As miñas interpretacións son obviamente subxectivas, pero os datos que as sustentan son os da subxectividade dos electores, da cidadanía. Pode discutirse a súa validez e grao de fiabilidade, pero non refutalos sen achegar outros. As máis das veces refútase todo cegamente, nun panorama en branco e negro que casa mal coa riqueza de matices da realidade. Aquí é onde a estatística pode axudarnos a contralar os nosos impulsos irracionais e a fundamentar a nosa ideoloxía en bases firmes.