Sen rodeos. O xornalismo de datos ou de precisión neste País é unha quimera igual de inalcanzable que o xornalismo de investigación. Polo menos cando medios, editores e xornalistas só escriben ao ditado dos poderes fácticos e os seus partidos instrumentais.

O 2 de outubro pasado La Voz de Galicia publicaba unha noticia sobre o IBI nas cidades galegas que ocupou as seccións de portada e economía. Nela facíase unha comparación da evolución do recibo do IBI desde 2008 a 2014, durante o período de recesión económica. Os datos fornecidos foron tirados da web do Ministerio de Economía. O autor comparaba valores absolutos medios de cada cidade para concluír que Santiago de Compostela era a cidade onde máis medrara o recibo do IBI.

Esa é a noticia que dá o xornal máis vendido de Galicia. Esta é a realidade:

Santiago de Compostela, a única das 7 cidade que experimentou unha revisión catastral no período

Efectivamente, abonda con ir á mesma fonte de datos para verificar que a capital de Galicia tivo unha revisión catastral no ano 2010. Ourense (2006), Ferrol (2004), Pontevedra (2001), Lugo (1998), A Coruña (1997) e Vigo (antes de 1989) tiveron a súa última revisión antes do período analizado na prensa. Ningunha das outras cidades a tivo.

Todo o mundo sabe que nas revisións a simple actualización das ponenvias de valores tende a incrementar o valor catastral dos inmobles. As subas que experimentaron o resto de cidades con ocasión das súas revisións fican fóra do período analizado polo xornalista, prexudicando a Compostela. Non se poden comparar allos e bugallos.

Comparando o recibo medio co valor catastral medio do inmoble medio o IBI en Compostela sae barato

Utilizar os valores absolutos do recibo do IBI ten un punto de trampa. O inmoble medio é diferente en cada cidade, en características, situación e valor. Se temos unha mínima idea de igualdade e defendemos a equidade fiscal, que cada quen pague en función do que ten, parece lóxico que os inmobles máis caros paguen un recibo máis alto.

Pois ben, Compostela ten o inmoble medio co valor catastral máis elevado das sete cidades galegas. A pesar de que este inmoble prototípico ten un valor un 34% superior ao do análogo da Coruña o importe do recibo nas dúas cidades é o mesmo. Se comparamos Compostela con Ourense, a cidade galega que tivo a revisión catastral máis próxima no tempo, o inmoble medio da capital de Galicia é un 70% máis caro que o ourensán, e en cambio o recibo só é un 48% máis caro.

Se consideramos a renda media municipal o IBI de Compostela afórralle cartos aos ricos

Santiago de Compostela ten a renda media máis alta das sete cidades galegas. Tanto se utilizamos os datos de renda familiar bruta dispoñible do IGE (2009), como a estimación que fixo o INE para a renda media mensual neta por fogar (2012) ou a máis recente de ingreso mediano mensual por fogar do IGE (2013), a capital galega é a máis rica de Galicia.

IngresoFogar2013

GiniGalicia2013

Non sería xusto que as familias con máis ingresos contribuíran polas súas propiedades non só con máis diñeiro, senón que o fixeran nunha porcentaxe superior da súa renda? Pois co IBI de Compostela acontece o contrario.

En Ourense o recibo medio do IBI supón o 3,4% da renda familiar bruta dispoñible por habitante anual, en Pontevedra o 3,2%, en Vigo o 3,1, en Lugo e Compostela o 3,0%, e en Ferrol o 2,6%. A cidade máis rica paga proporcionalmente menos que a maioría. Regresividade fiscal. En xeral unha ollada ao IBI nos máis de oito mil municipios españois devólvenos este paradoxo: dedican unha maior parte da súa renda a pagar un imposto pola vivenda os concellos máis pobres.

O IBI non o paga todo o mundo, só os propietarios, e sobre todo os multipropietarios

  • Só 2/3 da poboación empadroada en Compostela residen habitualmente en vivendas da súa propiedade. Para comezar 1/3 da poboación non é propietaria, ou polo menos non o é dunha vivenda en Compostela. Ese terzo da poboación nunca se verá agraviado polo imposto, e, ao contrario, beneficiarase dos servizos públicos prestados polo Concello grazas aos ingresos do IBI. Hai tantos non-propietarios como multipropietarios: 1 de cada 3 habitantes de Compostela teñen polo menos unha segunda vivenda, o 10% teñen como mínimo 3, e os 100 maiores propietarios da cidade son donos dunha media de 15 vivendas.
  • O 20% das vivendas de Compostela é propiedade de persoas que teñen a súa residencia noutro concello. Por iso o 20% do que se recada sae do peto de habitantes doutros municipios galegos e españois que decidiron investir na cidade. Se teñen medios para investir en segundas ou enésimas vivendas, rexeitar pagar menos dun euro ao día pola súa propiedade non é só que sexa egoísta, é que é antisolidario.
  • En Compostela hai 9.500 vivendas baleiras, moitas propiedade dos bancos que rescatamos con diñeiro público de todos, e outras 9.500 son segundas residencias, segundo os datos do Censo de Poboación do INE (2011). Alguén ten pisos vacíos sen usar e sen alugar, e non quere pagar por eles mentres hai xente sen teito. Compostela é a cidade galega onde o prezo do metro cadrado máis se resistiu a baixar, onde a burbulla máis se mantivo no tempo, e iso acontece porque se favoreceron os procesos de especulación inmobiliaria con niveis ínfimos de fiscalidade tanto no IBI como no Imposto de plusvalías ou no Imposto de construcións, instalacións e obras.
  • A herdanza dos gobernos municipais anteriores en Compostela: un gasto social por habitante ridículo, imposible de elevar a niveis razoables sen unha política fiscal decidida, xusta e redistributiva. Esa é a proposta de Compostela Aberta: subir o IBI ao 10% de propiedades máis caras da cidade. O resto do que escoiten e lean nos medios de comunicación é ruído dos interesados en preservar a súa comodidade.

O carto para que?

Pois para levar a cabo unha política social real, nunha das cidades galegas e españolas que menos inviste no benestar das persoas e colectivos máis necesitados. Compostela debe pasar de ser unha cidade onde impera a cultura do novo rico a outra que fomente a solidariedade, a cooperatción e o benestar de toda a poboación. Porque iso non só nos fai mellores, é que ademais estimula e economía e fainos verdadeiramente ricos.

GastoSocialHab2013

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*