55e7d71096145-sam_1342Nas pasadas eleccións municipais o BNG obtivo o 12,9% do voto válido. Nos concellos onde se presentou a media foi do 13,4%. Mais as expectativas para as xerais son ben inferiores a eses 190 mil votos municipais.

Hai 4 anos nas eleccións ao Congreso o Bloque obtivo case eses mesmos votos (11,2%, con maior participación) e 2 deputadas. En contraste, a última vez que ficou fóra do Congreso, en 1993, obtivo 127 mil (8,0%). Nun punto intermedio, arredor dos 150 mil votos ou do 10% do voto válido, sitúase o fío da navalla sobre o que se decide o futuro da fronte nacionalista.

Tres son os factores que xogan en contra do BNG: a tendencia social e electoral minguante (que dura xa 15 anos), o feito de que desde Nunca Máis obtén menos votos nas xerais que nas municipais (o contrario do que pasaba anteriormente) e un desprazamento do centro de gravidade do seu electorado cara segmentos máis envellecidos e rurais (o que o afasta das innovacións políticas e electorais que se veñen sucedendo desde o 15M nas zonas urbanas).

Á luz destes tres elementos, vexamos cal foi o comportamento electoral do Bloque nas pasadas eleccións municipais, diferenciando os concellos nos que se presentou en función do número e cualidade das candidaturas rivais coas que tivo que concorrer:



Resultado medio do BNG nas eleccións do 25M

 Voto válido (%)
Onde o PSOE non presentou candidatura38,0
Onde foi a única alternativa a PP e PSOE20,4
Onde houbo candidaturas SON (EU e/ou Anova)13,8
Onde houbo candidaturas de Compromiso por Galicia12,8
Onde houbo candidaturas de Cerna11,1
Onde houbo candidaturas (oficiais ou non) de Podemos10,3
Onde houbo mareas municipais10,0
Onde houbo outras candidaturas de esquerdas7,6
Fonte: Ministerio del Interior. Resultados provisionais.

Sen máis rivais políticos ca el fronte ao PP e o PSOE, o BNG foi quen de superar o 20% do voto válido. Mais en canto compartiu cartel con outra oferta electoral nacionalista ou progresista automaticamente o seu nivel de voto reduciuse de xeito significativo, como mínimo nun terzo.

A redución atinxiu a metade cando o Bloque tivo como concorrente directo ben unha marea ben unha candidatura nacida ao abeiro dos círculos de Podemos, situándoo á beira do 10% do voto válido, esa referencia crucial. Porén, cando competiu con outras candidaturas municipais de esquerdas (locais, galegas ou estatais) a perda de votos aumentou até preto de dous terzos.

Non é difícil imaxinar que nas eleccións xerais, na hipótese pouco desexable de se presentaren varias candidaturas alternativas ao bipartidismo, unha delas liderada polo BNG e outra ou outras participadas por Podemos, Anova, IU e/ou as mareas, sabendo que esoutras candidaturas concorren en todos os concellos nas catro provincias, o Bloque caería por baixo do 10%, pode que até por baixo do 8%, ficando automaticamente fóra do Congreso.

Eses son os datos reais das últimas eleccións municipais. Diversas enquisas sobre as eleccións xerais, elaboradas nos concellos galegos durante o outono pasado, amosaban que o partido de Pablo Iglesias recibiría el só entre o 30% e o 40% dos votos nacionalistas do 2011 (de forma directa, sen contar os adicionais que puideran provir dos indecisos). O actual nivel demoscópico de Podemos é equivalente ao que existía entón, polo que aquela sangría de voto probablemente se materializaría agora con similar intensidade.

Outro indicador desta situación de ruptura coa súa base electoral dánolo a fidelidade de voto, a porcentaxe de antigos votantes nacionalistas que repetirían voto (nótese que en 2011 o BNG englobaba case todo o nacionalismo). Os seguintes son datos demoscópicos, obtidos de mostras pequenas, mais que considerados por xunto sitúan a fidelidade ao Bloque nas xerais arredor do 40%.



Fidelidade de voto ao BNG cara ás eleccións xerais

 %
CIS, Galicia, xerais > xerais, media outubro 2014-abril 201539
GESOP, Galicia, xerais > xerais, decembro 201460
Calidonia Hibernia, concellos medianos da provincia de Lugo, municipais > xerais, setembro-novembro 201422
Fonte, ámbito, recordo > intención de voto, e data

Cal foi a resposta do BNG perante a perspectiva da quebra electoral e financeira que suporía ficar fóra do Congreso? Máis unha invocación dos innegables valores da unidade por parte da UPG. A novidade esta volta radicou en que, por primeira vez na historia do Bloque, a U tivo que botarse de fóra da fronte para promovela: así naceu o chamamento por unha manifestación unitaria o 25X, reciclado logo como o Banquete de Conxo 2.0 e reconvertido agora na Iniciativa ‘Pola U’. Todos estes nomes e movementos remítennos a unha unidade nacionalista, en campo nacionalista, cando non exclusivamente nacionalista. Un regreso ao pasado pre Amio para unha reunificación nacionalista con reminiscencias da AN-PG. Unha manobra que procuraba, con permiso de Anova, manter invariable o control político do nacionalismo por parte da U. Con efecto, o tempo é circular no outeiro do Medulio.

Neste percorrido á Benjamin Button a U conta coa complicidade de Cerna (desexosos de reingresar na nave nodriza no horizonte do 2016) e de boa parte de Compromiso por Galicia e Somos Nós (os restos do gran lobby quintanista que foi Máis Galiza). Estes dous partidos achegan ao rescate do Bloque 25 mil votos adicionais e unha coincidencia plena no discurso nacionalista clásico, aquel que confunde e identifica de forma reducionista os partidos que teñen unha visión nacional de Galicia cos partidos nacionalistas, o grupo parlamentario no Congreso co grupo nacionalista galego, e, en definitiva, Galicia co nacionalismo. Candidatura de unidade nacional pero ollando por riba do ombreiro todo o que non sexa nacionalista.

Ningún destes vellos coñecidos da política galega fixeron aínda diagnóstico da deriva electoral e social do nacionalismo galego durante o século presente. Descoñecen ou, peor, ignoran á mantenta o alcance e a natureza da separación entre o que predican e o que Galicia é hoxe e pode ser mañá. Semella tarde de máis para salvar a ruptura xeracional que existe entre o mundo que representan e a sociedade, mesmo colocando á fronte desas plataformas algunhas caras mozas e sobradamente preparadas. Non se pretende outra cousa que pechar en falso unha triple crise estrutural, ideolóxica, organizativa e social.

Podería entenderse ese chamado á confluencia do mundo Bloque se antes ca eles non foran AGE, Podemos e as mareas os primeiros que non só enunciaron senón que practicaron a confluencia e a verdadeira unidade popular, a que achega as organizacións políticas ao pobo, tanto no discurso e na retórica como no método participativo que lle dá voz directa á cidadanía. Podería comprenderse esa estratexia à la APU do xuntos-máis-fortes se non tiveran sido eles os primeiros a rexeitala e autoexcluírse nas pasadas eleccións municipais. Podería compartirse ese desexo aparente de contrición se Pola U non fora unha contraprogramación ao Encontro por unha Marea Galega, unha iniciativa cidadá e apartidaria que defende a unidade popular con maior pluralidade de ideas e abertura de miras. Nun tempo en que caducaron as vellas formas partidarias de facer política a maioría social xa non é propiedade nin couto exclusivo de forza ningunha, e a confluencia e a unidade de nacionalistas e non nacionalistas é a única forma admitida para traballar e gañar o cambio político.

Que non se me entenda mal. O BNG é necesario e conta e suma na unidade popular. A forza dunha papeleta única para o cambio compensa sobradamente o rexeitamento que o vello nacionalismo xera nalgúns sectores da poboación. Fronte aos 5 mil militantes do BNG-aparato pode haber un BNG-sociedade de 100 mil votantes mal representados polos seus dirixentes, e fronte a todos eles unha maioría social de progreso duns 400 mil á procura dunha candidatura de unidade innovadora, libre das pexas do pasado. A chave para o BNG está en recoñeceren criticamente a súa deriva e a súa situación, e en se recoñeceren non como problema senón como parte da solución: participar nunha Marea Galega onde non poden ser nin a cara visible nin a man invisible, onde terán un espazo para expresaren as súas ideas escoitando tamén as dos máis, e onde se habilitarán ferramentas de participación (primarias, referendo) coas que decidir, xunto a toda a cidadanía galega e en pé de igualdade, o futuro de Galicia.

Supoñamos superados o tradicional veto ás forzas políticas estatais que teñen e comparten unha visión nacional de Galicia. Supoñamos que o nacionalismo meduliano entende á fin que hai miles de concidadáns que son nacionalistas ou que teñen un sentimento de identidade diferencial innegable e que, porén, votan moi conscientemente a estas forzas non nacionalistas. Se admitimos isto o debate sobre a relación entre Galicia e España non se pode dar antes das eleccións, nin ser posteriormente causa de disputas e rupturas. É a cidadanía e non os partidos quen debe decidir iso chegado o momento.

Unha última reflexión. A relación do BNG coa candidatura unitaria da Marea Galega non pode circunscribirse só ás próximas eleccións xerais, senón que debe estenderse de forma inequívoca ás próximas eleccións autonómicas. Vista a necesidade que o Bloque ten de manter representación en Madrid, dese xeito despexaríase calquera sospeita de oportunismo e visualizaríase inequivocamente o seu compromiso co cambio político, tanto no Estado como en Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*