New wave galegaSe alguén pensa que o noso marco institucional quedara definitivamente asentado entre o 75 e o 81 que se desengane. Hoxe o noso País ten máis defensores da centralización do Estado que de avanzar na Autonomía. A crise agasallounos coa consciencia de que todo avanzo é reversible e perecedoiro.

Propor un programa político á medida deste pobo require de tanta valentía como sentidiño. Só con intelixencia e ilusión farémolo posible e perdurable. Matinarmos máis no legado ás nosas fillas e menos na nosa satisfacción, máis no colectivo que na propia biografía. Construír aquí e agora para os vindeiros 30 anos. Velaí o desafío. Repensar a Nación e superar o caos partidario existente na esquerda galega.

Rexeitemos os designios históricos. O pasado, máis que impulsarnos, lástranos. Impera no militante nacionalista un espírito tan irredento como meduliano. E o caso é que case todas nós loitamos para sobrevivir e despois prevalecer, non para suicidarnos. O nacionalismo galego sempre a tecer e destecer sen cuestionar a materia prima. Ao final Amancio manda a buscar o pedido e non hai nada feito.

E é que houbo dous nacionalismos, non un.

O primeiro afonda as súas raíces na mellor tradición de loita social pola emancipación dos colectivos marxinados e oprimidos. A súa esencia é a xustiza social, entre as persoas e os territorios, entre os pobos. Mais este nacionalismo errou repetidamente ao inserirse nunhas coordenadas independentistas e antiespañolas absolutamente minoritarias neste País, unha terra dual e desestruturada no que se hai un nexo común a todas é o autonomismo e o federalismo. Os habitantes deste nacionalismo pecháronse no seu propio mundo paralelo, tinguido de tantas luces como de sombras, e viraron as costas á realidade, incapaces de diagnosticala e de anticiparse aos acontecementos. Non souberon ligar o seu programa político á mellora das condicións de vida da xente, en especial das novas xeracións.

O segundo nacionalismo alimentouse da posición social, económica e profesional lograda, desde a Transición e durante a construción da Autonomía, polos seus principais promotores. Os pioneiros e os seus pupilos ocuparon nichos institucionais de poder e influencia política, académica e cultural que hoxe se esgotan en si propios. Perseguiron unha idea mítica de Galicia. Mais o silencio electoral co que bateron converteunos en lobbistas que despregaron as mesmas vellas prácticas clientelares que coñeceron no seu ascenso. Esas formas que repudia toda unha nova xeración de galegas ás que se lles nega calquera plan de vida no País.

Ningún destes nacionalismos ten futuro. Os tempos son chegados doutra visión de Galicia e doutras formas de construíla en común. Tras 15 anos de retrocesos electorais continuados os nachos deben anovarse ou morrer. E como a sociedade galega non vai permitir isto último, esixe unha autocrítica crúa e sincera. Cómprenos deixar atrás todas as ideas avellentadas que foron derrotadas por fin e para ben. Asumamos a derrota. Tracemos a nova rota. A Nación non se esgota nestes nacionalismos.

A new wave do nacionalismo galego non será un trasunto das vellas caras ou da excelencia no maquiavelismo. Esta nova onda non a liderarán quen foron incapaces de evolucionar, alimentaron servilismos ou xuraron fidelidades inquebrantables para maior gloria propia ou dos seus microorganismos. O futuro farase en nós con moitas preguntas, e facéndonolas coa xente. Explícao mellor ca min o amigo Subiela no seu Para que nos serve Galiza?, mais coa habelencia de non criticar a ninguén.

Nesta xeira hai compañeiras de viaxe boas e xenerosas que si nos entenden, si, e queremos camiñar ao seu lado, comprendéndoas nós tamén. Achegamento, roce, coñecemento, aprendizaxe, acordo e nada de matrioskas. A única receita viable para derrotarmos á dereita. Só así poderemos conducir o País cara ao progreso da maioría social.

Mirámonos de camiño ao Congreso e máis ao Hórreo. Por unha marea nacional. Por unha enchente de Galicia. Por unha nova onda galega. Vellos punk-rockers, sede benvidos.

Publicado no número de xuño da revista Luzes.

Etiquetas:
 

One Response to A new wave galega

  1. Non, caro Carlos, non… Opinas que a new wave do nacionalismo non serán estes ou aqueles…, mais logo…, quenes serán?… ises?…, non…, poden ser new wave…, mais o que non serán é nacionalismo!…, (e new wave, tampouco)…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*