En Galicia a seca de enquisas é abraiante. Só unha empresa e un grupo de comunicación, Sondaxe para La Voz de Galicia, publícanas regularmente. Nas eleccións municipais sinala que Galicia se vai comportar dunha forma moi distinta ao resto de España, e que Ciudadanos apenas lle restará votos ao Partido Popular.

Neste artigo tento argumentar en contra da mensaxe que transmiten eses inquéritos, e fágoo, coma sempre, achegando datos.

Todas as cifras utilizadas proveñen dos resultados electorais oficiais que figuran na web oficial de resultados electorais do Ministerio del Interior e da base de datos de sondaxes electorais de Calidonia Hibernia, construída laboriosamente ao longo destes 4 anos a partir de diferentes fontes (neste punto debo agradecer o traballo das persoas por detrás de Electograph, Electomanía, Wikipedia e demais webs que recollen e fornecen desinteresadamente estas informacións).

As algo máis de 300 sondaxes electorais refírense normalmente a cidades de máis de 50.000 habitantes, polo que non deben ser interpretadas como unha mostra representativa do conxunto de España ou dos máis de 8.000 concellos que hai no Estado. Agregadamente reflicten, en todo caso, o comportamento da España urbana, e en particular pode que estean nesgadas en favor das cidades máis populosas e dos concellos onde unha maior concorrencia electoral provocou a realización e publicación dun maior número de inquéritos.

A partir dos datos orixinais publicados procedín a descontar linealmente en cada enquisa o house effect que a empresa demoscópica comete para cada partido nas eleccións xerais. Dáse a circunstancia de que boa parte das sondaxes municipais están elaboradas polos mesmos autores que publican estimacións para estoutra convocatoria electoral. A intención é corrixir cando menos parcialmente os nesgos de parte que cometen moitas casas e cadanseus medios de comunicación.

Para todas aquelas empresas que non publican enquisas para as xerais simplemente asumín que carecen de nesgos sistemáticos, anque teña a convicción de que isto non é verdade. De feito, as enquisas para as eleccións municipais sofren moitas máis interferencias que as das xerais, pois no ámbito local as presións e intereses adoitan ser moito máis próximos e intensos. Mais como carezo de información sistemática para corrixir as estimacións destas empresas locais nun sentido ou noutro, parto da premisa de supoñelas limpas.

Evolución do Partido Popular

O Partido Popular vai sufrir un retroceso medio de aproximadamente 10 puntos porcentuais a respecto da porcentaxe de voto válido colleitada en maio de 2011. Obvia dicir que a caída va ser moi diferente dependendo de cada cidade ou concello, pero parece indiscutible que o retroceso medio se vai mover arredor desa magnitude.

PP

Evolución de UPyD

A formación rosa hiperliderada por ídem Díaz tivo un pequeno momento de Gloria mediado o mandato municipal, cando tanto ela como Izquierda Unida parecían ser a alternativa ao bipartidismo no escenario demoscópico das eleccións xerais. Porén, desde finais de 2013 a boa estrela comezou o seu declínio, e a operación mediática Ciudadanos rematou coas súas aspiracións electorais, e quizá mesmo coa súa sobrevivencia no curto prazo.

UPyD

Hoxe UPyD perdería representación naqueles concellos nos que se presenta. Por descontado, os datos non contabilizan aqueles concellos onde UPyD deixa de presentarse, o cal redundaría en perdas cuantitativas aínda maiores.

Evolución de Ciudadanos

C's

Desde o salto á política estatal co gallo da eleccións europeas a formación catalana non podía máis que sumar enteiros. O axuste polinómico do gráfico non pretende ser perfecto, pero é evidente que o seu maior crecemento se rexistra desde comezos deste ano, coincidindo coa campaña mediática promovida polos grandes grupos de comunicación e empresariais que converteron ao partido de Albert Rivera na alternativa natural e instantánea da dereita ante o retroceso ramplante de PP e UPyD.

De forma predeterminada e por termo medio, Ciudadanos obterá alí onde se presente, dentro do ámbito urbano xa referido, arredor do 13% do voto válido. A variabilidade do seu nivel de voto tamén é moi elevada, como no caso do PP, e o rendemento electoral dun vai intimamente ligado ao rendemento do outro, como veremos no seguinte gráfico.

Evolución conxunta da dereita (PP + C’s + UPyD)

Coa irrupción de Ciudadanos a suma do voto conservador vai lograr recuperarse até igualar o resultado agregado de PP e UPyD (e Ciudadanos en Catalunya) de 2011. O obxectivo dos promotores de Albert Rivera foi conquerido. Só o efecto desporporcional da Lei d’Hondt logrará diminuir a representación municipal da dereita, segundo estas proxeccións.

Dereita

Outros datos extramostrais sobre a composición demográfica dos concellos enquisados, apuntan a que este mantemento do voto á dereita non vai ser homoxéneo. Ao contrario, vai existir un swing (cambio de voto) diferente e oposto dependendo dos lugares:

  • Canto máis nova sexa a poboación dun concello maior será o retroceso da dereita. Só os municipios urbanos máis envellecidos lograrán resistir nos niveis de voto de 2011.
  • Canto menor sexa a taxa de ocupación maior será o retroceso conservador. A crise económica pásalle factura ao PP e aos seus sucedáneos.
  • A maior presenza de poboación estranxeira na cidade ou concello peor será o nivel de voto conservador. Aqueles que máis se beneficiaron da explotación de man de obra inmigrante e máis recurtaron os seus dereitos, recibirán un castigo electoral maior.
  • Maiores proporcións de persoas universitarias na poboación relaciónanse con mellores resultados para os conservadores. Este dato contradí aparentemente os resultados de moitas análises politolóxicas, conducidas sobre todo o territorio, que demostran unha relación inversa entre poboación titulada e resultado da dereita. Na miña opinión o que revela é que, dentro do ámbito das grandes cidades, especificamente urbano, o fenómeno de concentración económica e territorial da riqueza produce guetos electorais das persoas máis adiñeiradas, isto é, da dereita. A correlación dos datos de renda familiar bruta ou de conexións de acceso a internet de banda larga confirman esta impresión.

Canto lle quitará Ciudadanos ao Partido Popular?

Os datos indican que, por termo medio, Ciudadanos faríase o 24M co 30% do voto agregado da dereita nos 336 concellos-enquisas analizados. Se engadimos os puntos ou décimas que pode obter UPyD alí onde se presenta, o resultado é que o PP perdería practicamente 1/3 do voto colleitado en 2011. Un dato terrorífico para o partido presidido por Mariano Rajoy a tan só 6 meses das eleccións xerais. Os números explican o nervosismo que impregna as fileiras populares e a baixada á area municipal de moitos dos seus dirixentes estatais e autonómicos.

Pastel

Este 30% é unha porcentaxe moi flutuante en función das variables socioeconómicas e políticas que caracterizan cada terreo electoral. Mais o sorprendente é que para Sondaxe a media das 7 cidades sexa, no seu primeiro segundo último día de tracking para La Voz de Galicia, unha proporción de só o 16% 15% 9-10%, ou sexa, a metade terceira parte da media que se rexistra en toda España.

A comezo do tracking a proporción C’s/Dereita estimada por Sondaxe era especialmente baixa nas cidades de A Coruña, Ferrol  Santiago de Compostela. Trátase curiosamente dos maiores mercados de audiencia e vendas desta cabeceira xornalística, así como das tres alcaldías urbanas que posúe o Partido Popular en Galicia, e as tres na mesma provincia, a da Coruña, cuxa Deputación está en xogo.

Vai ser o PPdeG a nova UCD que conserva en Galicia un poder local e autonómico que perde sen remisión de forma xeneralizada no resto de España? É unha teoría que veño enunciando desde hai anos, pero que sempre formulei en relación coa Galicia rural, vilega e interior, non coa urbana, metropolitana e litoral. Cústame crer que coas diversas situacións de corrupción habidas na maioría das cidades galegas, o PP vaia perder menos do que se rexistra noutras latitudes, independentemente de que sexa forza de goberno ou de oposición ou de que coñeceramos máis ou menos escándalos.

A proporción da trabada que Ciudadanos lle mete ao Partido Popular está influída por:

  • A densidade de poboación: canto maior é a concentración demográfica maior é a proporción que lle arrebata ao conxunto da dereita e ao PP. Chega ao 40% na cidades máis densas de Catalunya, rolda o 30% nas cidades con densidade de poboación semellante á da Coruña (a máis densa e vertical das cidades galegas) ou o 25% nas equiparables a Vigo.
  • A proporción de titulados universitarios na poboación: canto maior é maior é a porcentaxe de electores que o PP cede a Ciudadanos. A porcentaxe que correspondería a algunhas cidades galegas sería do 29% en Compostela (a cidade galega máis universitaria), ou do 27% na Coruña e en Pontevedra.
  • A taxa de ocupación: nos concellos con máis incidencia do paro a proporción da cesión de votantes pode aumentar até 10 puntos porcentuais con respecto a aqueles nos que é menor. En case todas as cidades galegas a taxa de ocupación equivalería a unha trabada do 25% dos antigos votantes populares.
  • O nivel de renda: o tamaño da trabada oscilaría entre o 25% de Ferrol (a cidade galega con menor renda) e o 28% de Compostela (a que máis).

É certo que os transvasamentos de voto do PP a Ciudadanos son máis abondosos cando o peso electoral da dereita é menor, isto é, cando non ten o poder, pero ao mesmo tempo temos contraexemplos de que é precisamente nas cidades e CC.AA. onde o PP concentrou máis poder e onde campou a corrupción onde parece que irán recibir un maior castigo nas urnas.

No que atinxe á valoración de líderes, os candidatos e as candidatas de Ciudadanos son tan descoñecidos/as aquí como no resto de España. Non parece que o tamaño do botín de Ciudadanos dependa da súa popularidade. Estamos perante un voto de castigo ao PP, cunha marcada nota xeracional e de clase, cuxa contía depende máis dos erros do PP que do partido de Albert Rivera.

Se nos remitimos á valoración dos candidatos populares, os poucos datos dispoñibles dinnos que que só o alcalde de Ferrol avantaxaría significativamente ao conxunto dos seus rivais. Non é tanto o caso de Carlos Negreira na Coruña nin o de Agustín Hernández en Compostela, onde a relativa aceptación dos candidatos non é capaz de compensar a percepción negativa da valoración da xestión do Partido Popular durante todo o mandato (e todo isto se nos fiamos das valoracións das enquisas de Sondaxe/La Voz, moi variables a respecto das que a mesma empresa e xornal publicaron hai apenas 15 días).

Haberá quen pense que o tamaño da trabada depende non tanto de variables sociodemográficas como de variables políticas, por exemplo do nivel do voto histórico ao PP e a UPyD, este último moi minoritario en Galicia. Porén, unha ollada á suma UPyD+Ciudadanos nas últimas eleccións europeas confirma que aquel tradicional monopolio do PP na dereita tamén rematou na Galicia urbana: Ferrol (6% do voto válido, equivalente ao 17% da dereita), A Coruña (7,4% ~ 22%), Compostela (6,8% ~ 19)%, Pontevedra (7% ~ 20%), Vigo (6,2% ~ 20%), Lugo (5,9% ~ 15%), Ourense (6% ~ 16%).

En definitiva, non parece haber razóns de peso para que a mordida de Ciudadanos ao conxunto do voto conservador, que en Galicia practicamente monopoliza o Partido Popular, sexa do 16% 15% 9-10% no que se moven as estimacións de voto de Sondaxe, nin parece crible que Ciudadanos non acade representación en Compostela. Nas europeas, cun Ciudadanos 3 veces máis pequeno electoralmente no Estado que agora, a media conxunta das 7 cidades roldou o 20%. Todo indica que esta vez podería facerse tranquilamente cun mínimo do 20% e un máximo do 30%. Esa sería a magnitude dos votantes populares nas municipais de 2011 que lle darían as costas aos de Rajoy e Núñez Feijoo.

Ítem máis, historicamente os transvasamentos de voto no centrodereita e o centro nunca se visualizaron nas enquisas. Por iso, por exemplo, as transferencias entre o PSOE de Javier Losada e o PP de Carlos Negreira na Coruña non apareceron ou apareceron moi minguadas nas enquisas de hai 4 anos.

Podo equivocarme e Sondaxe acertar. Mais se iso acontece, se nas cidades galegas o PPdeG aguanta o empuxe de Ciudadanos mellor que no resto da España urbana, entón non está todo perdido. Presenciariamos a primeira manifestación electoral do carácter diferencial (nacional?) da dereita galega urbana, a máis españolizada e vinculada ao poder económico e empresarial. A min non me convence, mais non se consola quen non quer.

Etiquetas:
 

One Response to A trabada de Ciudadanos ao Partido Popular nas cidades

  1. S.Nunes di:

    De ser certa a hipótese que sustentas (Cidadãos como um voto de castigo ao PP fundamentalmente da classe média-alta, urbana e universitária), estariamos ante a “independência” orgânica dos “birretes” do PPdG?

    Se isso for certo, o mesmo se diria para outros candidatos de zonas rururbanas, com estratos semelhantes às cidades do litoral: Baiona, Cangas, Vila-Garcia, Cambre ou Arteijo deveriam de responder a esta mesma situação.
    Do caso particular que conheço (Cangas) há duas candidaturas na direita que poderiam trabar esse 25% ao PP (agora na alcaldia com um 40$ dos votos). Em particular um concelheiro desta legislatura que abandoa o PP há 10 meses. A sua candidatura não é a de cidadãos, mas poderia ser o protótipo. Se isso for certo, também aquí ele poderia chegar até um 15%-25%.

    Estas eleições são o laborátorio dos novos movimentos pela direita e pela esquerda alternativa ao PSOE, também no nacionalismo galego. Será muito interessante olhar a dupla luta eleitoral BNG-Marés e BNG-CxG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*