O CIS publicou hoxe a súa sondaxe preelectoral das municipais para Santiago de Compostela. Neste artigo debullo o gran e separo a palla.

O que será titular mañá nos medios de comunicación tradicionais será a proxección de actas que fai o CIS. Unha auténtica aberración en materia de cociñas demoscópicas, polo que veremos a seguir. Porén, todos os demais datos da enquisa contradín a estimación de voto e apuntan noutra dirección ben distinta.

Situación xeral da cidade

Compostela vén experimentando desde 1995 un declive ininterrompido no tocante á visión que a cidadanía ten da súa cidade. Do optimismo ou da valoración netamente positiva que se facía na época de Xerardo Estévez pasouse neste último mandato a unha situación practicamente neutra, na que case tantas persoas posúen valoracións positivas como negativas, sendo maioría os que non a ven nin dun xeito nin do outro.

1

Haberá a quen lle sorprenda que a valoración global dos veciños e das veciñas de Compostela non sexa peor, sobre todo despois do que choveu, mais o certo é que a capital de Galicia é unha cidade na que se vive relativamente ben, máxime se a comparamos coas respostas que se dan hoxe no resto de cidades galegas. Iso explica que a pesar da tendencia negativa a visión xeral da cidade hoxe sexa moderada e contida.

2

Evolución xeral da cidade nos últimos 4 anos

Se en vez de prestarmos atención ao presente pedímoslle ás persoas entrevistadas que avalíen a evolución da cidade nos últimos 4 anos, os datos comezan a dar resultados algo diferentes: mantense a tendencia a empeorar e, ademais, a avaliación do último mandato xa é plenamente negativa.

3

O índice que resume todas as categorías de resposta acada neste caso un valor inferior ao 50 que sinala o punto medio da escala.

4

Por tanto, se falamos da impresión que os cidadáns e as cidadás de Santiago de Compostela teñen sobre a súa cidade, a evolución nos últimos 20 anos é negativa, e ademais a percepción do cambio a peor é máis intensa nos dous últimos mandatos. A recesión económica coincide co empeoramento da visión, se ben a tendencia decrecente leva rexistrándose durante 5 mandatos municipais.

Valoración do goberno municipal nos últimos 4 anos

Cando o CIS pasa de avaliar a situación xeral da cidade, en todos os seus posibles e variados aspectos, a centrarse na situación política en particular, e especialmente na valoración da xestión do goberno municipal saínte, o comportamento xa comentado sobre a cidade en xeral non só non varía senón que acentúa a súa negatividade:

5

Por cada persoa que di que a xestión de goberno municipal foi boa hai 4 que opinan que foi mala ou moi mala. Nesta pregunta é onde se aprecia máis claramente o impacto dos escándalos de corrupción e o desgoberno que asolaron o Concello nos últimos anos.

6

Como pode apreciarse no gráfico anterior, o índice que sintetiza as diferentes respostas dadas polas persoas entrevistadas acada o seu mínimo neste ano, e a caída no seu valor con respecto ao mandato precedente é a maior de todas as rexistradas nas dúas últimas décadas.

Avaliación da labor do alcalde actual

Neste mandato no que houbo 3 alcaldes diferentes e no que o último apenas tivo 9 meses de tempo para desenvolver as súas habilidades xestoras, podería pensarse que é certa a mensaxe despregada polo Partido Popular a respecto de que Agustín Hernández foi capaz de volver a pór orde na institución municipal.

Infelizmente os datos do CIS (e os doutras enquisas non publicadas aos que tiven acceso) demostran que, a pesar de que existe unha porcentaxe importante de xente que non soubo ou non quixo valorar a súa xestión, quen si o fixeron colocan a xestión de Hernández como a peor dos últimos 20 anos. No seu descargo cómpre dicir que a súa valoración non é tan negativa como a da xestión do goberno durante todo o mandato, que vimos no apartado anterior, e que aparece lastrada polos outros dous prefeitos populares da cidade neste cuatrineio: Conde Roa e Currás.

7

Novamente, o índice que resume as respostas, calculado segundo a metodoloxía do propio CIS, indica que Hernández rexistra o valor mínimo e queda por baixo do aprobado. Lembremos que en 2011 o entón alcalde Xosé Bugallo perdeu as eleccións e a alcaldía a pesar de ter un aprobado.

8

A cociña do CIS en Compostela

Calquera persoa iniciada ou interesada nisto da demoscopia sabe que a estimación de voto e o consecuente reparto de actas ou escanos non ten por que coincidir necesariamente coa intención de voto directamente manifestada na enquisa polas persoas entrevistadas. Case sempre hai variacións que teñen que ver co voto oculto a algunha forza política ou con outras circunstancias que poden provocar que a forma en que votan as persoas indecisas e opacas non responda ao mesmo esquema que as que xa teñen decidido o seu voto.

Porén, e sen lugar á minima dúbida, a estimación feita polo CIS nesta enquisa preelectoral na capital galega é unha aberración que non resposta a ningún dos demais datos fiables que resultan da súa propia mostra. Vexamos:

O CIS proxecta para o PSOE obtería 6-7 edís mentres lle outroga 5 a Compostela Aberta. Porén, en voto directo CA é a segunda forza, e se sitúa máis perto do Partido Popular que do PSOE, que é terceiro. Tamén é segunda CA en voto máis simpatía, un dos indicadores que sempre empregou o CIS para xustificar estimacións máis altas a aquelas forzas que melloraban posición relativa ou absoluta nesta medida de afinidade partidaria, así que por aquí tampouco hai razón para a segunda posición do PSOE. Tampouco parece haber dúbidas a respecto da preferencia de vitoria, a variable máis correlacionada sempre, e repito sempre, co voto real, case ao mesmo nivel que a propia estimación de voto. Hai moitas máis persoas que prefiren ou desexan unha vitoria de CA que non do PSOE.

9

Se temos en conta que a estimación de voto se calcula non sobre o censo electoral senón sobre o voto emitido, resulta que estamos perante unha cociña que prognostica menos votos para Compostela Aberta ou Ciudadanos que persoas na mostra que directamente din ir votalos. É dicir, a cociña do CIS para CA ou C’s non só non lles sumaría indeciso ningún senón que lles restaría votantes.

A única variable na que pode apoiarse o CIS para xustificar multiplicar por dous o voto directo do PSOE, mentres apenas altera o de CA na estimación de voto, é a crenza na vitoria: hai máis persoas que esperan ou prognostican unha vitoria do PSOE que de CA, pero calquera destas duas forzas fican a anos luz do Partido Popular, de quen moi pouca xente dubida que sería a forza máis votada.

O problema de asentar a estimación de voto neste único dato relativamente favorable ao PSOE é que se trata do parámetro que máis varía durante unha campaña electoral e até o mesmo días das eleccións. É un dato que mide expectativas ou crenzas, as cales vense alteradas polos fluxos informativos despregados de forma exponencial até a cita coas urnas. O que se rexistra normalmente o día da votación é unha concordancia, máis ou menos plena, entre desexos e voto, non entre expectativas e voto. As expectativas poden afectar a unha pequena parte dos electores, xerando voto útil, pero iso acontece normalmente en favor da forza política que vai por diante en voto directo, neste caso CA.

Que o CIS faga isto só ten dúas explicacións: ignorancia, que non se lle presupón, ou motivacións políticas e ideolóxicas que pretenden escurecer a realidade: as eleccións municipais en Compostela vanas disputar dúas forzas: PP e Compostela Aberta. Repasemos uns cantos datos fornecidos pola mesma enquisa do CIS e que sustentan esta afirmación:

  • O 57% (!) dos votantes do PSOE de hai 4 anos non ten decidido o seu voto.
  • Compostela Aberta atrae como mínimo ao 30% de antigos votantes do BNG, 15% dos do PSOE e 4% dos do PP.
  • As mesmas cifras soben ao 40% dos do BNG, o 20% dos do PSOE e o 5% dos do PP se atendemos ao voto máis simpatía.
  • Compostela Aberta é primeira forza en voto directo na esquerda e no centroesquerda (posicións 1 a 4 da escala ideolóxica). PSOE e C’s dispútanse o centro (o 5).
  • CA é a primeira forza en voto directo entre as persoas de 18 a 55 anos, por diante mesmo do PP, non só do PSOE.

Coido que non é preciso acrecentar máis datos para cuestionar rigurosamente a cociña do CIS. Doe ver como as ciencias sociais producen nalgunhas ocasións monstrosidades propagandísticas coma esta. O peor de todo é que o CIS xa meteu a zoca vilmente nas últimas eleccións europeas, e tamén entón, como agora, en favor do bipartidismo. Veremos que acontece, mais aposto a que a súa credibilidade vai caer baixo mínimos, e esta vez con máis razón que nunca, tralo 24M.

Etiquetas:
 

One Response to A evolución das municipais de Compostela nas enquisas do CIS

  1. Xosé di:

    Creo que Martiño e a sua equipa farán uha xestión municipal responsable ambiciosa e sin fantasmadas,será unha xestión na que toda Galicia se sentirá representada,e digo Eo que son militante do BNG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*