Desde hoxe distribúese na capital de Galicia o novo número mensual do gratuíto Compostela Actual, que inclúe unha estimación de voto da miña autoría para as eleccións locais.

Trátase dun traballo de gabinete que non utiliza datos directos de traballo de campo senón indirectos ou secundarios procedentes de: series de indicadores do CIS, 11 estudos preelectorais en 3 cidades galegas (Compostela, A Coruña e Vigo) tamén do CIS, os datos públicos da enquisa local de Sondaxe publicada por La Voz de Galicia en novembro pasado (nomeadamente os da valoración da xestión de goberno en Compostela, que eran os máis baixos das 7 cidades galegas) e os históricos de valoración dos líderes autonómicos (Martiño Noriega), así como unha análise dos resultados electorais históricos na cidade (con especial énfase na relación entre o ciclo político santiagués e os estatal e autonómico).

Sempre é arriscado traballar con datos de terceiros e supoño que calquera pode cuestionar a validez desta estimación. No meu descargo direi que xa realicei unha estimación semellante en setembro pasado, e que a evolución temporal entre as eleccións municipais de 2011, aquela estimación e a presente, e a enquisa de Sondaxe entre ambas, é completamente coherente, outorgándolle cando menos a mesma validez que o da enquisa publicada polo Grupo Voz.

O gráfico seguinte exemplifica unha das ideas máis potentes no modelo de estimación, con especial incidencia no caso do Partido Popular. Nel pódese comprobar como o resultado dos populares nas municipais de Santiago sempre foi inferior aos obtidos nas xerais e nas autonómicas, e dita diferencia foi sempre moi estable. O mesmo fenómeno verifícase para todas as eleccións europeas con excepción das celebradas o ano pasado.

PP

Como sempre, toda a información en Compostela Actual.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*