Hai institutos demoscópicos que non só cometen desvíos nas estimacións de voto para unha forza política, senón que, ademais, se afastan tanto do resto de casas que tales nesgos dificilmente se poden derivar da aleatoriedade dentro das marxes estatísticas de erro.

Advertencia metodolóxica

As enquisas electorais non se basean en mostraxes estatísticas. Ademais as estimacións de voto son o resultado de axustes sobre os datos primarios. Por iso, nesta situación, falar de erros de mostraxe e de intervalos de confianza é unha aproximación forzada que parte do suposto de equiparar sondaxes con mostraxes aleatorias simples e de tratar as estimacións como un dato directo e non un derivado.

PP e PSOEPPSOE

Dáse a circunstancia de que aquelas casas demoscópicas que sobrevaloran ou infravaloran a un destes partidos máis aló do 95% de confianza fano con só un deles e non co outro. A única excepción é o gabinete de estudios que elabora enquisas para a revista Temas (Fundación Sistema, Alfonso Guerra), ou que realiza estimacións propias sobre os datos do CIS.

Inchan as estimacións do Partido Popular Feedback (La Vanguardia), NC Report (La Razón) e GAD3 (ABC, desde 2014). Salvo GETS ningunha casa demoscópica infravalora ao PP máis aló do razoable.

Ademais de GETS sobrevalora ao PSOE Metroscopia, pero só desde que mudou a súa metodoloxía de estimación no verán de 2013. Na súa vella metodoloxía infravaloraba ao PSOE, aínda que nunha magnitude inferior a aquela na que incorre agora con signo contrario.

Tamén diminúen a estimación de voto do PSOE DYM (ABC até 2013, e El Confidencial desde entón) e MyWord (Cadena SER).

IU e UPyD

IUPYD

Igual que acontecía no caso do PP e do PSOE, ningunha casa que comete unha sobrevaloración ou infravaloración excesiva dunha destas dúas forzas o fai coa outra, nin sequera en sentido contrario.

O maior desvío corresponde a MyWord (Belén Barreiro, Cadena Ser) e consiste nunha estimación para UPyD engordada en máis de 4 puntos porcentuais. Invymark (La Sexta) tamén fai o propio, en 2 puntos por termo medio. Pola contra, infravaloran a UPyD GETS (Temas) e Metroscopia (El País), aproximadamente na mesma medida (un punto e medio).

No que atinxe a Izquierda Unida, o trato máis favorable rexístrao DYM (ABC até 2013, El Confidencial). En sentido contrario, infravaloran sistematicamente a súa estimación en relación co conxunto de enquisas GAD3 (ABC desde 2014) e o CIS. Chama poderosamente a atención este último resultado. É o único nesgo reiterado do instituto sociolóxico, pero o défice para IU alcanza 1,75 puntos de media.

Novas forzas

PDMSCS

Por terceira vez verificamos que a sobrevaloración ou infravaloración só se comete nunha das dúas forzas que compiten directamente, ben por volume de voto, como nos casos anteriores, ben polo seu carácter novidoso e emerxente, neste caso.

Simple Lógica (parceira española da Gallup) alimenta por exceso as expectativas de voto de Podemos, especialmente nos primeiros meses despois das eleccións europeas. Porén, o máis frecuente é a infravaloración anormal de Podemos. Compiten por esta honra GAD3 (Narciso Michavila, ABC desde 2014), Celeste-Tel (El Diario desde 2014) e NC Report (La Razón).

No caso de Ciudadanos só hai unha casa demoscópica que comete un error sistemático: Metroscopia, que sorprendeu a propios e estraños coa súa última enquisa, que sinalaba un a todas luces increíble 12% de voto estimado para a formación de orixe catalá liderada por Albert Rivera. Non obstante, xa na anterior sondaxe, publicada a comezos de xaneiro deste ano, Metroscopia (José Pablo Ferrándiz, co inestimable contributo de Ignacio Urquizu) atribuíalle a Ciudadanos unha estimación moi superior ao do resto de produtores.

O fenómeno é o último dunha serie de loucuras técnicas que levou a esta casa demoscópica a ser a única que prognosticou, durante dous meses seguidos na segunda metade do ano pasado, unha vitoria do PSOE nas eleccións xerais.

Etiquetas:
 

2 Responses to O Mirante: Quen mete ruído nas enquisas?

  1. José Luis di:

    No he entendido muy bien el post (debido a mi escaso conocimiento del gallego ;( ). Pero creo que si se pueden dar intervalos de confianza para la estimación de voto. Bajo mi punto de vista hay dos procesos fundamentales en la “cocina”, la imputación del voto no declarado y el raking o postestratificación. En esta última fase si se utiliza el paquete de R survey de Thomas Lumley y se especifica correctamente el diseño muestral, se pueden calcular correctamente los intervalos de confianza, cosa que casi nadie hace, dicho sea de paso.

    Saludos

  2. Carlos di:

    Mi experiencia me dice que el error implícito en la estimación es múltiple y que no existe ni mucho menos homogeneidad en su tratamiento. He visto usar ‘cocinas’ que no tienen nada que ver la una con la otra, y ninguna se acerca a la hipótesis que describes, en la que efectivamente se podría ofrecer un intervalo de confianza para el resultado. He hecho alguna aproximación a la descomposición de las cocinas demoscópicas en Galicia y lo que he descubierto en las cocinas es un simple método de compensación de las fluctuaciones muestrales. Algún día volveré sobre ello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*