vieira

Artigo de colaboración que publica este mes o xornal gratuíto Compostela Actual

A situación política de Santiago é crítica. Mentres a metade da poboación chora o desastre de gobernantes e opositores que temos, a outra metade está decidida a sacar tallada.

Só así cabe interpretar o anuncio do alcalde terceiro, Agustín Hernández, dunha rebaixa fiscal no IBI dirixida a gañarse o voto do amplo espectro de multipropietarios composteláns.

O 17% das vivendas da cidade están baleiras: 10.000, nin máis nin menos. O 18% das construídas na última década, sumando 2.500 vivendas novas vacías.

Pero se hai un dato no que Compostela destaca fronte ao resto de cidades galegas é no enorme parque de vivendas secundarias. Onde Ferrol ou A Coruña teñen un 8% do total, Compostela ten o dobre: o 17%. Outras 10.000 vivendas, 1.500 delas ergueitas nos últimos dez anos, novas tamén.

En total, unha de cada tres vivendas da capital galega están baleiras, case baleiras ou funcionan no mercado dos alugueres non declarados. Se antes o negocio eran os estudantes, agora súmanse os crecentes alugueres turísticos alegais e, sobre todo, as novas unidades de convivencia formadas para ir salvando baixo teito a crise económica.

Mesmo así vemos medrar día o día os rótulos de ‘Alúgase’, pendurados aquí e acolá. Indigna saber que Compostela é a única cidade galega na que o prezo medio do metro cadrado da vivenda nova libre non baixou durante a recesión –cando menos nominalmente.

Diante desta realidade, cal é a proposta programática estrela do futuro candidato popular á alcaldía de Santiago? Tributar menos pola propiedade horizontal! Non importa que o Concello sexa o máis endebedado das cidades galegas. Non importa que non haxa cartos para as necesidades básicas da poboación e dos barrios máis marxinados. Trátase de aforrarlle cartos a quen xa ten abondo, a quen non inviste en cousa distinta do ladrillo, a quen non sabe xerar riqueza se non é tirándolla aos demais, ao público.

Pensemos no prezo medio dunha vivenda compostelá durante a burbulla inmobiliaria –poñamos 200.000 euros- e multipliquémolo por esas 4.000 vivendas non principais construídas na última década: 800 millóns de euros. Oito! veces o orzamento municipal. Todo ese carto e ese crédito ociosos en mans privadas, cada vez máis libres de impostos, mentres a nosa xente o pasa mal ou directamente emigra.

Non é que non haxa un modelo de cidade. Os populares teñen un: enriquecer máis aos poderosos. Xentrificación de manual: virar o centro urbano nun parque temático para propietarios e rendistas, para turistas e hostaleiros. Pódese non querer velo, pero ninguén que vivira en Compostela hai 10 ou 20 anos pode negalo sen corar.

Quen apoia ese modelo contribúe a xerar e afondar as desigualdades. Unha dinámica que ten límite e que acaba por prexudicar a toda a cidade.

A taxa de paro nos barrios máis desatendidos é entre un 50% e un 67% máis alta que no Ensanche e no Centro Histórico. Lugares, por certo, onde o modelo turístico de cidade implica unha alta precariedade e estacionalidade no emprego.

O 25% da poboación do Ensanche compostelán posúe polo menos outra vivenda en propiedade fóra de Santiago, na que pasa longas tempadas cada ano. A poboación máis rica –e envellecida- da cidade concéntrase aí, e por iso non é casual que nas súas mesas electorais o Partido Popular, que mira por eles, simplemente arrase.

En tanto, as familias novas con nenos e os novos profesionais vense forzados a vivir e emprender na periferia ou noutros concellos da contorna. A xente ten que aumentar os seus desprazamentos cotiás ao centro, agravando aqueles problemas dos que máis se queixa a poboación nas enquisas: a mobilidade, o tráfico, as prazas de aparcamento e o transporte público.

Compostela: mentres uns comen a carne outros atopan no lixo a cuncha baleira.

One Response to Compostela, a cuncha baleira

  1. Moi boa reflexión. Trátase, a xentrificación, dun fenómeno que non é exclusivo de Compostela pero que ten nesta un claro exemplo, como escribes na entrada. Pero a potencia deste fenómeno no caso compostelán ten moitos responsables. O feito de que, hai xa máis de dúas décadas, o urbanismo de Compostela fose un antepeito ó empuxe do “todo vale” urbanístico rodeado de concellos con liberdade para a especulación urbanística (véxase Milladoiro) fixo que moitos atoparan, fóra de Santiago, un lugar onde vivir sen parar a pensar no custe real agochado tras un precio de venta moito máis baixo nin nas consecuencias da permanente dependencia do automóvil privado (o ter que dispor de dous automóviles por vivenda elimina a vantaxe dunha hipoteca máis económica). Non estou restando responsabilidade ó concello, pero sí creo que os propios cidadáns puideron colaborar a frear o desastre.

    O de rebaixar as tributacións da propiedade horizontal creo que forma parte dunha política claramente orientada ó electorado obxectivo do grupo de goberno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*