Decidín publicar e difundir un cuestionario con varias preguntas sobre a crise política, as candidaturas cidadás e as eleccións municipais que se van celebrar dentro de 6 meses.

pedra_240x240Mentres o debate político se inza de expresións como ‘desafección partidaria’, ‘populismo’, ‘final do réxime do 78’, ‘momento constituínte’, ‘proceso de ruptura’, ‘dereito a decidir’ ou ‘rexeneración democrática’, a única forza claramente en ascenso, Podemos, anuncia que non concorrerá coa súa marca ás eleccións locais, e que procurará a confluencia con organizacións cidadás coas únicas condicións do método e o programa.

Hai concellos nos que teñen agromado e se teñen organizado un ou máis movementos cidadás coa intención de se presentar ás eleccións municipais e propiciar un cambio político e social. Porén, son moitos os concellos onde a oferta partidaria limítase á coñecida noutras convocatorias, ben por non haber masa crítica ben polo aliñamento partidario dos sectores máis mobilizados de cada pobo.

Neste escenario de fragmentación e incerteza achei necesario facer esta sondaxe e recoller de forma sintética e cuantitativa o parecer de todas aquelas persoas preocupadas co tema. A enquisa foi publicada aquí, e estivo activa entre as 12:00h dos días 26 de novembro e 2 de decembro, unha semana en total. A duración media dos cuestionarios foi de 7 minutos e medio.

Durante este tempo, ademáis de nesta web e nas miñas contas persoais e profesionais nas redes sociais, a enquisa foi difundida por varias persoas, e foi especialmente notoria a publicación dunha referencia no medio Praza Pública, dentro da sección Fálase de… Preocupado por facela chegar a un público o máis amplo e diverso posible, publiquei o texto introdutorio e a ligazón ao cuestionario nos taboleiros públicos das páxinas de Facebook tanto de Podemos como de todas as candidaturas cidadás das 7 cidades. Andando os días, e constatado que desde o ámbito de Podemos participaba menos xente que desde outros ámbitos, dirixinme directamente ás contas en Twitter de Podemos nas urbes galegas.

Como é habitual a participación foi moi alta ao comezo, con case 200 entrevistas nas primeiras 24 horas, para decaer a continuación, especialmente a fin de semana, de forma parella ao perfil diario de uso de internet. A participación final foi de aproximadamente 300 persoas, aínda que houbo cuestionarios incompletos de máis de 430 persoas. Esas máis de 100 persoas a maiores cubriron só o primeiro apartado da enquisa -datos sociodemográficos- polo que deduzo que ou ben abandonaron antes de avanzar á segunda sección, ou ben só querían curiosear os contidos do cuestionario, ou ben tiveron algún problema de compatibilidade ou configuración no seu navegador. Agradecería máis información nese sentido nos comentarios. En calquera caso, o perfil sociodemográfico das 430 é o mesmo que o das 300, polo que non habería nesgos de selección neste sentido e podería considerarse como referencia válida este tamaño de mostra maior.

Intencionadamente a enquisa carecía de controis lóxicos ou filtros de resposta, e tampouco activei mecanismos de acceso ou verificación que o sistema ten dispoñibles. A miña experiencia con enquisas web excesivamente controladas ou pechadas é que inhiben a participación. Podo garantir en todo caso que non houbo entradas múltiplas desde a mesma IP nin ningún outro tipo de indicios de manipulación. Obviamente a calidade das respostas depende exclusivamente da veracidade das mesmas, e a miña opinión é que esta é igual ou maior que no caso das enquisas telefónicas, por exemplo.

O que non pretendía nin pretende esta enquisa é ser representativa da totalidade da poboación adulta, nin sequera dun segmento concreto determinado. Claramente a mostra non responde a un deseño estatístico senón que é autoseleccionada. O perfil sociodemográfico ao que responde posúe as seguintes características:

  • Presenza case exclusivamente masculina (86%). É un nesgo de xénero claramente superior mesmo ao perfil xa de por si masculinizado que existiu tradicionalmente e existe aínda no ámbito das forzas políticas nacionalistas -nomeadamente a compoñente masculina da afiliación pode andar polo 75% e no seu electorado polo 65%. A miña experiencia persoal e visual é que nos movementos cidadás e nas asembleas de Podemos -aquí quizá en menor medida- se reproduce en boa medida o mesmo fenómeno.
  • Participación centrada nas persoas con formación universitaria (72%), e dentro delas, claramente orientada aos estudos postuniversitarios. Unha enquisa de calquera outro tipo -persoal, telefónica- posúe este nesgo inherente ao coñecemento e á preocupación das persoas con maior formación. No caso de internet o fenómeno é aínda máis intenso, dado que a variable estudos vai asociada á capacidade económica e esta ao acceso á internet e á súa exposición ou frecuencia de uso. Se a iso engadimos que a temática da enquisa é política a composición da mostra resultante sorprende pouco.
  • Politicamente falando, participaron por riba da media xente afiliada a partidos políticos e persoas involucradas nos movementos asociativos e cidadás, destacando a cantidade de persoas que estiveron afiliadas a algunha forza política pero que xa non o están. O recordo de voto favorece claramente ao mundo nacionalista -BNG nas municipais e xerais de 2011, AGE e BNG nas autonómicas e nas europeas. Percíbese en consecuencia unha presenza inferior á esperada de xente que votou a Podemos nas europeas, malia aos meus esforzos por incrementar a participación deste colectivo. Intúo que a presenza na mostra de persoas que non votaron a Podemos nas europeas pero que agora si o farían nunhas xerais é moi pequena.
  • No que respecta á situación laboral a proporción entre persoas ocupadas e paradas e/ou estudantes é bastante equilibrada e axustada á realidade, sen esquecermos que as persoas xubiladas e asimiladsa non teñen practicamente presenza na mostra, dadas as notas características comentadas antes.
  • Sobre a residencia declarada polas persoas participantes, o equilibrio demográfico non é perfecto pero si moi achegado ao peso dos segmentos novos da poboción -menos de 55 anos- en cada concello, alterado só polo peso que en cada cidade teñen os colectivos de estudos superiores e, quizá, polo diferente interese que esperta en cada concello a temática analizada.

Os resultados, por tanto, poden ser útiles en canto representan a opinión de sectores moi preocupados e informados sobre a cuestión das candidaturas cidadás, pero máis representativos das forzas políticas minoritarias que dos círculos de Podemos. Si me atrevería a dicir, en calquera caso, que están máis achegados da poboación que da suma de participantes habituais nas reunións e asembleas que estas organizacións celebran en Galicia. Por así dicilo, representarían a atmosfera ou círculo externo destas organizacións.

O documento de resultados pode verse/descargarse aquí.

Os ficheiros CSV e SPSS cos datos pódense descargar aquí.

Ínstovos a deixar aquí os comentarios, críticas e observacións que desexedes facer sobre a enquisa.

 

3 Responses to Enquisa sobre as candidaturas cidadás nos concellos galegos

  1. Miguel Edreira di:

    Somente por respostar esa longuísima enquisa, deberias convidar a un algo …

  2. Costadamorte di:

    Respostei a enquisa e podo resumirche a miña opinión…, non teño fe ningunha nisas candidaturas cidadáns, polo menos polo que respecta a Galiza…
    Localmente poden ser algo nalgúns concellos, o caso de Oleiros e a candidatura de “Gelo”, (de cidadana ten o que eu de Bispo), ou o de Ourense con Democracia Ourensana, o mesmo…
    Mais, o que pode ser decisivo é o que decida a cúpula de Podemos, (exemplo ao cen por cen de “centralismo democrático” disfrazado de cidadanismo)…, non queren luxarse, pero se apostan forte por “Gañemos” en todos os concellos, pois serrán un partido clásico mais…, se non, pode que algún teña certo éxito local ou mesmo goberne, (CxG en Vilar de Santos, Gelo en Oleiros, Anova en Teo, D.O. en Ourense, Caballero en Vigo e o BNG en Pontevedra e Carballo), pero na práctica a batalla de verdade é en un ano, nas xerais que serán unha elección a cortes constituintes…, (ou non)…
    E alí, se o BNG está, Galiza estará…, e se non, (que pinta coma o mais probable), Galiza terá morto como posibilidade de nación… R.I.P.

    • Martiño di:

      Ola, parabéns Carlos pola web e máis pola enquisa. Costadamorte, sobre Ourense dicirche que o proceso de confluencia chámase Ourense en común. Democracia Ourensana é o nome doutro partido político que existe na cidade dende hai anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*