Artigo de análise e opinión sobre o momento demoscópico e electoral.

podemosJaime Miquel está pola teoría de que Podemos tocou teito porque segue instalado na súa idea da zona de ruptura, un espazo de desafección partidaria que cifra en aproximadamente o 20% do voto, máis ou menos o nivel que el mesmo estima este mes para os de Pablo Iglesias (22%).

Afirmando que Podemos é rupturista crea categorías disxuntas -dereita, esquerda, enfrente- que funcionan como compartimentos estancos que non poden ser sobrepasados ou superpoñerse. E aproveita o feito de que nas sondaxes non publicadas durante o 2013 AGE non superara en Galicia ese nivel do 20% do voto, para suxerir para Podemos un futuro semellante que o conduciría a afundirse nun prazo breve de tempo por deméritos propios.

Esta visión lémbrame aquelas outras temperáns de Fermin Bouza sobre o carácter irrelevante do 15M, ou as de Carlos Taibo cando falaba de que o 15M tiña dúas almas en pé de igualdade. Xa naquel tempo avalei con datos que, malia a ter unha certa compoñente humana e política antisistema ou altermundista ‘à la Beiras’, o 15M era un movemento fundamentalmente nado do sistema, a prol da rexeneración e ‘reseteo’ do sistema no político -froito dunha crise de representación dos partidos tradicionais- pero para nada antisistema no económico -senón máis ben reformista, respondendo ao pleno inserimento dos seus seguidores na economía actual, cos seus poucos pros e os seus moitos contras.

Falei en varias ocasións de ‘gafapastas’ onde outros falaron de ‘indies’ e ‘hipsters’ para identificalos de forma simple, pero trátase en calquera caso dunha xeración de votantes de esquerda e centroesquerda definitivamente afastados do PSOE, cuxos proxenitores e mesmo avós comezaron axiña a partillar as mesmas sensacións que fillos e netos. En Galicia respondían, en definitiva e en grandes trazos, ao mesmo perfil do voto dual -votar PSOE nas xerais e BNG nas autonómicas desde 1996-97 ao 2004-05- sobre o que tanto teño escrito neste blogue. Esta constatación tenme levado con frecuencia nos últimos tempos a reinterpretar a época dourada do BNG, aquela que o levara a conquistar terreo electoral fora do nacionalismo irredento, como un antecedente de todo o que está a acontecer no presente. Aquí combínase unha crise de representación dos vellos partidos políticos -nomeadamente do bipartidismo, pero non só- e unha crise de coordinación ideolóxica das forzas nacionalistas co seu electorado potencial. Por iso a crise afecta tanto ao BNG como á AGE. Xa comentei as razóns antesdurante e despois das eleccións do 2012.

Mentres seguen sen resolverse estas dúas crises concomitantes Podemos aínda non albiscou o seu teito, e avanza sen obstáculos nas enquisas deixando atrás o 20% do voto. Xa é primeira forza en España nunhas xerais -como publiquei para Praza Pública a semana pasada-, como o é xa en boa parte de Galicia -e non só nas cidades. Podemos non son só os de enfrente ou os de abaixo: foron e son esquerda, devolveron a Esquerda Unida ao seu chan electoral, están a disputarlle con notable acerto a titularidade do centroesquerda ao PSOE e van neutralizar a polarización entre centralistas e soberanistas en Catalunya baixo a bandeira do federalismo e o Si-Non. A súa transversalidade non é moi distinta da que sostivo os primeiros gobernos socialistas en España. Volve Naranjito pero en mourado.

Outra cousa é que non o expliciten así, que teimen tacticamente en certas indeterminacións ou en afirmar que o único seguro é que son a condición de posibilidade para un cambio non definido aínda de todo, ou que son o instrumento para que esta realidade infumable se acabe e naza algo novo e irremediablemente mellor. Pero como politólogos e sociólogos electorais que son, a nova dirección de Podemos é perfectamente sabedora do lugar que ocupa no terro de xogo electoral. E tanto os seus votantes como o conxunto do electorado tamén o saben, como indican os datos de posicionamento electoral do último CIS. Por fortuna para eles e por desgraza para os seus rivais, en Podemos son conscientes de a quen teñen detrás nas urnas e nas enquisas -cousa que por exemplo o BNG ou a primeira Anova non souberon ou, mellor, non quixeron saber. E, por se fora pouco, contan con mecanismos de participación que van facilitar a ósmose cos seus votantes e simpatizantes -todo o contrario do que fixo, até hai ben nada, o nacionalismo galego.

Tamén sostén Miquel nas súas entrevistas e artigos que PP e PSOE acabarán pactando, e que as xerais deberían adiantarse para coincidir coas municipais e evitar así unha catástrofe -para quen? Pola contra, coido que PSOE e PP nunca van pactar nada de forma global no Estado, porque estando ameazado como está o mesmo cerne da base sociolóxica e electoral do PSOE iso suporía a morte automática dos de Pablo Iglesias ‘o vello’ (‘que non acaba de morrer’). A manipulación das enquisas de Metroscopia publicadas por El País, os desvaríos na súa liña editorial e en xeral a reacción por parte dos poderes mediáticos do actual réxime fronte ao sorpasso de Podemos sobre o PSOE -da que a entrevista de Ana Pastor a Pablo Iglesias ‘o novo’ (‘que xa acabou de nacer’) podía ser un bo exemplo- dan boa conta de que aquí reside a nai de todas as batallas.

Podo estar errado, pero non acredito que os poderes económicos españois, nin a troika, nin os EUA, e sobre todo nin o propio Rajoy, deixen que se adianten as eleccións xerais para facelas coincidir coas municipais. Porque resta todo un ano enteiro por diante para lexislar e non lexislar en favor dos de sempre, e porque nas municipais os resultados de PP e PSOE non van ser tan malos como os das xerais -ou mesmo os das autonómicas-, dada a falta de masa crítica para a formación de candidaturas cidadás en case todos os concellos e a carencia de candidatos/as locais presentables polo resto do arco político. Iso daríalle un pequeno respiro ao bipartidismo na espera de mellores tempos económicos e sociais, sen deixar por iso de seguir atacando a Podemos desde todas as instancias á espera dalgún erro gordo por parte dos de Iglesias, Errejón, Monedero, Bescansa e compañía.

En tanto, nun país tan afastado e tan próximo como Grecia, Syriza lidera as enquisas con máis do 30% dos votos. Pode que alí a zona de ruptura sexa máis ampla que ese 20%. Ou será que a ruptura coa que interesadamente se asocia a Podemos desde as estremas do espectro ideolóxico non é en realidade tal?

Etiquetas:
 

4 Responses to Sobre Podemos e o discurso limitador da ruptura

  1. Costadamorte di:

    Concordo polo menos en que as xerais non se adiantarán…, (salvo catastrofe e rebelión interna no seo do PP!)…
    Iso vai, entre outras cousas, no adn de Rajoy!…

  2. s. di:

    Concordo plenamente com a tua análise e muito atinada a observação dos anos 90 no BNG como semelhante ao de Podemos agora. Daquela também havia uma sensação dum regime podre e corruto, com uma cidadania (fundamentalmente urbana, igual que Podemos) cansa e desejosa dum novo rumo.
    O nacionalismo galego nunca percebeu (e parez que segue sem o fazer majoritariamente) que a base eleitoral do BNG desejava mudanças sociais e econômicas dentro do sistema. E só naqueles casos onde isto se conqueriu o BNG continuou (sempre no âmbito municipal). Porém, a curta visão de quase todo o BNG (nem só a UPG) acreditando em “terras libertadas” e votantes que nunca mais deixariam ao Bloco, junto a um medo aterrador a perder o controlo interno de todos estes movimentos levou aonde levou.
    E a prova é que estas Assembleias Abertas que agora anunciam nem são transparentes, nem são tão abertas e estaria por ver se têm capacidade real de decisão.

    Os indicadores sociológicos e políticos que tanto tens analizado fazem ver agora que uma boa parte dos votantes do BNG nos 90, passou logo a AGE e agora está já instalado em Podemos que não vem como “forâneos”, “com centros de decissão em Madrid” ou outras questões semelhantes.

    E mal resultado terá o nacionalismo se nas Gerais se apresenta uma proposta de “país” ou de “representação galega em Madrid”, pois esse não é o debate e a divisão onde está agora a agenda política. Menos ainda com candidatos como Quintana.
    Por outra parte, deixa claro que o debate não é mais ou menos nacionalismo ou mais ou menos esquerda, pois os votantes situam a Podemos ainda mais á esquerda que o BNG (só superado por Bildu).
    Estamos numa questão mais transversal: ética e política, transparência, accountability real e demais praxes das organizações políticas. Todas elas muito deficientes entre o BNG e o resto da sociedade.

    CxG é a única organização que timidamente abriu todo isto, mas confunde totalmente o plano do debate. Agora bem, é significativo que naqueles concelhos onde estão mais assentados nas europeias superaram ao BNG ou estiveram muito próximos nos seus resultados.

    Só por rematar: Podemos e a ANC na Catalunha souberam atrair o debate da “indignação” social. Ambos os dous adicaram muitos anos a estudá-lo, rompendo com clichés, partidismos e ideologismos. Ambos os dous dirigidos fundamentalmente por sociólogos e politólogos. Nada disso se tem feito no nosso país (sempre dirigidos por economistas ou filólogos no nacionalismo). Será tempo ainda de abrir esses espaços interdisciplinares de debate para reconhecer(nos) na sociedade galega?

  3. dorfun di:

    Concordo contigo no non adiantamento das xerais, agardando pola “seguridade” do próximo, pero imaxino unha campaña post-municipais moi violenta, suxa e dura. Como o ves?

  4. Akin Roblefrondoso di:

    Eu en cambio sí penso que sí se adiantarán eleccións, porque se o PSOE pacta con PP tras das autonómicas e municipais, a debacle nas xeráis vai ser de aúpa.

    E se pacta con Podemos, vai ser difícil explicar despois que nas autonomías e concellos sí, pero nas xeráis non.

    A mellor baza para o bipartidismo, sería meter as tres eleccións no mesmo día, e a partir de ahí pactar PPSOE, e se o electorado abandona en bloque o PSOE pois daralle igual porque xa ten os diputados para garantir catro anos máis de austeridade e continuismo nas políticas de obediencia á Troika.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*