Ás veces no Facebook escribo cousas longas de máis. Vou tirarlle proveito.

  1. Ibi_urbanaA débeda municipal é de quen é, e cada concello (os seus veciños) deben facerse cargo. En Galicia débeda é igual a irresponsabilidade de anteriores gobernantes case no 100% dos casos. Pediuse prestado en vez de cobrar máis impostos ou de xestionar mellor. A afirmación é válida para todos os Concellos, rurais ou urbanos, anque nos primeiros o raquitismo fiscal (e por tanto tamén o gasto e o investimento) é de tal calibre que nin sequera moita débeda contraíron. Débese sinalar politicamente aos culpables de tal situación. Anque moitas veces sexan compañeiros de partido. Non se abrirá outra xeira nas forzas políticas preexistentes sen autocrítica honesta neste senso.
  2. Independentemente de que o PIB/VAB ou a renda media municipal sexa máis alta ou máis baixa en cada concello, en cada barrio, vila ou cidade, hai cidadáns que non teñen nada (nin un mísero ingreso nin patrimonio ningún) e cidadáns que teñen moreas disto, de sobras. Xa que os Concellos son a extremidade máis longa do sistema redistributivo, máis alonxada dos centros onde se planifican os grandes trazos da política fiscal estatal, e precisamente por estaren pegados ao próximo, coñecen a realidade con máis detalle e deberían actuar con máis decisión, malia a todas as limitacións que existen. É no ámbito local onde debería visualizarse máis calquera política redistributiva, e iso pasa por facer diferenzas entre entre ricos e pobres, isto é, por promover no local accións (aka discriminacións) positivas. Porén, nas localidades tende a acontecer todo o contrario: ao sermos todos parte da mesma comunidade a identidade local (e sobre todo a localista) suprime en grande medida a posibilidade de identificar a quen máis ten e a quen menos, e de aplicar en consecuencia mecanismos e políticas redistributivas entre eles. Pero é no local o primeiro lugar onde ricos e pobres deben pechar o contrato social (ou se non o hai, onde primeiro debe establecerse a discusión política sobre estes termos). Por certo, que as identidades e os límites municipais son relativamente recentes na nosa Historia, e nun País onde a xente aínda é dunha parroquia ou un nucleo determinados non debería supór un maior problema o mudalas.
  3. Un amigo mostrábame a súa inquietude pola situación do seu pequeno concello rural. É inviable como Concello, ao igual que máis do 50% dos Concellos galegos. Isto que xa está xeralmente admitido no mundo académico cómpre comezar a dicilo desde a esfera política e a facer pedagoxía entre os viciños. Alguén debe correr o risco de pagar o prezo, anque non deberiamos matar ao mensaxeiro. A fusión de Oza dos Ríos-Cesures dista de ser exemplo de nada, pero con ela Feijoo apropiouse politicamente do reto e deu algo parecido a unha resposta, cousa que o resto de partidos da oposición non fixeron, comodamente instalados nalgúns destes Concellos que inevitablemente acabarán por desaparecer como entidades administrativas.
  4. Cómpre acabar coa irresponsabilidade fiscal. En moitos concellos (e non falo só dos rurais) prestáronse servizos gratis ou subvencionados a máis do 90%; non se cobraron polo xeral unhas taxas axeitadas. Un máximo do 50% do custo efectivo pode ser razoablemente subvencionado, pero o normal sería chegar a ese máximo só entre quen máis o precisan: pensionistas, estudantes, familias sen recursos. Non todo o mundo aplicou tarifas discriminantes, ou fíxose de forma ineficiente. Obviamente algúns servizos que se prestan en moitos Concellos sobran, son redundantes, concorrentes deslealmente coa oferta privada, ou unha aberración dada a súa dimensión poboacional e económica. Se son insustentables hai que pechalos ou cedelos á xestión veciñal ou cidadá.
  5. É indispensable propór de vez unha política fiscal municipal diferente, porque sen ela non é posible outra política diferente, e corremos o risco de seguir a xestionar a miseria nunha época na que non volverán nin as vacas gordas nin o crédito fácil. Historicamente non se cobraron tributos como se debera. Non houbo en ningún Concello política fiscal activa. Alimentouse un sistema clientelar tanto desde os Concellos aos viciños, como desde a Xunta e as Deputacións aos Concellos. Non se primou como se debía a quen facían maior esforzo fiscal, senón que se beneficiou precisamente a quen menos custos trasladaban aos viciños.
  6. Son poucos os casos que coñezo de introdución de aspectos progresivos en ordenanzas fiscais como as do IBI (coeficientes territoriais), rodaxe (potencia fiscal), taxas de servizos (maiores a comercios e empresas), a auga (por exemplo gravar o consumo excesivo entre quen enche piscinas alegremente, ou discriminar en función do número de persoas empadroadas no fogar), etc.
  7. Absorción non, fusión. É inevitable, e débese encetar un proceso deliberativo e participativo cos viciños en todos os casos. Non creo nas solucións máxicas, pero hai que centralizar e reducir funcionariado administrativo e cargos políticos, facer gravitar as plantillas nos servizos sociais e persoais, e procurar economías de escala no gasto corrente e no investimento. Os viciños non teñen que desprazarse máis distancias das que percorren actualmente para unha xestión presencial (que cada cada vez deberían ser menores). Deben unificarse os servizos administrativos internos, pero deben manterse os portelos, xanelas, oficinas de atención ao público, delegacións e centros de acceso telemático que hoxe xa existen. Anque en realidade moitas desas xestións para as que nos temos que desprazar non son de competencia municipal: Tráfico, Partidos Xudiciais, Rexistros… A simplificación administrativa debe darse ao mesmo tempo no ámbito provincial. As Deputacións deben desaparecer e todos os recursos que xestionan repartirse entre os novos concellos fusionados e as áreas metropolitanas, por unha banda, e a Xunta de Galicia, pola outra. O custo dos servizos (alcantarillado, ambulancias, transporte escolar) nunca vai ser maior nos concellos fusionados que neles sen fusionar (as persoas e as casas van estar nos mesmos lugares), e pode ser sensiblemente menor se se recuperan as concesións e se xestionan conxuntamente desde un mesmo ente público democraticamente elixido (non como as Deputacións). Debemos ser conscientes, porén, de que aínda que os servizos municipais se sigan prestando onde e como até agora, en moitos lugares será inevitable o peche de centros cando non se cubra a cota mínima de poboación necesaria para mantelos. Iso vai acontecer e sabemos onde con bastante probabilidade. Explicítese.
  8. A reforma (sic) local de Rajoy complica as cousas enormemente, pero a fusión pode ser unha oportunidade para lograr Concellos con máis de 20.000 habitantes. Na miña opinión os novos Concellos deben ser as vellas Comarcas. Por exemplo, o tamaño medio dos municipios no Norte de Portugal, con características de todo tipo homologables aos concellos galegos, é semellante ao das nosas comarcas,e alí funcionan normalmente mediante o sistema descentralizado de Xuntas de Freguesía. A fusión de Concellos ten obviamente un límite, por iso falo das Comarcas, pero que sexa a Deputación quen adquira o protagonismo como propugna o PP non é admisible. Non hai unha identidade compartida nin unha adscrición da poboación tan clara a ese ámbito provincial, e, sobre todo, trátase de institucións cuxos gobernantes directamente non son democraticamente controlables nin sancionables polos votantes. A opción da Mancomunidade de servizos é un sistema idealista que no pasado demostrouse sobradamente ineficaz. En Galicia constatouse en practicamente todos os casos a imposibilidade de funcionaren debidamente cando, dirixidas exclusivamente polos Alcaldes e sen contar con técnicos propios, había partidos políticos de distinta cor e maiorías variables. Ademais, crear novos entes e organismos é un erro maiúsculo. Incorreriamos en novas redundancias e complexidades competenciais, cando a simplificación administrativa é hoxe unha das maiores, se non a maior, demanda dos administrados aos gobernantes. Por todo iso a fusión viría a ser sen dúbida non a solución per se a nada pero si o mellor instrumento para o cambio.

 

Etiquetas:
 

5 Responses to Outra política local é posible (se outra fiscalidade se aplica)

  1. disqus_praza di:

    Sobre a fusión e non absorción. Eu creo que nin unha nin outra. Véxolle máis sentido a empezar desde cero xuntando parroquias.

    Sobre o tamaño dos novos concellos creo que debería haber límites:

    * En superficie: un máximo (quizais non máis de 2000 km cadrados, aínda que 1000 xa é unha barbaridade) e un mínimo (diría que 20 km cadrados),

    * En poboación: un mínimo (cando menos 7000 habitantes).

    Ademais deberíase intentar que o concello sexa homoxéneo, para non ter aberracións como o concello de Lugo onde o 95% da poboación vive no 20% do territorio (calculando así a ollo), é dicir, non mesturar zonas con gran concentración urbana con grandes zonas rurais moi inferiores en poboación, xa que ao final iso leva a que na práctica a zona rural non teña representación ningunha.

    No seu momento fixera un mapa cunha proposta de novos concellos que tendía a ter grupos de concellos por poboación (aínda que non por superficie), aínda que certamente sen aplicar ningún tipo de criterio minimamente serio: http://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/982/unha-galicia-de-142-concellos-de-mais-de-7500-habitantes/ Tamén relacionado: http://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/991/reorganizar-galicia-en-trinta-comarcas/

    • Coñezo o teu exercicio e penso que ten moito máis rigor e validez do que, en xeral, se lle outorgou publicamente. Pero xa se sabe como se pon a xente coa identidade. Gustaríame algún día reunir esforzos, bases de datos e criterios para tentar melloralo. Non dubides en contactarme se che interesa.

      • disqus_praza di:

        Claro que me interesa! O que non teño é quizais coñecementos para axudar, pero non vexo ningún impedimento para intentalo. De feito á miña proposta daquela véxolle algunhas eivas que non me gustan nada, aínda que non teño nin idea de como arranxalo.

  2. […] Ás veces no Facebook escribo cousas longas de máis. Vou tirarlle proveito. A débeda municipal é de quen é, e cada concello (os seus veciños) deben facerse cargo. En Galicia débeda é igual a irrespo…  […]

  3. André di:

    Sou dos que penso que para avaliarmos a necessária racionalização administrativo-territorial, bastava preenchermos de funcionalidade os marcos histórico-identitários em que se tinha fundado o país. Isto é, paróquias e comarcas, já agora, muito parecido em termos de proporção territorial e demográfica com as câmaras municipais e juntas de freguesia portuguesas. O inegável fracasso das mancomunidades comarcais no que diz respeito à prestação de serviços, explica-se, ao meu ver, pelo facto de não ter havido nunca vontade de as dotar de capacidades efetiva além da partilha supramunicipal de um ou outro serviço. Na Galiza dá-se algo bem curioso e é que, há uma desconexão absoluta entre os marcos referenciais institucionais abaixo da autonomia(província e município)e os marcos sociais, ainda hoje, pelo menos naquela zona que me é mais conhecida suroeste da atual província ourensana, as pessoas reconhecem-se em termos antropológicos como pertencendo a uma comarca dada e são das suas aldeias (costumam ser entidades mais grandes do que noutras partes do país) e/ou paróquia. Houve, de sempre, uma infra-utilização institucional de uma realidade, a vilega, que em termos de sociabilidade teve sempre inúmeras capacidades; a feira, por exemplo, é apenas um exemplo de troca comercial e económico de inegável pegada, e continua vigorosa, até por circunstância como atual ciclo de crise em que nos atopamos desde 2008. A minha é apenas uma opinião. Cumprimentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*