Neste artigo abordo a descrición do electorado emerxente nas pasadas eleccións europeas desde unha perspectiva demográfica e económica, volvendo a utilizar a correlación estatística entre variables para o conxunto de 8000+ agregados municipais.

variacion_voto_socioeconomico_mod

Complementando as ideas extraídas no artigo anterior, o crecemento da abstención en España produciuse nos concellos máis envellecidos (0,29), o cal reforza a idea de que ficaron na casa os electores de máis idade que tradicionalmente votaban ao PP e en menor medida ao PSOE. Cales foron as razóns exactas que os moveron a iso? Difícil dicilo de momento a falta de enquisas postelectorais, xa que as explicacións posibles poden ser contraditorias.

A abstención medrou en maior medida nos concellos con perda de habitantes e menor densidade de poboación (-0,13 e -0,12), o que podemos identificar grosso modo coas zonas rurais, aínda que tamén aumentou por riba da media naqueles concellos cunha maior proporción de poboación total en situación de paro rexistrado (0,12) con data abril de 2014.

O voto á Esquerda Plural, Podemos e Ciudadanos demostra estar correlacionado inversamente coa idade media (-0,13, -0,12 e -0,12), o que indica a composición relativamente xuvenil do electorado destas forzas alternativas ao bipartidismo de PP e PSOE, en contraposición tamén á vellice vinculada á abstención.

Dentro das filas da esquerda alternativa son moi interesantes e significativas as diferenzas entre os electorados da Esquerda Plural e de Podemos.

  • A Esquerda Plural obtén mellores resultados nos concellos con maior paro (0,13), ao igual que a abstención (0,12), entanto para Podemos este indicador de desemprego non introduce diferenzas salientables nos seus resultados. Esta conclusión é moi semellante á que chegou Alberto Garzón, aínda que a utilización de datos máis desagregados (8000+ concellos en vez de 50 provincias) diminúe a intensidade dos efectos e obriga a matizar os seus resultados.
  • Podemos obtén mellores resultados nas zonas que experimentaron maiores crecementos demográficos (0,15), non necesariamente os máis poboados ou densamente poboados, e cunha menor proporción de poboación autóctona (da mesma Comunidade Autónoma de nacemento, -0,21). Estas correlacións apuntan directamente á periferia urbana onde se instalan familias novas e polo xeral ocupadas, expulsadas polo mercado inmobiliario dos centros das cidade e que mercaron vivenda nos anos da burbulla, procedentes en moitos casos doutras partes do Estado. Na Esquerda Plural esta relación é moito máis feble, indicando que os seus nichos de voto xuvenil están distribuídos máis uniformemente polo territorio, non tan vinculados a estesa asentamentos de nova construción nin ás migracións internas.

En palabras de Vinceç Navarro, e simplificando un pouco, a Esquerda Plural estaría apoiada nas urnas pola forza de traballo que mantén unha relación conflitiva co capital produtivo (desemprego e precariedade laboral), mentres que a de Podemos se vincula máis coa forza de traballo hipotecada e dependente do capital financeiro (endebedamento e especulación), aínda que o capital sexa a fin de contas e en grande medida da mesma orixe e natureza e descanse nas mesmas mans.

Destaco igualmente algunhas notas características dos votantes de Ciudadanos:

  • En relación á Esquerda Plural e a Podemos, Ciudadanos comparte espazo de batalla electoral con Podemos (concellos dinámicos demograficamente), mais non tanto coa Esquerda Plural (urbanos mais estacionarios).
  • Comparado con UPyD e Vox, Ciudadanos distínguese pola súa implantación en concellos caracterizados máis pola súa densidade de poboación que polo seu crecemento demográfico (0,16 e 0,12), cidades, facendo honor á súa denominación cidadán. UPyD e Vox, a pesar da súa incidencia urbana, posúen un voto algo máis uniformemente distribuído polo territorio, e como debedores directos dos transvasamentos de voto desde o PP partillan con el o teren unha composición moi variada.

Completo a análise con outras dúas variables socioeconómicas para as que non acadei unha cobertura completa dos 8000+ concellos: acceso á banda larga de internet e renda familiar bruta dispoñible por habitante. Mesmo así puiden xuntar datos para máis da metade dos municipios españois.

variacion_voto_socioeconomico2_mod

A variable sobre as liñas de banda larga por cada 1000 habitantes pode reflectir obviamente e de forma indirecta máis cousas, pero interésame traela aquí na medida en que reflicte as posibilidades de obter información alternativa diferente da divulgada polos mass media controlados polo bipartidismo, e de participar activamente na difusión viral de mensaxes e sentimentos nas redes sociais. Resulta revelador que todas as correlacións sexan estatísticamente significativas, excepto precisamente aquelas correspondentes a PP e PSOE.

Un maior acceso a internet trouxo consigo unha maior participación electoral (-0,32), menos voto nulo (-0,15) e menos voto en branco (-0,15). Esta maior concienciación aparente no voto beneficiou especialmente a Podemos (0,43) e Ciudadanos (0,41). Nun segundo plano situaríase Vox (0,28) e nun terceiro a Esquerda Plural e UPyD (aproximadamente 0,09).

variacion_voto_socioeconomico3_mod

A variable sobre a renda per cápita pode axudarnos a illar da variable internet aqueles efectos debidos ao nivel de vida e ao poder adquisitivo. Cando se cruza coas variacións no voto estes son os resultados:

A maior renda corresponde unha variación negativa da abstención (-0,58) entre 2009 e 2014, isto é, maior participación, e idéntica relación inversa experimenta o voto nulo (-0,20), o voto en branco (-0,17) e o voto a UPyD (-0,18), que volve así a aparecer asociado unha vez máis co voto de máis idade, conservador, tradicional e bipartidista, que é o que vimos que máis se abstivo a respecto de 2009.

A primeira mensaxe das urnas sería neste sentido que se desmobilizou antes e máis a xente con menos recursos (dito sexa isto con todas as reservas que merece unha análise sobre datos agregados, datos que ademais son aproximacións habitualmente contaminadas de erros e estimadas mediante metodoloxías up-down). En calquera caso parece indiscutible que a crise económica pasou factura, e de que xeito, aos partidos do stablishment.

Pola contra, as rendas máis altas tiveron unha maior participación que beneficiou especialmente a unha formación: Ciudadanos (0,28). Mesmo admitindo a hipótese da esaxeración cabería afirmar que Ciudadanos é o novo voto desideoloxizado (segundo vimos) representativo dos principais e máis directos beneficiarios do sistema económico vixente na actualidade.

Fontes dos datos socioeconómicos

  • pob.total: poboación a 1 de xaneiro de 2013. Fonte: INE, Padrón de Habitantes.
  • var.pob: variación porcentual da poboación entre 2008 e 2013 (anos de crise económica). Fonte: INE, Padrón de Habitantes.
  • dens.pob: densidade de poboación a 1 de xaneiro de 2013 (en habitantes por Km2). Fonte: INE, Elaboración propia.
  • idade.media: idade media da poboación do municipio. Fonte: INE, Elaboración propia.
  • paro.rex: porcentaxe de persoas paradas en abril de 2014 en relación á poboación total do concello a 1 de xaneiro de 2013. Non é unha taxa de paro porque se calcula sobre a poboación total, non sobre a activa, que se descoñece para o ámbito municipal. Fonte: SEPE, INE, Elaboración propia.
  • banda.larga: liñas de banda larga en 2012 por cada 1000 habitantes. Case a metade dos concellos -todos os de menos de 1.000 habitantes- non posúen datos. Fonte: Anuario Económico La Caixa, Elaboración propia.
  • renda.hab: renda familiar bruta dispoñible por habitante en 2009. Fonte: Anuario Económico La Caixa, Institutos Estatísticos das CC.AA., Instituto L.R Klein, Elaboración propia.
  • pob.estranxeira: porcentaxe de poboación estranxeira a 1 de xaneiro de 2013. Fonte: INE, Padrón de Habitantes.
  • pob.da.ccaa: porcentaxe de poboación nacida na mesma CC.AA a 1 de xaneiro de 2013. Fonte: INE.

 

Etiquetas:
 

One Response to Perfil socioeconómico do novo elector non bipartidista

  1. dpeon di:

    Parabéns. Pedazo base de datos debiches usar… E algunha ben dificil de atopar, “renda dispoñible bruta per capita” a nivel municipal!! Levo tempo atrás diso… Dúas cousas (xa cho dixen no FB así que doume por contestado). 1.- Non entendo isto: “cabería afirmar que Ciudadanos é o novo voto desideoloxizado representativo do cerne do sistema económico vixente e dos seus beneficiarios”. 2.- Entanto a esta frase, “Podemos representa o sector esquerdista que aínda pretende vivir dentro do sistema (a socialdemocracia espantada procedente do PSOE?)” a miña impresión é que efectivamente é asi. E polo tanto, aplicado ao caso galego, ben farían os AGE e sobre todo os BNG en deixarse de caralladas con Podemos: a existencia de Podemos mobilizaría a moitos ex-votantes do Psoe que nunca votarían BNG ou Beiras, por exemplo, a votar, e polo tanto pode significar a diferencia entre que nas vindeiras autonómicas volvan gañar de calle os de sempre… ou non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*