Unha vez procesados os datos electorais a análise dos resultados agregados por concellos dan algo máis que pistas sobre os movementos de voto que ocorreron e a súa magnitude.

variacion_opcions_estatais_voto
A relación máis importante nos resultados do 25M é o paso á abstención dos antigos votantes do Partido Popular (-0,60), seguida do paso á abstención dos vellos votantes do PSOE (-0,38).

O PP tamén cede votos a UPyD e Vox (-0,22 e -0,24) e ao voto nulo e branco (-0,18 e -0,14), sendo en principio máis dubidoso que estas mesmas transferencias existan no cado de Ciudadanos. O máis sorprendente é, con todo, o indicio dunha transferencia de voto do PP a Podemos (-0,17).

O PSOE tamén se vén abaixo polas súas transferencias de voto a IU e Podemos. Estes transvasamentos serían a priori de igual intensidade (-0,24 e -0,26), e se terían producido en paralelo (0,15), reforzando a impresión xeral que transmiten os resultados agregados (ascenso de IU de 2 a 6 escanos e de Podemos de 0 a 5).

UPyD pola súa banda, tamén recibiría votos do PSOE (-0,17), anque en menor medida que desde o PP, confirmando a viraxe á dereita do electorado maxenta.

Nota metodolóxica

Na análise de datos estatísticos agregados córrese o risco de caer na denominada falacia ecolóxica. Os datos aquí presentados non permitirían concluír nada definitivo sobre o sentido e a magnitude das transferencias se non fora por varias razóns que si aconsellan, cando menos, suxerilo:

  • A experiencia amosa que existen enormes regularidades entre os fenómenos observados nos resultados electorais agregados e o comportamento individual na urna.
  • Hai movementos de signo oposto que tenden a compensarse e invisibilizarse cando se analizan agregados grandes, por exemplo nos totais, a nivel de CC.AA. ou de provincias. Mais cando imos reducindo o tamaño da unidade agregada N esas compensacións van perdendo importancia, e no límite cando N tende a 1 chegaríamos idealmente a observar o comportamento real dos votantes.
  • As enquisas socipolíticas e as sondaxes electorais adoitan reforzar os mesmos fenómenos de voto observados e as conclusións tiradas da análise dos resultados electorais.

Por último sinalar que nos resultados de 2009 incluíase o voto CERE, dos residentes no exterior, non incluídos nos resultados provisionais do 25M, escrutados por outra parte ao 99,77%.

2 Responses to Aproximación ás transferencias de voto o 25M

  1. dpeon di:

    O dato máis salientable é o primeiro: o 60% dos votantes do PP abstivéronse. Esta é a súa maneira de castigalos: non votalos nas eleccións que lles importa un pito. Non fagamos moitas cábalas de extrapolacións a outras eleccións porque as vindeiras non se parecerán en nada a estas.

    • Concordo no fundamental, mais si hai que colocar matices. É verdade que absterse é a única alternativa concibible para o votante de dereitas de certa idade. Mais aquí comezamos a ver fugar cara UPyD e Vox que noutra época non eran posibles. A análise introducindo variables socioeconómicas bota luz sobre algunhas cousas novidosas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*