Neste artigo expoño as miñas dúbidas sobre o risco de que o conxunto das enquisas non estea aliñado coa situación real do voto do electorado.

Estou especulando, obviamente. Ninguén pode afirmar isto con certeza. Nin sequera unha vez coñecidos os resultados electorais e no caso de que se desvíen do proxectado até agora polas sondaxes resultaría imposible sabelo, xa que durante a última semana na que non se publican enquisas as preferencias do electorado poden experimentar (sufrir sería máis acaído?) importantes variacións, sobre todo nesta época de elevadísima volatilidade.

Mais ando coa mosca trala orella. Expoño algúns indicios que avalan esta tese, ainda que quizá sexa pretencioso chamalo así:

A recuperación (ehem) económica

O eixo de campaña dos populares é a recuperación económica e a creación de emprego (quer dicirse: creación e destrucción mutua de contratos precarios). Os indicadores de confianza dos Barómetros do CIS (informacións por tanto recollidas canda as intencións de voto trimestrais) amosan que a confianza da cidadanía española na economía (composta a partes iguais pola valoración do presente e polas expectativas a un ano vista) vén mellorando desde hai exactamente un ano. A confianza na política permaneceu estable desde entón, e só nos últimos meses mostra indicios dunha moi leve mellora.

Se estes índices reflicten a percepción da realidade (que non a realidade mesma) podería haber base para unha recuperación do voto aos partidos directamente responsables da crise económica e do fallo xeralizado do sistema xurídico-político vixente. Mais as cousas non acaban de cadrar.

Dun lado temos que a recuperación do bipartidismo nas enquisas se concentra nun momento concreto, o inicio oficioso da campaña (precisamente onde rematan os datos dispoñibles dos Barómetros), e non se corresponde (cando menos sincronamente) coa evolución dos índices. Doutro lado, un terceiro índice do CIS, o que mide a confianza no sistema Goberno-Oposición (isto é, basicamente PP+PSOE), non fixo máis que caer durante todo o último ano, e só no último mes recuperou unha mínima fracción desa caída. Unha mellora insuficiente para explicar que a estimación de voto ao bipartidismo se disparase recentemente.

bipartidismo-confianza

 

Pode relacionarse esta aparente recuperación do voto a PP e PSOE coa activación dos seus electorados á vista destas percepcións? É posible que así sexa no caso do núcleo duro do voto ao PP, mais é improbable que o electorado do PSOE (obviamente moi distinto) perciba melloras na economía na mesma medida, e en calquera caso a valoración política de ambos partidos e de cadanseus líderes e/ou candidatos/as segue baixo mínimos. É certo que o fenómeno de activación de electorados aparece nas sondaxes en moitas eleccións ao inicio da campaña, mais non é menos certo que esta mellora demoscópica en campaña rara vez se materializa para todas as forzas políticas que a experimentan. Sempre hai algunha que falla ao chegar o día de votar, porque a algúns cústalle máis que a outros manter a mobilización e o convencimento dos electores. E pintan bastos tanto para PP como para PSOE.

Semella complicado falar da reactivación do electorado cando o que prevé todo o mundo sen excepción é un record de abstención. Pode haber outras explicacións pero unha delas polo menos ten que ser a posibilidade de que as sondaxes publicadas estean reflectindo a evolución do bipartidismo de forma espuria.

CIS & Cía. en auxilio do bipartidismo

O CIS, sempre protagonista en canto a sondaxes se refire, presentou para estas europeas unha estimación de voto que xa cualifiquei de nesgada. Pero é que ademais resulta inverosímil nun aspecto moi concreto: o nivel de apoio ao bipartidismo da Gran Coalición (suma de PP e PSOE), a principal incógnita a desvelar nestas eleccións. Existe unha diferenza dificilmente explicable entre o escenario de voto que o CIS presentou para as eleccións europeas e o que, con poucos días de antelación, amosou para unhas hipotéticas eleccións xerais concomitantes. Os resultados históricos demostran que a diferenza obtida polo bipartidismo entre eleccións europeas e xerais (ou xerais e europeas) consecutivas nunca superou os 4,4 puntos de porcentaxe de voto válido, e por termo medio foi de 3,6 puntos (só de 1,8 en termos netos, tendo en conta o signo).

 1ª elección2ª elecciónDifereza Eur-XerDiferenza absoluta
Europeas 1989 | Xerais 198961,065,4-4,44,4
Xerais 1993 | Europeas 199473,570,9-2,62,6
Europeas 1999 | Xerais 200075,178,7-3,63,6
Xerais 2004 | Europeas 200480,384,7+4,44,4
Xerais 2008 | Europeas 200983,880,9-2,92,9

Aínda que falta aínda ano e medio para as xerais e o voto estimado para esa convocatoria pode mudar, vou supór que a variación do bipartidismo está contida nesa marxe de 4,4 puntos. Pois ben, o CIS proxectou unha diferenza instantánea de 6,6 puntos. PP e PSOE irían obter conxuntamente nas europeas 6,6 puntos máis que nunhas eleccións xerais que se celebraran hipoteticamente ao mesmo tempo. E iso cando na maioría das eleccións pasadas (4 de 5) o bipartidismo sempre obtivo peores resultados nas europeas que nas xerais. É unha mostra pequena, seino, en conxunturas diferentes e con incumbents distintos, pero se trata de resultados reais, non de enquisas, e algunhas regularidades se poden extraer diso. Por exemplo, aquela que nos di que nos casos en que as europeas precederon ás xerais (como é o caso) o resultado para o bipartidismo sempre foi peor nas europeas.

Se o dato do CIS é incrible neste sentido, tamén o conxunto das enquisas é dubidoso, pois aínda libres as súas estimacións dos efectos caseiros dos institutos demoscópicos amosan en conxunto unha diferenza de 3 puntos a favor dun mellor resultado para o bipartidismo nas europeas que nas xerais. Mesmo así unha estimación que non casa ben cos resultados históricos.

 EuropeasXeraisDifereza Eur-XerDiferenza absoluta
CIS64,758,1+6,66,6
Metroscopia / El País (abril-maio)64,364,1+0,20,2
Invymark / La Sexta63,652,1+11,511,5
Feedback / La Vanguardia62,962,0+0,90,9
Celeste-Tel / El Diario62,260,9+1,31,3
GAD3 / ABC61,758,6+3,13,1
Media das enquisas libres de efectos caseiros61,358,3+3,03,0
NC Report / La Razón60,560,2+0,30,3
Metroscopia / El País (xaneiro-marzo)54,563,8-9,39,3

Só se me ocorre unha razón para admitir que as enquisas poden estar no certo. Que o nivel de abstención sexa moi elevado entre as persoas máis novas da poboación e moi baixo entre as máis vellas, ao mesmo tempo que PP e PSOE concentren o seu voto na terceira idade. Algo disto pode estar acontecendo, sobre todo vendo como o PP enmarca toda a súa campaña nos valores e principios caducos que marcaron ás xeracións nacidas entre o final da guerra civil e os anos 50.

Independente de que as enquisas reflictan ben ou non a realidade do voto, as urnas van materializar unha realidade incontestabel: unha fractura xeracional de primeira magnitude. A idade visualizaríase así como a primeira razón de discriminación sociopolítica e socioeconómica neste país. Algo que moitos xa avanzamos nos últimos anos e que viría a explicar moitas cousas, desde a aparición do 15M até a emerxencia de Podemos. O único que está en xogo é como se expresa electoralmente ese voto: mediante a abstención ou mediante o voto a forzas alternativas de calquera natureza.

 

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*