A proliferación de sondaxes para estas eleccións europeas foi espectacular. E moitas posúen nesgos claros que favorecen intereses concretos.

Record de enquisas no Estado español para unhas eleccións europeas

Nas últimas eleccións autonómicas galegas a crise económica reduciu á metade o número de sondaxes electorais publicadas en Galicia, en paralelo probablemente á contracción do financiamento irregular dos partidos políticos.

E pois debe ser verdade que estamos a saír da estafa, digo da crise, porque para as eleccións europeas do día 25 multiplicouse o número de enquisas publicadas en España. No seguimento que realicei durante a última lexislatura europea cheguei a contabilizar un total de 43, moitas máis das que coñecimos hai cinco anos. Existe unha ansia inusitada por facelas e sobre todo por difundilas. Electionista leva unha conta, senón exhaustiva si bastante completa, das que se fan no resto da Unión Europea, e alí pódese comprobar como só en Grecia e Italia atopamos unha proliferación demoscópica semellante (ben, tamén no Reino Unido, onde a mestura do eurocepticismo, a emerxencia da ultradereita antieuropeísta e o referendo de independencia de Escocia alimenta a ansia de datos).

Os poderes económicos, políticos e mediáticos que cortan o pastel e condicionan boa parte das nosas vidas amosan así un interese enorme polo resultado destas eleccións, outrora consideradas marxinais. Á preocupacíón do stablishment europeo cómprelle sumar no caso do Reino de España o nervosismo do bipartidismo representado por PP e PSOE, garantes últimos do decrépito réxime monárquico e autonómico saído da Constitución do 78.

Nestes anos en que tanto o PP como o PSOE se moven en mínimos históricos os seus altofalantes mediáticos tentan facernos ver que a súa fortaleza é maior da que é, e que a distancia que os separa é maior ou menor, segundo quen fale, escenificando unha competición artificial que invisibiliza a existencia doutras alternativas de voto, novas ou preexistentes.

De como moitas casas demoscópicas favorecen os seus clientes

O método de cálculo empregado na proxección do resultado electoral funciona filtrando os nesgos que cada casa comete por termo medio e durante un período en favor ou en contra de cada partido. Este gráfico resume os efectos caseiros detectados baixo o suposto de que o conxunto das sondaxes reflicte fielmente o comportamento electoral hipotético en cada intre:

house_effects_2014

Nesta visualización pódese apreciar o seguinte:

  • A enquisa do CIS, a de maior mostra e método entrevista persoal, estaba engordando ao mesmo tempo as cifras de PP e PSOE en case 3 puntos porcentuais, conxuntamente considerados, ao tempo que infravaloraba o resultado das opcións da Esquerda plural (IU-ICV-Anova) ou UPyD en aproximadamente 2 puntos para cada unha. Un claro nesgo bipartidista, por tanto. A estimación do resultado de IU sitúase ademais fóra dos límites de erro admitidos cun nivel de confianza do 95%, o que fai pensar que tal nesgo non é casual.
  • Máis clamoroso é o caso de Metroscopia, o instituto demoscópico de cabeceira do xornal El País. As súas enquisas quitáronlle de forma case sistemática unha media de 3 puntos ao PP en cada enquisa que publica, razón que explica o feito de que fora o único instituto que colocou ao PSOE por diante do PP en varias ocasións.
  • Sigma Dos, o instituto demoscópico privado que máis enquisas publica e desde hai máis tempo nas páxinas de El Mundo, posúe nesgos menores, anque sobrevalora ao PP en perto dun punto einfravalora a IU en case punto e medio.
  • Pero non só PP e PSOE usan as enquisas como instrumentos de mobilización dunha militancia e dun electorado crédulo e acrítico. Random, que elaborou hai unhas semanas unha sondaxe por encarga de IU, incha o resultado de IU (sobre todo) e de UPyD en detrimento do bipartidismo. Algo semellante acontece coa enquisa de Sondea Investigación Social difundida por Público, que tamén prexudica ao bipartidismo en favor de IU e fundamentalmente, aínda que non aparece no gráfico, de Podemos. En xeral cómpre fuxir das enquisas encargadas polos partidos.
  • Dous institutos publican regularmente sondaxes electorais por iniciativa propia e sen aparentemente manter unha relación comercial con cliente ningún: Simple Lógica, parceira española da pioneira Gallup, e Celeste-Tel, aínda que esta última recentemente codifunde os seus traballos no dixital El Diario. A primeira engorda lixeiramente os resultados das forzas situadas máis á dereita dos espectro ideolóxico (PP e UPyD) e reduce as estimacións daquelas cuxos votantes se localizan máis cara á esquerda (PSOE e IU). A segunda posúe un leve nesgo proPSOE e antiPP.

Comprobamos así como a maioría das enquisas publicadas se converten en armas de desinformación masiva que só perseguen influír no (e)lector para transmitirlle unha idea deformada da situación real da opinión pública a favor duns intereses determinados.

Á vista do gráfico debemos concluír que as casas que mellor reflicten o comportamento medio das sondaxes nesta campaña das europeas son a no pasado cuestionada NC Report para La RazónFeedback para La Vanguardia e GAD3 para ABC. Valla como referencia, e non como verdade revelada. Se en conxunto as enquisas fallan, algunha das que agora consideramos nesgadas irá acertar máis que estas. Non sería a primeira vez que acontecería iso.

 

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*