Permítaseme cuestionar o que se nos teima en presentar como o novo maná. Tralo paso atilán da burbulla inmobiliaria, ese termo tan mallado que agochou o endebedamento masivo das novas xeracións tralos incrementos do PIB, asistimos impertérritos ao despregamento das bases da seguinte burbulla: a do turismo. Si, leron ben. Vou criticar o turismo en Compostela. Que Prisciliano me perdoe.

XeadosTontos seríamos de non aproveitarmos o potencial turístico de Galicia. A quen lle amarga un doce! Mais non sería máis produtivo para a sociedade galega termos unha idea clara de como chegar a ser unha potencia emisora e non receptora de turistas? Non estamos renunciando inconscientemente a perseguir un nivel de desenvolvemento e de autonomía que nos permita andar polo mundo como viaxeiros e non como emigrantes de retorno incerto? É en verdade o noso futuro xogarmos o papel de Paco Martínez Soria en El turismo es un gran invento?

Concedamos que a imperceptible recuperación económica debe comezar por algures, e que para os nosos gobernantes é máis fácil encomendarse aos mil quilómetros de costa e rezarlle tres meses de verán e unha Semana Santa do que solucionar os problemas de Pescanova, do naval, do leite, dos autónomos, das pemes… mellor deixalos estar non vaia ser que se carguen algo máis como no tema das Caixas, ou que se lles acorde outra amnistía fiscal para os seus amigos corruptos e defraudadores.

Pero ao que ía. Que beneficio tiramos de basear o noso crecemento no turismo? Ou mellor dito, quen se beneficia máis e quen menos?

Esa xentiña tan friqui da Universidade teno estudado e analizado desde os máis diversos puntos de vista, non só o económico, tamén o sociolóxico, o antropolóxico, o cultural ou o medioambiental. Xa está este falando do ecoloxismo, pensarán. Miren, cheguei a ler informes sisudos que afirman que o quencemento global vai ser unha bendición para Galicia porque multiplicará o turismo nas próximas décadas (e de paso a produción vitivinícola, algo é algo). Ben, sempre que en España, a orixe maioritaria dos nosos visitantes, quede alguén con carto para gastar. E que non nos arda aquí todo o eucalipto que temos acumulado, claro. Que queren que lles diga? A min ideas como esas lémbranme un artigo do afamado economista Guillermo de la Dehesa, que no cambio de milenio describía a Galicia do futuro como un territorio preñado de campos de golf inzados de turistas de luxo xaponeses.

En troques, outros traballos menos agradecidos e mellor fundados avísannos da crúa realidade. A nosa cidade xa non é Compostela e está deixando de ser Santiago. Estase convertendo nunha estación dos Camiños. E nin sequera na estación termo, que xa é, de facto, Fisterra. Non sorprende esta mutación nos referentes da xente que nos visita, porque de abrirmos o foco algo moi parecido poderíamos dicir da metonimia que son Galicia e as Rías Baixas. Máis unha vez deixamos que a nosa identidade, o que somos e o que queiramos ser, como nos amosamos e proxectamos ao mundo, nolo deseñen outros.

É posible e desexable outro modelo de cidade e de País? Condicións culturais, históricas, naturais, gastronómicas, musicais, enolóxicas e de todo tipo non nos faltan. Levaría máis tempo, máis esforzo. Requiriría máis amor propio. Mais, obviamente, impediría a repetición do mantra, a concentración do negocio en poucas mans e pelotazos varios. Ao seu favor teríamos a súa sustentabilidade económica, urbana e ambiental a longo prazo, os seus efectos máis difusos pero mellor repartidos, que seríamos nós e non outros quen modelaríamos o noso espazo. E é precisamente isto último o que atrae turistas, máis, por máis tempo e con maior gasto, a outras cidades de referencia do tamaño de Compostela. Poñamos por caso, Donostia.

O turismo masivo concibido ao xeito desarrollista é o que ten. Diñeiro puntual e localizado, traballo estacional e precario. Converte a nosa xeografía íntima en lugar para a especulación. Torna parques temáticos os centros das nosas cidades, que van ficando cada vez máis ermos de servizos públicos e de comercio de proximidade para o día a día, substituídos por tendas de souvenirs e pistas de patinaxe sobre xeo. Este turismo banal encarece o prezo da vivenda e dos locais, expulsa a poboación nova e impide o asentamento de novos emprendedores en actividades de maior valor engadido. Promove o enriquecemento duns poucos e como moito deixa migallas para algúns máis. O turismo así entendido é en definitiva síntoma e causa dunha maior dependencia e de maior desigualdade, as dúas notas distintivas e omnipresentes da Galicia do noso tempo, e alimenta o círculo vicioso dunha economía desestruturada. Onde e de que viviremos o resto do ano?

O turismo como tótem. Este puente me fui de compras a Nueva York. O 80% das viaxes en avión fainas o 20% da poboación. Sóalles esta desproporción? Por que dedicamos cartos públicos, da Xunta ou dos Concellos, a subvencionar liñas aéreas e o modo de vida alegre da fracción máis rica da poboación? Os feiticeiros que manteñen esta ilusión do turismo e alimentan o seu discurso salvador saben ben o que fan.

Artigo publicado no primeiro número do novo gratuíto Compostela Actual, distribuído mensualmente en Santiago e comarcas.

Etiquetas:
 

One Response to Recibir turistas ou sermos turistas?

  1. […] Permítaseme cuestionar o que se nos teima en presentar como o novo maná. Tralo paso atilán da burbulla inmobiliaria, ese termo tan mallado que agochou o endebedamento masivo das novas xeracións tra…  […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*