Loading

Queres saber onde están as aldeas deshabitadas do noso País? E aquelas que corren risco de estalo no futuro inmediato? Estes son os máis de 3.000 lugares despoboados ou en risco de estalo de xeito inminente (menos de 3 habitantes). Case un 10% das entidades singulares de poboación de Galicia.

Existe unha versión actualizada deste artigo aquí.

Conceptos e metodoloxía

Os lugares presentados no mapa están rexistrados co seu nome por unha mestura de causas históricas e estatístico-administrativas, e por iso poden evocar realidades moi diferentes: lugares compostos por un ou por varios núcleos ou aldeas, en oposición ao que se denomina un hábitat disperso conformado por casas e casais illados; lugares que son igrexas, camposantos, casas parroquiais e reitorais ou mesmo mosteiros; lugares identificados en base a pazos, castros e castelos; tamén hai illas e illotes; parques empresariais construídos e rueiros desaparecidos baixo a expansión urbanística das cidades… Con certeza boa parte dos puntos que identifican lugares non se corresponde co que na internet moitas persoas que ligan a este mapa chaman aldeas.

As cifras de poboación de cada lugar están extraídas dos Nomenclátores de poboación publicados polo INE e o IGE. Están tiradas dun rexistro administrativo como é o Padrón Municipal, e xa que son datos de persoas empradroadas poden non corresponderse exactamente coa realidade física: hai persoas empadroadas en lugares onde xa non viven ou non o fan habitualmente, e tamén hai casas habitadas temporal ou permanentemente por persoas que non son viciños do concello.

Ademais desta disparidade entre a realidade do papel e a do terreo, existen algúns problemas adicionais de identificación. Moitas aldeas non acadan a condición administrativa de núcleo de poboación, ou séndoo non están recollidas ou actualizadas debidamente no rueiros dos servizos estatísticos de cada concello. A unidade mínima de información que determina a granularidade do mapa é por tanto a entidade singular de poboación, lugares nos que pode haber ou non núcleos de poboación ou aldeas.

Estas informacións de lugares e habitantes cruzáronse cos datos de localización xeográfica dispoñibles no IGN (© Instituto Geográfico Nacional de España) cuxa xeorreferenciación comprobei nalgúns casos e é practicamente coincidente coa da Comisión de Toponimia da XuntaMalia a iso algúns lectores xa avisaron de que existen erros de localización en varios lugares.

O ficheiro final de datos que utilicei incluía un total de 3.679 puntos. Deles 1.547 son lugares sen persoas empadroadas, 838 teñen unha única persoa, e 1.093 dúas. Os restantes 201 lugares careceron de persoas empadroadas nalgún intre dos últimos 15 anos. Porén, a visualización inclúe só 3.425 lugares, aqueles que posuían datos de xeolocalización.

A visualización interactiva realizouse cunha chamada da API de Google Maps ás Fusion Tables, a base de datos xeorreferenciados da Google. Entroutras representacións este servizo permitiu elaborar os seguinte mapas de calor, que amosan as partes do territorio galego onde o abandono de asentamentos é máis intenso.

Heatmap15
Heatmap27
Heatmap32
Heatmap36

O feito de que o tipo de hábitat dominante no surleste de Galicia sexa nucleado e non disperso, con tamaños medios de poboación maiores, reduce susbtancialmente o número de lugares e aldeas con risco de abandono nesa zona. Por iso, en troques dun mapa de despoboación  (perda de habitantes) sería máis atinado falar dun mapa de despoboamento (abandono de asentamentos), pois é nas provincias de Lugo e Ourense onde se concentra o declive demográfico de Galicia. Porén, mesmo tendo en conta isto, para explicar as concentracións de lugares despoboados ou en proceso de estalo en determinadas comarcas, cómpre botar man de outras variables: clima, orografía, tipos de solo, Historia, vías de comunicación, industrialización próxima, distancias a cidades…

Agradecementos

Obrigado co Davila por parir esta banda deseñada a raíz da popularidade que acadou este artigo :___)

davila

Grazas a Luis Iglesias e Águeda Penedo de A Vivir Galicia, espazo dominical de Radio Galicia Cadena Ser, Carlos Punzón de La Voz de Galicia e Ángel Arnáiz de El Correo Gallego, polo interese demostrado nesta visualización e pola súa preocupación pola cuestión da despoboación e o despoboamento no noso País.

AVivirGaliciaLaVozdeGaliciaElCorreoGallego

E tamén grazas especiais a José Antonio Lousa, a primeira persoa de fóra da miña rede de contactos que en nove anos de vida deste blog me parabenizou telefonicamente polo traballo.

Top