Loading

O pasado mes de xullo fun convidado por Praza a un debate público sobre a reforma da nosa lei electoral celebrado n’A Nave de Vidán en Compostela.

Alí tiven oportunidade de debater construtivamente e de presentar os resultados dunha simulación numérica, estatística se se quer, que permitía avaliar a importancia dos diferentes parámetros que interveñen na lei electoral. Estes parámetros son:

  • Número total de escanos. O Estatuto de Autonomía fixa unha faixa de posibilidades que van dos 60 aos 80 escanos (de 61 a 79, en realidade, se queremos evitar empates). A Autonomía arrincou con 71 escanos, para seren aumentados a 75 en 1989 en razón do aumento da poboación en idade de votar. Agora o PPdeG propón de xeito unilateral a súa redución a 61, pero con argumentos moi diferentes aos do declive demográfico e nunha medida moito máis intensa a aquel. A reforma dos populares susténtase nun obxectivo falaz de redución do gasto en deputados e deputadas, mais en realidade é un claro exemplo de gerrymandering sofisticado destinado a favorecer os seus intereses electorais e, en consecuencia, destruír a cuestionada e abondo escasa lexitimidade democrática das nosas institucións de autogoberno. A trampa consiste aquí en que a redución do número total de escanos dunha circunscrición aumenta a importancia relativa dos últimos escanos atribuídos ou restos, e estes tenden estatísticamente, máis alá dun resultado concreto, a favorecer á forza máis votada en detrimento da segunda.
  • Número de circunscricións. O Estatuto de Autonomía demanda que o sistema electoral garanta a representación dos diversos territorios de Galicia, e establece que a circunscrición ha de ser a provincia. Calquera cambio precisaría así dunha mudanza do Estatuto, posibilidade improbable en tanto son precisos 2/3 dos votos do Parlamento e o PPdeG mantén desde 1989 unha porcentaxe de voto que lle confire capacidade de veto. Neste punto do número de circunscricións a reforma da lei electoral é inviable, malia ao cal incluirei este parámetro na simulación para contemplarmos escenarios diferentes.
  • Escanos fixos por circunscrición. Este parámetro establécese na lei electoral, e aínda que a proposta popular coñecida a semana pasada reduce a súa importancia (de 10 a 8) en proporción á redución do número total de escanos (de 75 a 61), segue introducindo elementos de desproporcionalidade no sistema electoral. Incorporo á simulación outro posible valor (5) e o escenario da súa desaparición (0), abrindo a posibilidade a que, acompañado isto dos cambios axeitados nos outros parámetros, poidamos chegar a ter en Galicia un sistema xenuinamente proporcional.
  • Limiar legal de representación. Consiste na esixencia para unha candidatura de acadar unha porcentaxe mínima de votos nunha circunscrición para ter opción a entrar no reparto. É outro elemento de desporporcionalidade que xa foi instrumentado con éxito por Manuel Fraga en 1992 ao elevalo desde o 3% ao 5%, cunha incidencia decisiva na conformación do sistema de partidos a tres bandas (PPdeG, PSdeG e BNG) que rexeu en Galicia desde 1997 até 2012.
  • Sistema de repartición. Actualmente rexe a Lei d’Hondt, o único sistema empregado en todas as eleccións que se celebran no Reino de España, aínda que nada impide que sexa mudado por outro pois só está establecido na Lei electoral. Calificado na teoría científica como método proporcional en contraposición aos sistemas maioritarios (por exemplo, a primeira forza gaña todos os representantes en xogo nunha circunscrición) o certo é que existen outras fórmulas verdadeiramente máis proporcionais, por exemplo, o método Saint-Lague (e outras variantes semellantes) ou o reparto directamente proporcional. O Estatuto de Autonomía indica que a representación ha de ser proporcional, polo que calquera destes outros sistemas sería perfectamente posible (e desexable, seguindo as demandas de rexeneración democrática e maior representatividade que caracterizan á actual fase da política nacional e española).

Pois ben, tendo en conta estes parámetros, algúns valores diferentes para cada un e todas as súas posibles combinacións, realicei unha simulación consistente en aplicar 108 sistemas electorais diferentes aos resultados históricos reais das 7 últimas eleccións ao Parlamento de Galicia (desde 1989 a 2012). A variable que analizo aquí é a avantaxe que obtén o partido máis votado, léase o PPdeG, con cada sistema, e a métrica que utilizo é dobre: Dun lado a prima que obtería o PPdeG e que mide a diferenza entre a porcentaxe de escanos e a porcentaxe de votos realmente obtida nas urnas. Doutro lado a razón ou a relación entre o número de votos parlamentarios (escanos) e cada voto individual (electores) que obtén o PPdeG en comparación cun sistema verdadeiramente proporcional que trasladase o principio de ‘unha persoa, un voto’ a ‘un voto, un representante’.

Os resultados, presentados de forma gráfica, son os seguintes:

Nº de escanos

Nº de circunscricións

Fixo por circunscrición

Limiar de representación

Sistema de repartición

Os gráficos anteriores permítennos obter conclusións inequívocas acerca de cada un dos parámetros que poden ser instrumentados na vindeira reforma da lei electoral galega:

  • Sistema de repartición: A Lei d’Hondt é o factor que induce os maiores efectos de desporporcionalidade no sistema e de vantaxes a favor do PPdeG, e por tanto o primeiro a ser cambiado se realmente se queren corrixir os efectos desproporcionais da lei electoral galega.
  • Fixo por circunscrición: Supoñendo, claro, que existen varias circunscricións, como é o caso, o actual fixo de 10 escanos por circunscrición é o segundo factor máis importante que establece unha vantaxe en favor do PPdeG. A redución a 8 escanos por circunscrición é positiva, pero os seus efectos desproporcionais non desaparecían substancialmente até polo menos unha cifra de 5 escanos asignados a cada provincia independentemente da súa poboación.
  • Número de circunscricións: O establecemento dunha circunscrición única para toda Galicia, no canto das catro provincias,  reduciría a vantaxe artificial ao partido máis votado até perto dos mínimos admisibles, mantendo invariables o resto de parámetros.
  • Limiar legal de representación: O 5% dificulta áctualmente a entrada no Parlamento das forzas minoritarias, e de non modificarse a redución do número de escanos aínda dificultaría máis a súa representación, elevando o limiar efectivo de representación nas provincias de Lugo e Ourense moi por riba dese 5%. A volta ao antigo limiar do 3% garantiría efectos proporcionais inmediatos, case tan intensos como a súa eliminación, debido ao tamaño das circunscricións galegas. Número de circunscricións e limiar legal de representación son os terceiros factores en importancia que perpetúan a desproporcionalidade do sistema electoral galego.
  • Número total de escanos: A redución de 75 a 61 escanos aumenta a vantaxe do PPdeG, levemente cabe argumentar, mais auméntaa, como vimos na anotación anterior, debido ao maior peso relativo dos restos no resultado global. Con todo o número de membros do Parlamento é o parámetro cuxa variación menos afecta á prima que o sistema electoral lle outorga á primeira forza.

Esta mesma análise podería terse feito para o resto de forzas políticas e, convenientemente adicionadas, para o conxunto do sistema electoral. Mais o caso do PPdeG, promotor primeiro do cambio lexislativo, acho que exemplifica ben as razóns do por que os populares propoñen mudar algunhas cousas e non outras, e en que sentido.

Existe, porén, outro elemento máis importante que a maioría destes parámetros, potencialmente máis importante mesmo que o da Lei d’Hondt, que provoca que o partido máis votado en Galicia, o PPdeG, obteña unha representación parlamentaria aínda maior que o seu número de votos: estou a falar da fragmentación electoral.

Convocatoria electoral

O gráfico para todas as convocatorias electorais autonómicas evidencia que a vantaxe do PPdeG dispárase cando existiron máis forzas parlamentarias, e, cando se presentaron as mesmas, sempre que o nivel de dispersión do voto é maior (ou o que é o mesmo, menor o de concentración dos votos nas dúas ou tres primeiras forzas). Este é sen dúbida o principal argumento a favor da confluencia, da constitución de coalicións electorais estables, frontes de partidos ou candidaturas cidadás, se o que se pretende desde a oposición é en verdade deter e darlle a volta ás políticas regresivas do actual Goberno Feijoo.

Por último, non quero deixar de rematar o artigo, sen establecer unha comparación entre as distintas propostas de reforma que coñecemos a día de hoxe. Ademais da reforma do PPdeG, e perante os seus primeiros anuncios sen concreción, foron presentadas no seu día dúas propostas de reforma diferentes: a do BNG e a de Compromiso por Galicia. Nin PSdeG nin AGE teñen feito pública até o de agora proposta ningunha.

Comparativa de sistemas

O último gráfico presenta en aras da claridade só os datos dun dos indicadores anteriores, o de razón. Verifícase no mesmo que as reformas propostas por BNG e CxG son as que máis se achegan a modelos proporcionais, entanto a do PPdeG é a que máis agrava e non corrixe os efectos desproporcionais do sistema actual.

Dentro desta mesma serie de artigos, podes consultar a parte I e a parte II.

Top