Loading

Hai medio ano escribía sobre a proposta de reforma da Lei electoral galega que Feijoo leva anunciando intermitentemente desde 2009. Hoxe o PPdeG presentouna no rexistro de Parlamento de Galicia, e finalmente podemos coñecer en que consiste con exactitude.

A alteración unilateral das regras de xogo democrático debe preocuparnos a todos, e a gravidade das primeiras manifestacións realizadas por Feijoo e o PPdeG espertou na oposición e en moitos cidadáns a alarma que estas modificacións electorais merecen. Dáse a circunstancia de que o PP introduciu este tema na axenda política cada vez que os datos demoscópicos lle eran pouco propicios.

Quizá por causa diso, a proposta do PPdeG coñecida hoxe aclara por vez primeira nos últimos 5 anos o contido pleno da reforma, e con ela o parámetro que máis podía afectar ao principio de ‘unha persoa, un voto’: o número fixo de escanos por circunscrición provincial. E se hai 6 meses criticabamos a indefinición dos populares baseándonos no mantemento do fixo preexistente, hoxe, coa redución anunciada desde os 10 até os 8 escanos, en paralelo á redución do total de escanos desde 75 a 61, debemos recoñecer que esta rectificación é unha noticia relativamente boa.

A redución (nese 20%) do fixo por provincia é superior á redución do total de escanos (nun 18,67%), e iso provoca, en principio, que os efectos desproporcionais do sistema non se amplifiquen por mor da manipulación deste parámetro.

Reforma do PPdeG e efectos desproporcionais

Mais ollo!, non se esqueza: malia a que non aumenta a desproporcionalidade, esta segue existindo. Está provocada pola lei d’Hondt, pola non desaparición ou redución substancial do fixo de escanos e do limiar mínimo de votos por circunscrición, pola inexistencia dunha circunscrición única para toda Galicia e pola diferente evolución demográfica das provincias galegas.

Na miña opinión calquera reforma electoral que no Reino de España non vaia na dirección das demandas de maior proporcionalidade efectuadas polo movemento do 15M (e que apoian máis do 70% da poboación) é merecente dunha crítica implacable. Cada intento de reforma é (facer) perder unha oportunidade e establecer un precedente perigosísimo para entrar nunha dinámica de reformas e contrarreformas que desestabilizan aínda máis a feble estrutura representativa en que sustenta a nosa Democracia. Se unha reforma se anuncia e se leva a cabo de forma unilateral, calquera resultado está viciado de antemán, e a denominación de golpe de Estado que empreguei ao inicio desta serie de artigos segue mantendo toda a súa razón de ser.

Obviando outros efectos electorais indirectos asociados á redución dos escanos sobre as forzas minoritarias (de tipo psicolóxico ou psicosocial) se aplicamos a reforma proposta por Feijoo e o PPdeG aos resultados reais das eleccións autonómicas desde 1981 até 2012 o resultado da distribución de escanos mantería todas as maiorías e minorías que se produciron realmente. Quer dicir, sempre que o PP obtivo maioría absoluta co novo sistema repetiría resultado, e sempre que non a tivo seguiría sen tela.

Estes serían os resultados históricos das eleccións ao Parlamento de Galicia se en cada momento rexera a Lei electoral que os populares perseguen coa proposta presentada hoxe:

HISTÓRICOSTotal de escanosEscanos fixos por circunscriciónPPPSOEAGEBNGUCDCGPSG-EGIU
2012751041*1897
2009751038*25120
200575103725130
2001751041*17170
1997751042*15180
1993751043*191300
1989751038*285220
19857110342211130
19817110261632411
COA REFORMATotal de escanosEscanos fixos por circunscriciónPPPSOEAGEBNGUCDCGPSG-EGIU
201261832*1496
200961831*20100
20056183020110
200161834*14130
199761836*11140
199361835*151100
198961832*233210
198561830191920
1981618231332110
* Asinala as maiorías absolutas
Porén, a proposta de reforma electoral do PP si que tería producido algunhas alteracións sobre os resultados pretéritos. Por exemplo:

  • As forzas propias, de carácter nacional ou nacionalista, serían na actualidade maioría na oposición, xa que AGE+BNG sumarían 15 escanos por 14 do PSOE.
  • O empate a 17 escanos entre BNG e PSOE en 2001 desfaríase, situando o PSOE (14) por diante do BNG (13), malia a que os nacionalistas os superaron en número de votos emitidos.
  • O escano que o PCE obtivo en 1981 nunca tería sucedido e o finado Geluco Guerreiro tería ficado fóra do Parlamento, evidenciando que a proposta popular dificulta aínda máis a entrada no Parlamento das forzas minoritarias.

Ademais, pensando nos efectos futuros deste cambio lexislativo, verifícase que as proporcións ou porcentaxes de escanos asignadas a cada forza política variarían lixeiramente coa proposta popular, debido ao efecto da redución do número total de escanos e ao feito de que os restos, que tenden a caer do lado da forza máis votada, cobran así máis importancia. Cuantifiquemos estes ‘danos colaterais’:

PPPSOEAGEBNGCDSCGPSG-EGIU
2012-2,2%-1,0%+2,8%+0,5%
2009+0,1%-0,5%+0,4%
2005-0,2%-0,5%+0,7%
2001+1,1%+0,3%-1,4%
1997+3,0%-2,0%-1,0%
1993+0,0%-0,7%+0,7%
1989+1,8%+0,4%-1,7%+0,6%-1,0%
1985+1,3%+0,2%+0,2%-0,7%-0,9%
1981+1,1%-1,2%+0,7%+0,6%+0,2%-1,4%
MEDIA+0,7%-0,6%+2,8%-0,1%+0,6%-0,0%-0,6%-1,4%

Como pode verse, a pesar de que na proposta presentada hoxe se neutraliza o risco dunha maior desproporcionalidade do sistema, e malia a que no fundamental non se alteran os resultados históricos, a reforma do PPdeG acabaría por beneficiar nunha pequena medida á representación parlamentaria popular. A proposta dos de Feijoo aumentaría unha media dun 0,7% a porcentaxe media de escanos do PPdeG no Parlamento (así o faría no conxunto das 9 eleccións autonómicas celebradas), e reduciría nun 0,6% e nun 0,1% as porcentaxes de PSOE e BNG respectivamente (os efectos sobre as outras forzas son máis variables pois dependen de moi poucos resultados). Aínda que de signo variable este pequeno plus de representación pode resultar decisivo en situacións electorais incertas e apretadas como as que se aveciñan.

Téñase en conta ademais que esta alteración sobre a cota de representación parlamentaria de cada forza leva aparellados outros efectos, quizá o máis salientable, que o PPdeG vería aumentadas as retribucións e asignacións monetarias correspondentes a deputados e grupos parlamentarios, o cal non deixa de ser paradóxico á luz dos falaces argumentos sobre o aforro empregados polos populares. E todo isto sen entrarmos a falar de como se verían afectadas as cotas de representación nos diferentes órganos da nosa Cámara de representantes (mesas, comisións, etc).

Aínda sería posible calcular unha simulación numérica e probabilística sobre os resultados desta reforma electoral de Feijoo e o PPdeG, e de outras posibles, e aplicalas á situación demoscópica actual, mais iso queda para unha futura e máis demorada anotación.

Top