A tradicional clasificación dos xogadores de baloncesto nas posicións de base (1, PG), escolta (2, SG), aleiro (3, SF), ala-pivote (4, PF) e pivote (5, C) pode ser revisada baixo o foco das súas fichas estatísticas e tendo en conta algunhas das súas características físicas.

Un modelo de regresión simple permítenos axustar o valor da posición oficial do xogador (1-5) en función do peso, da altura (e o cadrado da altura), do indicador RTO% (porcentaxe de rebotes totais do equipo capturados polo xogador cando está en pista, normalmente moi elevado para pivotes puros), e do indicador AST% (porcentaxe de tiros de campo do resto de xogadores do equipo que son asistidos polo xogador, máximo cando falamos de bases puros), obtendo estatísticos R2 axustados próximos a 0,9.

As posicións estimadas para aproximadamente o 10% dos xogadores da liga ACB amosan desvíos significativos que permitirían outorgarlles un valor de posición diferente. O gráfico seguinte pon en destaca a maioría deste xogadores clasificados fóra de lugar:

Posición estimada dos xogadores da ACB

Comentemos algúns dos casos máis significativos:

  • Segundo a análise os bases máis puros que atoparíamos na ACB serían Raül López, Salgado e Rowe.
  • Non serían propiamente bases, aínda que aparezan clasificados como tales nas plantillas oficiais, xogadores como Calloway, Tabu, ou Sada, que virían a ser máis ben escoltas, e aos que habería que sumar o caso extremo de Roger Grimau, que aparecendo como base (1) é clasificado polo modelo como aleiro (máis perto de 3 que de 2). Pola contra se aproximaría á tipoloxía de base un escolta como Richotti.
  • Serían aleiros antes que escoltas xogadores como San Emeterio, Causeur, Salva e Cortaberría, e ao contrario, escoltas antes que aleiros, Fernández, Darden ou o vello coñecido da afición breoganista, Winchester.
  • Adquirirían unha función de catros xogadores como Suárez ou Papanikolau, malia a aparecer como treses. Ao mesmo tempo serían treses e non catros xogadores como Monroe, Báez, Aguilar, O’Leary, Doellman e o recentemente lesionado Williams. Todos eles figuran entre os máis valorados na pasada liga ACB e a maioría tamén lideran varias clasificacións na tempada presente.
  • Serían cincos e non catros Lima, Markota e Clark. E ao revés, semellaría un pivote e non un ala-pivote cada un dos xogadores dunha longa listaxe de xogadores caracterizados neste exemplo por posír poucos minutos de xogo no que vai de liga. Aínda que o caso máis claro é o de Dubljevic, quizá sexa prudente desenvolver a anális con datos referidos a un número superior ás 10 xornadas que actualmente se levan disputado.
  • Por último, aparecen como os pivotes máis puros nomes como Sinanovic, Pleiss, Tavares, Tomic e Shermadini.
Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*