Mentres preparo as clasificacións estatísticas desta nova tempada da ACB vou experimentando coas cifras da tempada pasada. Aquí amoso a relación entre a idade dos xogadores e o seu rendemento individual ofensivo e defensivo medido polo indicador PER.

PER e idade

A partir dos 25 anos un xogador ACB comeza a presentar indicadores PER netos positivos, isto é, posúe un rendemento ofensivo-defensivo superior ao dos seus rivais, considerando o conxunto da tempada 2012-2013. A idade de máximo rendemento sitúase arredor dos 30 anos, e non é até os 35 que o balanzo en relación ao seu rival volve ser negativo.

Cómpre ter en conta que o gráfico representa unha realidade filtrada. Só os xogadores que logran entrar ou permanecer no selecto circuíto dos clubs ACB están representados, e cabe pensar que a proporción de xogadores de menor e maior idade é inferior aos de mediana idade. Se esta intuición é certa e hai máis xogadores desas idades fóra da ACB ou xa retirados, as curvas de rendemento aquí presentadas poderían estar a sobreestimar as cualidades baloncestísticas deses xogadores de idades máis estremas.

Un apuntamento adicional cos datos das 5 xornadas que levamos até agora na presente tempada 2013-2014. Durante este comezo de liga estamos a asisitir a un maior rendemento neto dos xogadores máis novos e a un menor rendemento dos máis vellos (hai PER netos positivos desde os 25 anos en diante até os 35 anos). Entre os xogadores máis novos que destacan este ano polo seu rendemento estase a rexistrar, en comparación coas medias de toda a tempada anterior, cifras do PER superiores, máis no apartado ofensivo que no defensivo. É probable que isto teña a ver coa perda substancial de nivel do campionato derivada da redución de orzamentos e do maior tempo xogado polos xogadores máis novos.

O exercicio pode facerse con outros indicadores diferentes ao PER, por exemplo co +/-, pero o resultado seguiría a amosar un máximo rendemento arredor dos 30 anos, e un comportamento en función da idade con idéntico axuste cadrático de parábola inversa.

O resultado choca lixeiramente co que outros analistas teñen achado para a NBA, onde o máximo rendemento do xogador soe fixarse case de xeito unánime arredor dos 27-28 anos de idade. Na liga profesional americana o límite superior de rendemento neto coincide co da ACB nos 35 anos, pero o inferior se reduce até os 20 anos.

AgeAdjusting

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*