Que non se deben comparar cousas diferentes é ben sabido se queremos ser xustos co resultado da comparación. A taxa de paro está condicionada polas diferentes composicións da poboación en idade de traballar e das taxas de actividade e de paro por sexo e idade.

No segundo trimestre a taxa de paro deceu en España, pasando do 27,1% ao 26,3% da poboación activa, entanto en Galicia subiu unha décima, do 22,3 ao 22,4%. Un comportamento non só peor senón de signo contrario para Galicia. No terceiro trimestre, cuxas cifras vimos de coñecer, a taxa de paro deceu tanto en España como en Galicia. Se en España caiu tres décimas até o 26,0% en Galicia retrocedeu un punto, até o 21,4%. Un comportamento significativamente mellor para Galicia, que ampliaría a diferenza con España até os 4,6 puntos porcentuais. En verdade?

Cómpre ter en conta sempre varios fenómenos que afectan a estas porcentaxes: a estacionalidade do emprego, que se manifesta de forma diferente en Galicia e en España; a redución da poboación activa pola vía do retorno de inmigrantes e da desmotivación de moitas persoas, especialmente mulleres; a emigración de amplos continxentes de universitarios; a substitución de emprego fixo estable por emprego temporal precario… Dous artigos onde se describen ben estes fenómenos son este e máis este.

Non é tan habitual, porén, pensar noutro efecto igual de importante que afecta ao nivel da taxa de paro: a existencia en Galicia dunha pirámide de pobación máis envellecida. Efectivamente, como o mercado laboral é como é e posúe taxas de actividade, ocupación e paro diferentes en cada tramo de idades, cando comparamos a taxa de paro galega coa española non estamos a comparar cousas homoxéneas. En Galicia a taxa de actividade e a taxa de paro son desde hai moitos anos menores que no conxunto de España, e iso débese en parte a unha realidade laboral e social diferente pero tamén ao envellecemento da nosa poboación activa.

O diferencial da taxa de paro galega en relación coa española vén sendo tradicionalmente o dato ao que se aferra o Goberno galego e os seus medios afíns cando algunhas das outras cifras do paro, quer o dato absoluto, a súa variación, ou a porcentaxe de paro, non se acomodan ás mensaxes de optimismo infundado no que sustentan as súas estratexias de comunicación.

Para salvar a distorsión introducida por estas diferentes estruturas de idade existen mecanismos de comparabilidade que pasan por estandarizar ou homoxeneizar as cifras dun dos ámbitos que se comparan aplicándolle á súa a estrutura as taxas propios do outro ámbito, ou ben ás taxas propias a estrutura do outro ámbito. Esta técnica da estandarización de taxas é moi utilizada por exemplo en Demografía e Medicina para calcular taxas de mortalidade.

Pois ben, o resultado de estandarizar as cifras do mercado laboral galego para comparalas ás españolas, é o que segue:

Activa

Se aplicáramos as taxas de actividade españolas a cada grupo de xénero e idade da poboación galega atopariamonos con unha poboación activa máis numerosa, globalmente a para practicamente calquera grupo que consideremos. Salientan nestes gráficos tres fenómenos adicionais:

  • Existencia na mocidade galega dunha poboación activa moito menor que en España, apreciable entre as persoas menores de 25 anos pero proporcionalmente máis intensa entre os menores de 20.
  • Existencia entre as persoas galegas e 60 a 64 anos dunha poboación activa maior que en España, nomeadamente no colectivo feminino, no que é unha evidencia clara do mantemento dunha actividade económica agrogandeira nos anos inmediatamente anteriores á idade de xubilación.
  • Existencia entre as persoas de 65 ou máis anos dunha poboación activa moito menor que en España, como consecuencia dunha menor incidencia en Galicia das profesións e actividades que permiten continuar a actividade alén dos 65 anos de idade. (Como no caso da mocidade as diferenzas porcentuais son máis fortes porque o volume destes grupos situados nos extremos do período de actividade económica é moi pequeno.)

Galicia ten en realidade 1.285.000 persoas activas, mais por estes cálculos, se tivera a mesma taxa de actividade que España, debería ter 1.319.000 persoas, un 2,6% máis.

Parada

Se continuamos coa aplicación das taxas de paro españolas á realidade galega, de seguido comprobamos que a poboación parada estimada para Galicia debería ser substancialmente maior. Obviando o dato das persoas menores de 20 anos ou maiores de 64, pouco significativas polo seu escaso peso, ponse de relevo a existencia dunha infravaloración da poboación parada que é máis intensa canto maior é a idade. Coa única excepción dos homes de entre 50 e 54 anos, e en menor medida dos que teñen entre 60 e 64 anos, pódese afirmar que se Galicia tivera as taxas de actividade e paro que hai en España en cada grupo da poboación definido polo xénero e a idade, a nosa poboación parada pasaría de 282.500 persoas a 329.000, un 16,5% máis.

E como afectaría finalmente esta estandarización á taxa de paro?

Taxa de paro

En xeral (de novo coa excepción dos homes de 50-54 anos) a taxa de paro galega estandarizada en Galicia é maior que a real, o que indica que cando comparamos a taxa de paro galega coa española sen máis estamos destacando artificialmente a diferenza que hai entre os dous ámbitos. A principal excepción atopámola na taxa de paro dos menores de 20 anos, onde, feita a estandarización de cifras, Galicia debería ter unha taxa de paro menor e non maior. Isto é así porque os mozos galegos de menos de 20 anos non están considerados tan activos como os seus homólogos españoles, o que ocasiona que o denominador da taxa de paro sexa máis baixo e a propia taxa de paro real, maior. Semella que por detrás destas cifras salienta un fenómeno diferencial galego polo cal a nosa mocidade alonga máis os estudos, porque queren ou porque poden, atrasando a súa incorporación á poboación activa.

E para que nos serve todo isto?

Comparación

Pois para comparar cousas que son desiguais e non son estritamente comparables. Deste xeito podemos medir mellor a diferenza entre o paro en Galicia e España e xulgar adecuadamente a diferente importancia do mesmo fenómeno.

Nota: Todas as cifras deste exercicio numéricos refírense á media dos últimos catro cuadrimestres da Enquisa de Poboación Activa (datos tirados do INE e do IGE).

 

 

One Response to Menos paro en Galicia si, pero non tanto

  1. dpeon di:

    Costame entender as gráficas. A ver se entendín ben. Na primeira gráfica expresas a que sería a poboación activa galega (por idades) se tivesemos a taxa de actividade de España. Na segunda gráfica comparas ambas taxas Galicia – España de xeito que unha diferencia negativa (e.g. 16 – 19 anos) significa que temos menos poboación activa que España (en termos relativos claro). Onde xa me perdo é nas gráficas 3 e 4: que fas para pasar de paro real a estandarizado? Sumar os ‘activos extra’ da gráfica 1 ponderados pola taxa de paro? E se é así cal taxa (a galega ou a española)?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*