A enquisa de Sondaxe publicada este domingo por La Voz de Galicia sorprende tanto polos seus resultados como pola súa intrahistoria.

Antes de comezar recomendo ler o resumo executivo que da enquisa fixo Filipe Díez e co cal concordo esencialmente.

A recuperación do PP

SondaxeA primeira sorpresa coa que topei nesta enquisa é a recuperación do PP a respecto da última enquisa da mesma autoría de febreiro deste mesmo ano. As infografías e as noticias e artigos de opinión obvian sen razón aparente aqueloutra enquisa, publicada tres meses despois da elección do 21 de outubro de 2012 e aproximadamente un mes e medio trala toma de pose do novo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Dita recuperación prodúcese tanto en porcentaxe (de 42,3% a 43,5% do voto válido) canto en escanos (de 36 a 38), e o que é cualitativamente máis importante: traslada ao PP dunha situación sen maioría absoluta a outra con ela, invertindo a tendencia á perda de apoios que experimentara durante o primeiro semestre do ano en Galicia e en España.

Dita inversión da tendencia é aínda máis rechamante se outorgamos confianza a outras enquisas non publicadas que segundo informacións e/ou rumores diferentes terían rexistrado ao PP en niveis de 31 escanos en maio (ASCA) e 37 escanos en agosto (Filipe Díez). É certo que existe moita volatilidade, mais o cambio durante o último ano antóllaseme excesivo e tería sido 41 > 31 > 37 > 38. Aínda así acredito neste comportamento en U, quizá máis suavizado. Por que? Porque a nivel español, onde posuímos datos de moitas máis enquisas, ese foi e está sendo o comportamento demoscópico do PP.

É normal por tanto preguntarse o porqué desta recuperación, as razóns de índole socioeconómica ou sociopolítica que poden ter causado esta aparente revitalización dos populares. De entrada cómpre descartar cambios no nivel de participación/abstención agregada, que Sondaxe estimou en 50.4% e 50.5% (en febreiro e agora, respectivamente). Obviando o preocupante destas cifras (a participación caería por baixo do 50% en canto acrecentaramos o voto da emigración), a base da recuperación da maioría do PP radica tanto no incremento da fidelidade dos antigos votantes do PP (do 63,3% en febreiro ao 69,2% actual) canto na redución da desmobilización do seu antigo electorado (34,2% a 29%) e dos transvasamentos a outras forzas (2,5% a 1,8%). En paralelo asistiriamos a movementos inversos nas forzas da oposición, conxuntamente considerada, causados especialmente por unha perda de empuxe electoral da AGE.

Que pode ter causado este fenómeno? Ben, botando un ollo aos indicadores de conxuntura en Galicia e España as posibilidades redúcense a unhas poucas. No período que vai de febreiro a agosto-setembro a opinión pública galega e española di o seguinte:

  • A situación económica de Galicia é peor agora que hai 9 meses, como testemuña a comparación entre as propias enquisas de Sondaxe, que preguntou por esta percepción cidadá nas dúas ocasións. Podería pensarse que as expectativas económica en Galicia deberían ter empeorado en paralelo á valoración negativa da situación presente, mais non é así. O IGE elabora dous índices de confianza, un para os consumidores e outro para os empresarios, que sintetizan percepcións presentes e futuras, e ambos índices reflicten unha mellora da confianza na recuperación económica. Asistiriamos así, por tanto, a un fenómeno específico: o aumento da distancia entre a valoración da economía no presente -estable dentro da gravidade- e as expectativas de evolución a un ano vista -optimistas a rebufo da opinión máis estendida en España.
  • A situación económica de España, en cambio, si mellorou nestes 9 meses, se nos atemos aos datos dos barómetros do CIS e os seus indicadores, relativos ao conxunto da poboación española. Esa mellora atinxe ao diagnóstico da situación presente e, sobre todo, ás expectativas sobre a situación económica futura. Esa idea ratifícaa outro indicador do CIS, o da confianza do consumidor, desde polo menos finais de 2012.

Por acrecentar algún dato de tipo obxectivo, pódese comentar que o número de afiliación á Seguridade Social en Galicia aumentou en setembro a respecto de febreiro, mais é sensiblemente inferior ao rexistrado un ano antes, coincidindo coas eleccións autonómicas de 2012. Se atendemos ao dato absoluto do paro, o rexistrado en setembro é inferior tanto ao de hai un ano canto sobre todo ao de febreiro, pero esta redución débese á contracción da poboación activa e á contabilidade administrativa máis do que á creación de emprego neto. Por se as estatísticas introducen máis ruído lembremos finalmente algúns exemplos sobre a situación económica do País: NCG Banco, Pescanova, naval, Alimentos Lácteos, Megasa, Pórtico…

Sirva esta reflexión para relativizar o posible efecto beneficioso que para o PPdeG tería a súa actual estratexia comunicativa, baseada na translación reiterada da mellora nas expectativas económicas de España: en Galicia malia a que poida ter calado, a situación actual segue avaliándos peor que no resto de España. É por isto que o PP pode ter un problema a curto prazo, pensando no horizonte da primavera: ao ter rematado a tempada estival, mesmo coa recuperación económica que poida vir, a compoñente estacional e o crecemento feble e desigual que se prevé van provocar un empeoramento nas cifras de emprego, co que a burbulla da recuperación e este crecemento demoscópico do PP poderían virse abaixo con certa facilidade.

Non cabe pensar que a situación económica ou a súa evolución inmediata en Galicia, ou comparativa co resto do Estado, poida sustentar avanzo electoral ningún do partido no goberno autonómico, e quizá debamos procurar a causa da súa recuperación demoscópica noutro lado. Anxo Lugilde fala repetidamente da falta de alternativa, e coincido con el. Por iso resulta lóxico, e en certa medida xusto, que, uns por outros, o voto directo se reparta case ao 50% entre o PP e os partidos da oposición parlamentaria, situación que historicamente, e máis agora co voto máis dividido, trasládase en maiorías absolutas do PP. No entanto a reforma da lei electoral agarda polo seu momento no caixón de Rueda, por se chegara a ser necesaria.

Na AGE como chegan están marchando

Os transvases de voto entre forzas debuxados por esta enquisa non son tan intensos como o foron nas eleccións autonómicas, nin tampouco tanto como os rexistrados na enquisa de febreiro. Mesmo así, sorprende ver que entanto AGE segue a recibir as porcentaxes de transferencia de voto máis elevadas, mantendo saldo positivo con todas as demais forzas, non logra convencer aos que a votaran hai un ano. Cando o normal nunha forza á alza é que mellore ao mesmo tempo fidelidade e transvases de voto no caso da AGE a súa fidelidade cae desde o 79% de febreiro ao 60,6% actual: unha abraiante caída de 19 puntos que non atopa parangón en toda a historia demoscópica das autonómicas galegas desde 1997. A idea que trasladan estes números é o aparente rol da AGE como estación de tránsito entre outras forzas políticas e a indecisión ou a abstención, e esta idea aparece reforzada pola valoración á baixa que as persoas entrevistadas fan de Xosé Manuel Beiras.

Con efecto, quen subscribe leva tempo dicindo que AGE semella ás veces pouco máis do que un contedor baleiro, unha marca electoral cuxo único recurso son unhas contas nas redes sociais e uns escanos no Parlamento galego, representación institucional que serve paradoxalmente para minar a credibilidade da nosa institución máis xenuína, pasando a un segundo plano a defensa parlamentaria que AGE vén facendo de determinados colectivos prexudicados pola crise.

Na miña opinión AGE leva un ano perdido. Non se dotou de contido programático á coalición, nin de órgaos e instrumentos de acción social para levalos adiante. Non se practicou o tan predicado achegamento aos movementos sociais (desaparecidos), nin ao electorado (prestado), nin á sociedade (sobrevivinte), e, pola contra, as forzas que compoñen a coalición dedicáronse a crear e afortalar os marcos dos seus minifundios particulares, realizando máis actos e eventos por separado do que conxuntamente. AGE non está creando cultura de coalición, nin identificando e fidelizando aos seus votantes co proxecto político que pode chegar a ser. Non se pode explicar facilmente que se propoñan cara ao exterior alianzas con outras forzas, e mesmo frontes amplas, cando cara adentro ningún membro afiliado ou simpatizante pode selo de AGE senón que ten que selo de calquera das forzas que a compoñen. Non se pode consolidar un proxecto político para Galicia sen debater, de forma transversal todas as organizacións, desde as bases e a fondo, os problemas do país, sen construir análises e producir propostas comunmente asumidas.

Segundo a enquisa os hipotéticos votantes da AGE valoran case tan ben o labor de oposición do PSOE e do BNG como o propio, indicando unha proximidade entre os electorados das tres forzas, que do mesmo xeito que produciu unha chegada de votantes á AGE pode desembocar nun fluxo de sentido contrario. O paralelismo co que lle aconteceu ao BNG a partir de 1997-2000, tras recibir máis de 100.000 votos do PSOE, dando por segurados aqueles votos sen se preocupar de qué era o que demandaban en realidade, ben pode acabar nun proceso de perda de apoios como aquel, só que máis acelerado, antes doutras eleccións. AGE, e en particular Anova, parecen ignorar á mantenta que como mínimo a metade dos seus votantes en 2012 e do seu electorado actual e potencial non son nacionalistas, ou, cando menos, non se identifican co nacionalismo realmente existente até o momento. Non se van atraer eses máis de 100.000 votantes non nacionalistas con determinadas mensaxes soberanistas e independentistas que non partilla o 95% da poboación galega, aínda que parte dos outros 100.000, que si son nacionalistas pero non necesariamente independentistas, o vaian permitindo. E, desde logo, non van convencer nin atraer novos desencantados lanzando á opinión pública mensaxes equívocas sobre a utilización da violencia como xeito de conseguir obxectivos políticos, nin sequera como medio lexítimo de expresar indignación.

Todas estas cuestións están sen dúbida no debe da AGE e explicarían que, malia a crecer a respecto das eleccións de hai un ano, se teña contraído, ou como moito estabilizado, a rspecto da enquisa de febreiro. AGE, lonxe de estar medrando, moi ben podería estar comezando a minguar. Sen entrar a cuestionar os datos da enquisa (non exentos de críticas, como se verá logo) o certo é que a estratexia superficial e seica rupturista de meter ruído, utilizar o Parlamento como caixa de resonancia (mais non era de cartón?), e alimentar a polarización entre Beiras/AGE e Feijoo/PP, xa deu todo canto daba de si, terminou: é unha vía sen saída e con data de caducidade que de ningún xeito pode chegar rendendo froitos á próxima cita electoral. Durante o próximo ano seguirán presentes a meirande parte dos problemas económicos, con efectos acumulativos desastrosos para amplas faixas da poboación, sen que AGE (tampouco o resto da oposición) teña ofrecido á sociedade galega unha alternativa de política económica que garanta o sustento material da poboación e posibilite o mantemento e futura ampliación e mellora do servizos públicos esenciais. Sen unha proposta crible neste sentido é normal que a xente siga aferrada ao triunvirato actual: gobernos do PP + grandes poderes económicos + medios afíns. Por certo, tampouco avanzou AGE na concreción dunha posición unívoca a respecto da relación política de Galicia con España, sen que o dereito a decidir acade en Galicia a suficiente masa crítica como para unha simple consulta abrir de por si un novo horizonte político.

No entanto, a xanela de oportunidade que se lle abriu á AGE e ao nacionalismo, para transformarse e liderar unha alternativa de goberno en Galicia, pode irse pechando paseniñamente. Lembremos que se trata probablemente da última oportunidade que o electorado máis próximo lle dá ao nacionalismo contemporáneo, nunha sociedade con niveis de identificación nacional minguantes e idénticos cando non inferiores aos mínimos rexitrados desde a Transición. Tras unha década de inmobilismo ideolóxico que desembocou na escisión do BNG, o relevo foi un novo inmobilismo: o que durante o último ano vén protagonizando a AGE. E non é allea a esta parálise o feito de que os escasos espazos de información e debate do mundo nacionalista estean ocupados por temas tales como a reunificación do nacionalismo (que impide realizar unha crítica global ao que ten significado para o País nos últimos 30 anos e achegarse ás demandas daquela maioría social e electoral que podería aupalo ao goberno), as alianzas electorais con outras forzas de Cataluña e Euscadi de cara ás eleccións europeas do ano que vén (onde aflora a reveladora e rancia concorrencia polo patrimonio das esencias e o verdadeiro ser nacionalista) ou o tan desexado como incerto novo momento político constituínte (que permite viaxes intelectuais que ignoran que os problemas principais da cidadanía son outros, como precisamente testemuñou o éxito electoral da AGE hai agora un ano).

Obviamente quen colocou eses temas na axenda política nacionalista ten algo de culpa, tanta como interese ten en que os debates realmente importantes e cruciais non se dean. Que cales son eses debates? Por exemplo: cómo pode o nacionalismo volver a expandir a súa influencia social e política no País mudando o seu ideario e o seu programa; qué debe facerse para que AGE, a forza que recibiu nas urnas esa encarga e se autorresponsabilizou da tarefa, poida permanecer, fortalecerse, adquirir personalidade de seu, elaborar un programa de goberno e traballar por levalo adiante; ou cómo poden as forzas autodenominadas de esquerdas en Galicia poñerse de acordo na oposición para visibilizar conxuntamente a posibilidade dunha alternativa de goberno. Esas son ao meu ver as cuestións claves do momento político actual no nacionalismo que todos os protagonistas (coa honrosa pero anecdótica excepción dos ecosocialistas galegos) levan rexeitando enfrontar durante o último ano.

Enténdese perfectamente ben que a posición do BNG (e a de CxG) en favor dos temas de debate que considero secundarios sexa a que é, pois así evitan esa reflexión de fondo do nacionalismo e o duro contraste coa realidade, e evitan tamén que o espello lles devolva a imaxe da súa posición subsidiaria, na sociedade e dentro do nacionalismo. Enténdese peor, en cambio, que haxa sectores importantes de AGE (léase en Anova) que secunden esta estratexia, o cal evidencia, ao meu ver de forma meridianamente clara, que hai moitas persoas en Anova que só se escindiron do BNG por cuestións orgánicas e persoais, non políticas, e cinguidas exclusivamente ao mundo interno desas estruturas decadentes que son os partidos. Trátase, e así cómpre afirmalo, de recursos humanos, actitudes e obxectivos políticos que, por coherencia e en beneficio de todos, farían ben en retornar ao lugar de onde proceden. Ou desaparecer.

A novidade da enquisa de Sondaxe é que demostra como este desvío interesado da axenda pública do nacionalismo, cara a cuestións internas e de curto alcance, serve agora tamén aos intereses do PP. Desde que se detectou nas enquisas que o desgaste do PP e o avance de AGE poñía en perigo a maioría absoluta popular, a estratexia precedente de contribuír á polarización entre Feijoo e Beiras e afondar na crise do PSOE, deu paso a esta nova situación en que varios líderes populares e os seus medios afíns recorren a argumentos que só teñen por obxectivo romper a unidade da AGE, argumentos que até agora só viamos xurdir nos segmentos máis sectarios do nacionalismo galego: tilar a EU de españolistas, empregar a política de IU noutras CC.AA. contra a AGE, remarcar as diferenzas entre Anova e EU, virar ataques as antigas loubanzas a Beiras… Os extremos tócanse, é ben verdade, pero os primeiros culpables son os propios dirixentes e membros da AGE, que alimentan, por acción ou por omisión, as diferenzas internas e a pasividade en que se sustentan eses ataques.

A pregunta sobre como cambiaría o voto dos galegos coa AGE presentándose por separado, como Anova e como EU, apunta claramente nesta dirección interesada. Mais se trata dunha pregunta problemática. Dun lado, cabe ter en conta que AGE son, ademais de Anova e EU, outras forzas, como o Espazo Ecosocialista Galego e Equo, ou, postos a subdividir, Encontro Irmandiño, FPG e demais matroskas infelizmente características do nacionalismo galego. Doutro lado, a pregunta, tal e como foi formulada, non permite que a persoa entrevistada mude o voto cara opcións diferentes a Anova ou EU. Se Vostede é un votante identificado coa AGE pero non sabe nin quere saber nada das súas compoñentes, non pode, nesta enquisa, castigar o minifundismo respondendo á enquisa que preferiría votar outras opcións ou absterse. Se Vostede é un votante desencantado co BNG que non pode ver nin en pintura á xente de EU tampouco ten oportunidade de dicir que votaría a Anova se se presentara en solitario. En resumo, unha pregunta claramente dirixida a colocar un tema de debate mediático á marxe dos seus resultados concretos.

Acontece que a cousa aí fóra está tan mal, o Goberno é tan malo e o resto da oposición está como está, que a pesar de todo AGE mantén o tipo, mellor do que indica a enquisa aínda que peor do que proclaman os seus líderes, e aínda concita a maioría das esperanzas de cambio no País.

Falando de alternancia… na segunda posición

A estrea de Besteiro como líder socialista non puido ser máis transparente. A primeira metedura de zoca, defendendo primeiro a xestión privada baixo control público dos hospitais galegos, para desdicirse ao día seguinte en favor da xestión pública, evidenciou o novo bluff que vai supór, así como o rol de líder en tránsito que, analogamente a Rubalcaba e Pachi Vázquez, lle espera. Por non falar de que esas declaracións evidencian que todo o aparato do partido, en Galicia como en Madrid, non comprendeu nada, pero absolutamente nada, dos motivos que están afastando o seu partido da xente: a traición aos intereses da clase traballadora e o desmantelamento do Estado do Benestar mediante o apoio incondicional, pasado e presente, a grandes poderes económicos privados nacionais e internacionais. No PSOE parecen seguir navegando á espera de mellores tempos, poñendo unha vela a Deus (votacións conxuntas co resto da oposición na maioría das propostas de resolución do Debate do Estado da Autonomía) e outra ao Diaño (redución de escanos no Parlamento e contrarreforma electoral do voto da emigración), tentando pechar en falso a súa crise de proxecto ideolóxico e territorial cunha paz interna, máis corporativista que real, e un cambio de líder.

Apenas tivo Besteiro tempo de chegar e acadar incidencia demoscópica fóra da provincia na que é máis coñecido, mais aínda así a enquisa de Sondaxe parece colocalo por diante de Beiras en valoración media. Porén, cómpre ter en conta que o seu nivel de coñecemento non atinxe a metade do que o líder de AGE, o que permite que o avalíen sobre todo aquelas persoas que o coñecen, é dicir, as que teñen unha maior afinidade ideolóxica co PSOE e os residentes na provincia de Lugo. Ten que darse a coñecer moito aínda, e por riba procurar un oco mediático e social por fóra da vida parlamentaria á que non pertence. Alén diso, estou bastante convencido de que a mesma pexa que arrastraba Pachi Vázquez, como candidato vinculado co municipalismo máis opaco e tradicional, persegue a Besteiro en calidade de presidente dunha Deputación das provincias máis rurais. Como sempre digo, a esquerda só emerxerá electoralmente exercendo liderados na Galicia urbana máis dinámica, lonxe do mundo caciquil. Así vén sendo en toda a historia política e electoral do noso País.

Con todo, non é o apartado da valoración de líderes, que convén aos intereses do novo líder socialista, o que máis sorprende da enquisa a respecto dos socialistas. Son os datos de voto directo e a estimación de voto os que debuxan un mantemento inesperado dos niveis de voto ao PSOE, que subiría un escano malia a retroceder en porcentaxe.

A táboa de transferencias de voto (que inclúe como frecuencias marxinais a intención directa de voto en enquisa, aparentemente libre de cociña, aínda que non de reponderacións ou de erros ou defectos na mostraxe) permite reconstruír cifras absolutas de electores por recordo de voto e comparalas cos resultados reais das eleccións de 2012 (neste sentido pódese consultar o exercicio de cálculo realizado por Filipe Díez, aínda que os seus resultados difiren daqueles nos que eu sustento a miña análise).

Obviamente o recordo de voto é unha variable que non recomendo usar de forma determinista, dado o carácter enormemente subxectivo das respostas a esa pregunta, mais non está exenta dunhas certas regularidades que non quero deixar de analizar. Pois ben, nesta enquisa en particular, o recordo de voto ao PSOE está sobrerrepresentado, sendo a forza que experimenta este fenómeno con maior intensidade. O contrario acontece co recordo de voto á AGE e ao PP, e aínda que nestes casos a estimación (cociña) parece ter corrixido esa deficiencia, non o fixo así no caso do PSOE. O resultado socialista, tanto en voto directo como en voto estimado e en escanos, está inequivocamente inchado. Pola súa banda, o BNG ficaría libre deste tipo de efectos.

Abondan nesta idea dunha maior debilidade dos socialistas galegos, á marxe das cifras publicadas, outros datos adicionais da enquisa, de entre os que saliento dous: Un, a valoración que os seus hipotéticos votantes fan do labor de oposición do PSOE no Parlamento Galego: 4,11, sensiblemente inferior ao 4.54 na AGE ou ao 5.0 no BNG. Dous, a única tendencia evolutiva que permanece intacta e non é cuestionada por esta enquisa é a perda de voto directo ao PSOE desde hai máis dun ano. Por iso a foto fixa que debera ofrecer esta enquisa de Sondaxe tería que aproximar ou memso igualar ao PSOE coa AGE, situándoos a menos de un punto de distancia en voto directo, ou, como apuntarei contra o remate, coa AGE por diante se é que realmente houbo un baile de cifras inexplicado. Quero engadir que o mesmo exercicio de cálculo anterior aplicado á táboa de transferenciass de voto da enquisa de febreiro situaría á AGE por diante do PSOE en voto directo.

O Bloque, chantado no chan?

Desde o BNG apresuráronse a facer notar que a suma na enquisa dos seus votos e dos de Anova irían significar, así si, o sorpasso do nacionalismo sobre o PSOE. Ignora esta cábala que as forzas non nacionalistas (PSOE e EU) seguirían sendo maioría na esquerda e nunha hipotética alternativa ao PP así constituída.

Malia ao crecemento dun escano na estimación de Sondaxe, o BNG permanece invariable no seu chan electoral, por volta dos 150.000 votos en Galicia nunhas eleccións autonómicas (5/6% do censo), sendo incerto o que iría obter nunhas eleccións municipais e xerais (neste último caso con maior probabilidade de obter un resultado peor). En calquera caso algúns datos da enquisa indican que aínda podería experimentar certas cesións de voto cara á AGE ou o PSOE (tamén recibilos, eventualmente), por causa das múltiples permeabilidades que se rexistran dentro da esquerda. En realidade, os datos das valoracións cruzadas entre as tres forzas e os seus votantes o que suxiren é que quen realmente sería máis impermeable a novas cesións e estaría máis perto do seu solo electoral sería o PSOE.

Xavier Vence avanza de vagar no seu nivel de coñecemento e valoración, e aínda que a súa nota media iguala ás de Jorquera e Beiras ten aínda moito percorrido por andar. Sonlle aplicables os mesmos comentarios que fixen sobre Besteiro máis arriba a respecto do nivel de coñecemento e de que o valoran sobre todo os seus, así como que o feito de non ser deputado dificulta a súa proxección e notoriedade.

Unha enquisa moi movida

Un motivo para a preocupación dos responsables de Sondaxe e de La Voz de Galicia debería ser a aparente contradición nas cifras de intención de voto á AGE. Nunha táboa aparece 6,7% do censo pero no texto do artigo de análise de Jaime Miquel aparece 8,0%. Unha gralla? Ou algo máis? O propio Miquel acaba o seu artigo debuxando un panorama electoral revolucionario para as elecciósn europeas que non parece cadrar moito co que descreben os números para as eleccións autonómicas. For como for, un día despois non houbo nin corrección nin comentarios sobre esta discordancia, e un bota en falta aquela vella figura xornalística da fe de erros. Cónstame que os erros entre instituto que elabora a enquisa e as redaccións son comúns e moito máis frecuentes do desexable. Mais iso non exime a responsabilidade dunha explicación.

O anterior non pasaría dunha simple anécdota se non coñecera tamén a intrahistoria da enquisa. Co traballo de campo apenas iniciado filtrouse desde Sondaxe ao contorno do Grupo Voz e a diferentes forzas políticas un reparto de escanos que falaba de perda de maioría do PP e de liderado claro de AGE na oposición, con esfondamento do PSOE. Esa fotografía era coherente coa tendencia do último ano e con outras enquisas non publicadas nos últimos meses, entre elas a propia enquisa omnibus mensual de Sondaxe. Se acaso a distancia entre AGE e PSOE que transmitía esta filtración podía ser excesiva, máis tiña sentido. Acontece que uns días despois, contra o remate do campo ou xa rematado, comezou a circular un contrarrumor, ao parecer coa mesma orixe, nos que avisaban aos mesmos destinatarios de que o primeiro prognóstico facilitado ía ser cambiado, que o PP iría ter a maioría e o PSOE conservar a segunda praza con claridade.

Non costumo dar credibilidade aos rumores sobre enquisas e é a primeira vez que me fago eco publicamente dun. Tomeime a molestia de contrastalo e de confirmalo por varias vías, e aínda así só o difundín porque estaba e estou convencido de que reflecte a realidade. A segunda filtración, coincidente cos datos finalmente publicados, pon en cuestión aquela primeira información, con todo o que iso implica: ruptura con varias tendencias anteriores, recuperación da maioría por parte do PP, e retorno do PSOE á segunda posición por retroceso da AGE a respecto de febreiro máis que por méritos propios. Perante estes cambios e contradicións, ao final o único que podemos sacar en claro é unha quebra da credibilidade, tanto nos autores canto nos que nos fixemos eco dunha filtración ou doutra. Hai unha verdade por detrás de todo isto e desgrazadamente non teño nin os datos nin as probas para poder contala. Fico só coas miñas intuicións e algunhas certezas, entre elas a convicción firme de non volver entrar neste xogo de especulacións no futuro.

Debemos por tanto confiar no que se diga ou comente sobre esta enquisa en particular? Se sempre defendín a credibilidade das enquisas de Sondaxe (caso aparte é o seu tratamento xornalístico e editorial) neste caso non podo facer o mesmo, porque o meu traballo baséase en datos de terceiros e na credibilidade que me merecen. E como este non é, desgrazadamente, o caso, limiteime neste artigo a comentar o que din os números sen entrar a cuestionalos. Deixo para o lector calquera outro tipo de valoración.

Disclaimer: O autor do blog e desta entrada traballou na empresa Sondaxe do Grupo Voz entre os anos 1999 e 2002 como técnico estatístico especializado en estudos electorais.

Etiquetas:
 

3 Responses to Un ano perdido para a alternativa política en Galicia

  1. Costadamorte di:

    Moitas gracias polas tuas lúcidas análisis…
    Discrepo nalgunhas cousas no político, mais admiro o técnico…

  2. Pretendes dicir que a axenda do nacionalismo galego, que os temas que chegan ao seu electorado, se marcan nas webs das forzas políticas ou nas dos seus voceiros dixitais?

  3. […] detrás nas urnas e nas enquisas -cousa que por exemplo BNG ou Anova non souberon ou, mellor, non quixeron saber. E, por se fora pouco, contan con mecanismos de participación que van facilitar a ósmose cos seus […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*