A análise dos chíos publicados durante a primeira xornada do Debate do Estado da Autonomía amosa un único pero contundente resultado: o actual Presidente da Xunta e Xosé Manuel Beiras hexemonizan as mensaxes nesta rede social.

DEAGalicia2013

Unha cifra próxima aos 3.000 chíos, en galego e castelán, recollidos, tratados, analizados e visualizados co aplicativo R permite tirar esa conclusión. Os datos visualizan o fenómeno da polarización entre Feijoo e Beiras, o que ten toda a traza de ser o limiar dun feito consumado: a consolidación Beiras como líder da oposición e de AGE como segunda forza en intención de voto en Galicia para unhas hipotéticas eleccións autonómicas. Os datos tamén deixan albiscar que o debate non tivo un eco excesivo, e que estivo hexemonizado por un reducido grupo de usuarios de Twitter, algúns de cuxos alcumes aparecen de forma recurrente ao carón das palabas máis utilizadas.

O gráfico ou dendograma amosa a relación de semellanza ou proximidade entre as palabras rechiadas con maior frecuencia. En cada ponla as verbas máis relacionadas entre si, e canto máis perto da raíz -neste caso situada na parte superior- máis significativa ou estreita é a asociación entre elas.

O filtrado dos datos e a non aplicación de técnicas NLP non aconsellan extraer máis conclusións. Non estou a dicir que Twitter non sexa representativo da realidade sociopolítica, mais si rexeito rotundamente a idea de que non sirva para nada. Sabemos que hai moito militante lanzando propaganda e moitos profesionais da comuniación emitindo e amplificando, mais aínda así abrigo dúas pequenas certezas:

Unha: a internet, primeiro, e as redes sociais, despois, levan unha década actuando nun grao incerto e variable como indicador adiantado de determinados estados de opinión, quer perecedoiros quer duradoiros, e tamén, en consecuencia, da intención de voto.

Dúas: se a algún segmento da poboación e do censo representan en Galicia as redes sociais é a unha parte ben interesante do electorado galego -aquel cun perfil urbano, mozo, preparado, profesional e con acceso ás novas tecnoloxías- que se ten demostrado estar moi correlacionado cos cambios no nivel de voto entre determinadas forzas políticas -PSOE e BNG tradicionalmente, agora tamén AGE- e a abstención.

Andan os rumorosos ultimamente a entoar unha cantiga que fala de todo isto.

Etiquetas:
 

One Response to Feijoo e Beiras polarizan o Debate do Estado da Autonomía en Twitter

  1. Carlos, que criterios seguiches para conseguir os 3000 tuits? A min parécenme poucos tuits, tendo en conta que “so” os hashtags oficiais dos partidos e os que moveron os yuppies contiñan un número maior aos 3000. E depois houbo moita xente que comentou o debate sen unirse á conversa vía hashtag.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*