Os premios concedidos pola ACB aos MVP da liga e a listaxe de preseleccionados para o Eurobasquet de Eslovenia demostran máis unha vez que nestes recoñecementos pesan máis as cuestións de prestixio ou extradeportivas que os méritos individuais.

Os MVP da ACB

1Base: Sergio Rodríguez (RMA) / Albert Oliver (JOV). Si, pode que S. Rodríguez sexa máis espectacular e que a súa barba ao Harden estea de moda. Mais os números din que o premio ao mellor base debería ter sido para Oliver. E non só. Oliver, por minutos e rendemento debía ter sido o MVP da liga Endesa. O problema? Que xoga nun equipo da metade da táboa para abaixo. Certo. Máis botemos unha ollada ás cifras. Por cada 40 minutos de xogo en pista Oliver produce unha vantaxe media para o seu equipo no marcador de 11,7 en comparación con cando está no banco. S. Rodríguez produce vantaxes para o Madrid? Non. Ao contrario. O equipo colle máis vantaxes con el no banco, co que resulta que obtén un -5,4 no índice +/- neto. Iso polo lado dos seus contributos ao equipo. Polo lado do rendemento individual de cada xogador en comparación co xogador rival que ocupa a mesma posición en pista, Oliver obtén un PER neto de +14,8, o quinto máis elevado da liga, entanto S. Rodríguez obtén un máis discreto +5,7. Isto é así porque aínda que a efectivadade do xogador madridista sexa moi boa e equiparable á do verdinegro, o seu rendemento defensivo baixa moitos enteiros, permitindo que os bases rivais anoten máis e, en xeral, cubran follas estatísticas moito máis valiosas. Tanto Oliver como S. Rodríguez comezaron moitos partidos desde o banco, pero Oliver acabou por xogar o 53% dos minutos do seu equipo, por só un 46% no caso de S. Rodríguez, é dicir, o base branco está por baixo da media de minutos de todos os xogadores da ACB. Que queren que lles diga? Houbo moitos bases por tras de Oliver e antes que S.Rodríguez, comezando polo seu propio compañeiro de equipo e base titular, Sergio Llul. mais tamén Van Rossom e Llompart (CAI), Raúl López (BIL), Kelati (VAL) ou A. Rodríguez (BLU). Resultado de todo isto? O mellor base da liga non foi nin sequera convidado para a preparación do Eurobasquet coa selección española. Malia os seus 35 anos, ou precisamente por eles, foi, sen dúbida, o mellor.

2Escolta: Rudy Fernández (RMA) / Kostas Vasileiadis (BIL). O de Rudy demostra máis unha vez que a liga móvese máis no plano mediático que no da análise rigorosa e a xustiza deportiva. Para comezar Rudy leva o premio ao mellor escolta cando nas plantillas oficiais da liga ACB o seu posto é o de aleiro! Admitamos a súa versatilidade, mais a súa designación como escolta parece ter máis a ver coa maior concorrencia polo premio na posición de aleiro que na de escolta, de lonxe a posición máis feble da liga ACB (o mesmo que acontece na NBA). Mesmo así, admitindo este desprazamento de Rudy á posición de dous, nin moito menos é el o mellor xogador, a teor dos números, o que nos fai dubidar sobre as razóns últimas deste premio. Vasileiadis só xogou un partido menos que Rudy, pero fronte aos 22,4 minutos por partido do madridista o grego xogou 29,3 minutos, o quinto xogador da liga con máis tempo en cancha. Vasileiadis achegou un +/- neto de +11,2 ao seu equipo, contribuíndo a clasificalo para os play off e a colocalo na final da Eurocup, entanto Rudy quedouse nun +6,9. Certo é que Rudy é mellor defensor que Vasileiadis, pero as diferenzas medidas polo indicador PER neto son moi pequenas: +8,0 para o grego e +10,7 para o mallorquino. No balance entre +/- e PER gaña pola man Vasileiadis,  que ademais tamén conta co mérito de ter sido o máximo anotador do seu equipo na final da Eurocopa que perdeu o Bilbao Basket, e ter xogado dous bos encontros na eliminatoria de play off contra o FCB Barcelona. Tamén Feldeine (FUE) quedou por diante de Rudy, e mesmo coa tempada intermitente feita por Navarro (FCB) eu colocaríao sen lugar a dúbidas por diante do madridista, como testemuñou o  encontro entre FC Barcelona e Real Madrid do Nadal pasado ou a pésima serie de tiro do maiorquino durante a fase final. Os números son os que son, e o ano de Rudy non foi todo o que bo que se esperaba para un retornado da NBA, o mellor salario da plantilla do Real Madrid e o capitán da selección española.

3Aleiro: Andrés Nocioni (LAB) / Levi Rost (CAN). Outro premio marcado polo que dirán da ACB no exterior parece ser o correspondente ao posto de tres. Rost quedou segundo na miña clasificación particular de MVP. É certo que non xoga nun equipo punteiro, pero si moi regular e un dos máis fortes na casa. Adiantou na clasificación de aleiro a Corbacho (BLU), segundo por diante de Nocioni, que foi o terceiro.  Novamente vemos como se empregan galardóns individuais para premiar máis aos equipos coa mellor clasificación final que ao rendemento individual dos xogadores. Na estatística colectiva Rost brillou, cun +/- neto de +14,9 que é tamén o segundo mellor rexistro da liga nun apartado no que Nocioni obtivo só un +5,1. Na estatística individual Rost só acadou un PER neto de +4,3, entanto que Nocioni obtivo un +9,4, unha diferenza a favor do arxentino que non compensa a desvantaxe anterior. Malia a que tamén discutiría este galardón é certo que neste caso a elección da ACB non foi tan inexplicable como nas posicións de base e escolta.

4Ala-Pivote: Nikola Mirotic (RMA) /Justin Doellman (VLC). De acordo. Este é o premio menos discutible dos cinco MVP, e sendo así até parece normal que o MVP xeral llo deran a Mirotic antes que a calquera dos outros catro. Mais houbo un xogador na mesma posición oficial que o montenegrino -segundo a web da ACB- que rexistrou cifras tan boas coma el: Justin Doellman. O estadounidense acadou na miña clasificación de MVP un +7,2, fronte a un +6,8 de Mirotic, e ambos os dous obteñen practicamente os mesmos indicadores, quer na vertente individual como colectiva. Doellman xogou os mesmos partidos que Mirotic e tres minutos máis de media en cada un. Só porque son un bocado mellores os do americano atrévome a dicir que a razón definitiva para concederllo ao europeo foi, alén de facerlle as beiras para o seu hipotético recrutamento para a selección española, a mellor tempada do Real Madrid, ainda que, non se esqueza, o Valencia Basket disputou tanto as semifinais da Eurocopa como os cuartos de final dos play off da ACB. Pero por se non quedaches convencido, a verdade, nesta posición de 4, a máis produtiva da liga regular, o mellor xogador de todos foi o mellor sexto home da liga, Felipe Reyes, tamén do Madrid. A salientar tras eles tres a gran tempada de Pablo Aguilar (CAI), totalmente merecedor da súa inclusión na preselección de Orenga, de Jakim Donaldson (CAN) e Spencer Nelson (GCA).

5Pivote: Ante Tomic (FCB) / Luka Zoric (UNI). Outra designación discutible, malia a que houbo un bo treito da competición na que o dominio anotador e reboteador de Tomic baixo os taboleiros non tivo contestación. O xogador malacitano rexistrou un +9,7 na clasificación de MVP, por un +6,2 do barcelonista. É certo que Tomic supera a Zoric no aspecto individual,e dentro deste na vertente anotadora, pero o de Unicaja, mellor defensor, dálle tamén varias voltas ao seu compatriota no aspecto do xogo colectivo, medido pola estatística +/-. Todo queda entre croatas, mais a nosa elección para o MVP da bombilla tería sido Zoric. Mesmo por diante de Tomic colouse o recentemente drafteado Lucas Nogueira (EST).

En definitiva, argumentado con algúns números, os MVP premiaron a xogadores dos tres primeiros clubes na clasificación da liga regular, pero non aos mellores.

Preseleccionados do Eurobasquet

Clarificado o affaire Mirotic, e coñecidas as baixas de Pau Gasol (LAL), Juan Carlos Navarro (FCB), Felipe Reyes (RMA) e Serge Ibaka (OKC), a listaxe de Orenga para o campionato de Eslovenia deste mes de setembro deixa algúns acertos pero tamén algún flanco aberto para a crítica.

NBA: Grandes tempadas de Marc Gasol (MEM) e, noutro plano, de José Manuel Calderón (DET) e Ricky Rubio (MIN), así que pouco que discutir aí. Mais a convocatoria de Víctor Claver (POR) só se pode explicar en base a que na posición de catro apenas houbo xogadores españois ou de formación local que estiveran entre os mellores da liga ACB, salvando como xa se dixo a ReyesMirotic, ambos ausentes.

Bases: Sergio Rodríguez e Sergio Llul. Non se pode negar unha boa tempada de ambos, pero moito máis do segundo que do primeiro. A excelente campaña de Oliver paréceme razón máis que suficiente para telo convocado, ou cando menos convidado, a pesar do overbooking (Calderón, Rubio) que ten a selección nesta posición de un. A concesión do MVP de base a Rodríguez por diante de Llul antóllaseme unha manobra para garantirlle a indiscutibilidade na selección perante unha tempada e unhas estatísticas que non o avalan. Se ben é certo que é un xogador máis maduro que o ano pasado, a súa mellora no lanzamento de tres estancouse, e non rendeu especialmente ben nos partidos clave da tempada, incluíndo a Final Four. Oliver, pola contra, demostrou poder cargar un equipo ás costas e ser un xogador igual de desequlibrante que o canario.

Aleiros: Ademais de Rudy e Claver o seleccionador convocou a Mumbrú e San Emeterio, alén de convidar a Corbacho e Xavi Rabaseda (FCB). Para comezar, o de Rabaseda é un escándalo. Só está aí para cubrir a cota do FC Barcelona na selección, e probablemente -ogallá- nin a cubra finalmente. Que tivera dous ou tres momentos brillantes en toda a tempada non o moven un milímetro do tramo final das clasificacións estatísticas, tanto no individual como no colectivo, quer no ofensivo quer no defensivo. Para seguir, Rudy e Corbacho deberían ser os titulares desta selección nas posicións de dous e tres. Os dous maiorquinos practicamente empatan na miña clasificación de MVP, salientando algo máis o do equipo obradoirista no plano individual e anotador, e algo máis o madridista no plano colectivo e defensivo. De modo que as prazas restantes deberían estar en disputa entre Claver, Mumbrú e San Emeterio. Persoalmente na miña balanza pesa máis a veteranía de Mumbrú, a pesar da súa irregularidade, que o desastre de tempadas de Claver e San Emeterio, ambos os dous en claro retroceso a respecto de tempadas anteriores, un en minutos e outro en xogo. Se tivera que escoller levaba a Claver, para defender rivais altos, e mandaba o baskonista para a casa.

Pivotes: Sendo indiscutible Gasol, o resto da listaxe confórmana os convocados Germán Gabriel (EST), Xavi Rey (GCA) e Pablo Aguilar (CAI), e o convidado Nacho Martín (BRV). Aguilar, o mellor español da ACB nas posicións interiores, é indiscutible a todas luces, e Gabriel e Rey fixeron unha tempada estatísticamente boa e moi semellante, se ben algo mellor para o estudantil. Se o físico de Rey respéctao o que debera ficar fóra do campionato é Martín.

Na miña opinión, por tanto, debería haber dous descartes asegurados de entrada, San Emeterio e Rabaseda, unha flamante e ben merecida estrea, Corbacho, e unha elección entre Rey e Martín a expensas do que aconteza coas lesións. Os partidos de preparación farannos saír de dúbidas.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*