Non adoito consultar as estatísticas financeiras, pero hai cousa dun ano o Informe A Economía Galega 2011 púxome sobre o rastro destas cifras relativas ao aforro e o crédito en Galicia. Foi un dos primeiros temas estrela da análise económica contemporánea no noso País. E parece que volve estar na moda.

(Debo agradecer ao excelente economista David Peón a crítica que realizou á primeira redacción do artigo)

Nos anos 70 e primeiros 80 o discurso sobre a drenaxe de aforro galego cara outras partes do Estado, e o papel de sanguesugas que desempeñaban as entidades financeiras, estaba moi presente na actualidade política e na análise económica en Galicia.

Despois da forte reestruturación á que foi sometido o sector financeiro español e galego desde o estourido da crise, tralas fusións e adquisicións, por vez primeira na historia de Galicia a maioría do negocio bancario está en mans de capital foráneo. Iso podería non significar nada, sobre todo se temos en conta que os directivos das caixas galegas se comportaron durante anos como verdadeiros especuladores apátridas, mais é importante, e moito. Semella pertinente retomar aquel vello debate.

Os graficos seguintes amosan como os axustes teñen conducido en Galicia a unha situación de equilibrio entre depósitos e créditos que non se rexistraba desde 2004, poñendo fin, en aparencia, á época da burbulla do crédito -sempre falando en relación aos depósitos bancarios e non a outros pasivos financeiros.

Trala brutal contracción do crédito rexistrada no último trimestre de 2012, coincidindo coa segunda ampliacion de capital e a nacionalización ao 100% de NCG Banco,  Galicia parece abocada nos primeiros trimestres de 2013 a que os créditos volvan ser inferiores aos depósitos, converténdonos nun fornecedor neto de crédito para outras partes do Estado.

O que encontro preocupante é que no resto do Estado ese equilibrio nin existe nin ten trazas de se acadar. Moitas CC.AA. desenvolven o papel contrario:  non só son receptoras netas de fondos (todas o son dado que o total de créditos no sector residente español é superior ao de depósitos nun 41%) senón que detentan unha porcentaxe do crédito total aos sectores residentes moi superior á mesma porcentaxe de depósitos que reúnen. Noutras palabras, en termos relativos reciben máis do que contribúen.

A finais de 2012, aínda que en Galicia temos o 4,5% dos depósitos españois -unha porcentaxe inferior ao noso peso demográfico e económico que indica a nosa posición de Comunidade pobre neste sentido- só recibimos o 3,4% dos créditos. Esta diferenza é a maior desde 1999, antes da adopción da moeda única europea, con tendencia a aumentar en 2013.

Créditos e depositos, nominal

Créditos e depositos, cota

Moitas das CC.AA. que máis medraron durante o ciclo económico expansivo da década pasada, aquelas nas que a burbulla do ladrillo foi maior, aquelas que fixeron un uso máis intensivo da man de obra barata inmigrante, aquelas con maior implantación da cultura do millonario estranxeiro de litoral, aquelas con maiores cotas de economía sumerxida, aquelas cos máis clamorosos casos de corrupción política e económica, se contan entre as Comunidades que achegan unha menor parte dos depósitos e fican cunha maior parte do pastel dos créditos.

Non se trata estritamente dun problema de Comunidades ricas e pobres. Se partimos da hipótese dunha equidistribución do crédito por CC.AA. en función das suas participación nos depósitos, atopamonos con que Madrid lídera as Comunidades que saen perdendo, entre as que se atopa Galicia, entanto que nas que saen beneficiadas  por riba da súa achega atopamos CC.AA. ricas e pobres, como Cataluña ou Murcia. A distinción é claramente: o Mediterráneo e o resto.

Pensemos no sector financeiro non só como un perseguidor da rendibilidade senón tamén como un mecanismo que pode aumentar ou diminuir as desigualdades territoriais e individuais no reparto da riqueza. Quizá non lle poidamos pedir que actúe en sentido progresivo, pero parece razoable esixirlle cando menos que non actúen en sentido regresivo, procurando responder ao peso da economía real.

Coñecendo a evolución económica e política do Reino de España na última década eu diria que estamos asistindo aínda a unha situación de financiamento -de recheo de furados- da pos-crise dun modelo de crecemento territorial do que Galicia non se beneficiou ou o fixo en moita menor medida que outras partes do Estado.

Cada quen que tire as súas conclusións, mais a min, 5 anos despois do inicio da crise, todo isto ségueme a cheirar a Españistán.

Créditos e depositos, CCAA

Fonte: Boletín Estatístico mensual do Banco de España

Etiquetas:
 

One Response to Onde vai o aforro galego?

  1. eue di:

    “Mais o verdadeiramente preocupante é que no resto do Estado ese
    equilibrio aínda non se ten acadado, nin de lonxe, e que no entanto
    Galicia continua a funcionar, e cada vez con maior intensidade, como territorio máis aforrador que receptor de crédito, entanto outras CC.AA. desenvolven o papel contrario:”

    E iso sen ter en conta que a elevada emigración cara a Centroeuropa nos anos 60 está, en boa parte dos casos, mantendo unha boa porcentaxe dos aforros na banca dos países nos que traballaron, malia térense xa xubilado unha parte. Non vale para financiar as áreas hispanistaníes máis creditófagas (non directamente polo menos) pero si para decantar este equilibro entre aforro e débeda aínda máis cara ao aforro.

    Non é de estrañar logo que a “quita” das preferentes tivese aquí maior impacto ao se conxugaren dous factores de importancia, poboación máis envellecida (con menos recursos para entender este tipo de produtos de inversión) e aforradora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*