O PPdeG quer aprobar unha reforma do sistema electoral que atenta gravemente contra a súa proporcionalidade e que mina a súa lexitimidade democrática. Este é o primeiro artigo dunha serie sobre a cuestión.

Desde que en 1989 o Parlamento de Galicia pasou a comporse de 75 representantes (en 1981 e 1985 eran 71) houbo varios cambios na Lei que regula os comicios autonómicos.

O primeiro impulsouno Manuel Fraga en 1993 e consistiu en subir a barreira electoral mínima para acadar representación nunha circunscrición desde o 3% dos votos emitidos até o 5%. Aquel cambio imprimiulle ao noso sistema electoral un carácter máis maioritario e menos proporcional, propiciando de forma indirecta (ao colocalos no albo da reforma) a non entrada no hemiciclo da coalición formada entón entre Unidade Galega (ex PSG-EG) e Esquerda Unida (lograron superar o 3% nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, aínda que mesmo sen o cambio quedarían cos primeiros restos sen escano nambas circunscricións).

O segundo cambio impulsouno tamén o último goberno Fraga, e só alterou os prazos de reconto do voto da emigración. O terceiro aprobouno o goberno bipartito, pero tampouco modificou o número de deputados/as nin a porcentaxe mínima de votos, e non afectou á proporcionalidade do sistema establecida dúas décadas antes.

A proposta que agora pretende levar adiante o PPdeG de Feijoo consiste na redución de 75 a 61 deputados/as. O Estatuto prevé que a cifra de escanos estea entre 60 e 80, de xeito que a modificación é legalmente posible, se ben politicamente é denunciable que unha soa forza, que como o PPdeG conta con máis da metade dos escanos do Parlamento de Galicia pero que nas urnas nin atinxiu esa porcentaxe de votos ou que en termos de electores nunca atinxiu o 40%, manifeste a súa vontade aplicar a reforma de xeito unilateral.

Hai outros elementos da proposta popular (debates televisados, subvencións aos partidos…) que son absolutamente secundarios perante a gravidade da modificación que promove Feijoo. As xustificacións ad hoc sobre o aforro en nóminas (demagóxicas e suficientemente desmontadas pola oposición) ou o compromiso electoral cos votantes (Feijoo xa propuxera a reforma antes de chegar á Xunta e deixou pasar unha lexislatura enteira sen tocar o tema porque simplemente non o necesitaba) só pretenden distraer a atención sobre a cuestión principal.

Esta redución que persegue o PPdeG afecta gravemente á proporcionalidade do sistema electoral galego, non só en tanto os restos de calquera reparto pasan a ter máis peso cando o total de escanos é menor, e con eles os seus efectos desproporcionais, senón en canto está fixado (por Lei) un número mínimo de deputados/as que se asignan a cada circunscrición (a provincia, segundo o Estatuto): 10 escanos para cada unha das catro provincias.

Esta cota fixa provincial ocasiona que dos até agora 75 escanos un total de 40 se repartiran con criterios non proporcionais, e só 35 de forma proporcional á poboación de dereito de cada circunscrición (á poboación, non ao censo, aspecto este que favorece lixeiramente ás circunscricións nas que ten maior peso a poboación menor de idade, isto é, as occidentais, e menos importancia o censo de residentes no extranxeiro, as orientais). Ou sexa, até agora a maioría dos escanos se asignaban de forma non proporcional, o que fai que o voto dun elector de Vilalba ou Laza teña moito máis peso que o voto dunha electora de Ferrol ou de Cangas, por exemplo. Pero lonxe de corrixir esta deficiencia do sistema, a reforma de Feijoo agrávaa moito máis.

A asignación dun número fixo de representantes ás circunscricións ten varias xustificacións, entre as máis repetidas a de garantir a representación non só das persoas senón dos territorios, e podemos atopar mesmo argumentacións de base ecoloxista e medioambiental para xustificar ideas semellantes. O gran problema disto é que canto máis troceemos o territorio maior é o número de escanos que non se asignan de forma proporcional á poboación, distorsionando o poder electoral de cada persoa en función do lugar onde resida. Catro trozos (as provincias) e 10 escanos fixos para cada un provocan diferenzas electorais moi grandes entre a poboación galega.

Acontece que as provincias son unha estrutura administrativa totalmente prescindible, herdada dunha división e organización do Estado inspirada nunha concepción imperial, monárquica e centralista de España (por non falar do papel escurantista, escasamente democrático e case medieval que desenvolven os seus organismos adscritos, as Deputacións), co que máis que cuestionar a cota fixa de escanos por circunscrición habería que discutir a validez da provincia como ámbito de elección. Existen propostas razoábeis que defenden unha circunscrición única para Galicia (eu co meu voto podo defender outras partes do territorio galego tan ben ou mellor que aqueloutras que me son máis próximas -penso na depredación que a través da minaría está a promover a dereita en connivencia con aqueles poderes económicos transnacionais e/ou doutra época que nestes tempos de crise non coñecen outro xeito de xerar beneficios que arruinando o noso medio-). Desde diversas instancias tense proposto a definición dun número (por forza reducido) de distritos ou áreas funcionais (desde logo moito menor que o das 52 comarcas). O problema reside en que para desvincular a circunscrición da provincia habería que mudar o Estatuto de Autonomía, que vincula circunscrición e provincia, e os partidos estatais non están pola labor. Porén, hai tamén propostas que non precisan tocar o Estatuto, como votarmos unha única lista de 75 deputados por candidatura, e que despois sexa cada forza política a que repartan os escanos obtidos entre os/as candidatos/as de cada provincia que ían na súa lista. Outra cuestión é que esa mudanza, que permitiría con certeza unha maior proporcionalidade no voto, non interese.

Pero voltemos ao cerne da cuestión. A reforma de Feijoo non está concretada en ningunha outra cousa máis que na redución do total de deputados/as de 75 a 61, o que por silencio ou omisión permítenos pensar que pretende conservar o fixo de 10 escanos por provincia. A combinación de ambas cousas supón un ataque frontal á liña de flotación da proporcionalidade do sistema, converténdoo nun sistema electoral nada proporcional e si máis maioritario (moi do gusto do finado Fraga, por certo, que malia a iso abstívose sempre de reducir o número de deputados/as nun exercicio de coidado e de consciencia sobre a importancia de non abusar destes cambios). A reforma de Feijoo constitúese así nun movemento de faquir que lonxe de corrixir os efectos de desproporcionalidade do sistema, auméntaos.

Desde hai tempo admítese de forma xeral a necesidade de modificar o sistema electoral en varios aspectos, pero precisamente no sentido contrario ao que desexa Feijoo, ou ao que tamén defende Rubalcaba para España, de crear máis circunscricións nos distritos nas cidades máis populosas de España baixo a xustificación de achegar representantes e representados (para iso están os concellos, non?), co único efecto real de trocear máis o mapa, aumentar a desproporcionalidade e converter o sistema electoral español, xa de por si pouco proporcional, en maioritario, querendo beneficiar o agora malferido bipartidismo. O único sentido admisible dunha reforma é aquel que veñen defendendo todos os movementos sociais desde o 15M e demandando todas as forzas minoritarias e minorizadas pola lexislación vixente desde hai décadas: aumentar a proporcionalidade e eliminar as barreiras de entrada aos Parlamentos das forzas que non acadan unha porcentaxe mínima dos votos.

Existe aínda no noso sistema electoral un efecto de desproporcionalidade adicional moi importante, nada desprezable. Nestes 24 anos transcorridos o simple paso do tempo contribuíu a agravar os efectos de desproporcionalidade do sistema, ao perderen poboación as provincias de Lugo e Ourense en comparación coas da Coruña e Pontevedra e mantérselles mesmo así a súa cota fixa de representación de 10 escanos.

Por exemplo, co sistema electoral actual, en 1989 un escano de Lugo representaba 22 mil electores e un da Coruña a máis de 36 mil: ou sexa, un elector na circunscrición luguesa valía en 1989 un 63% máis do que unha electora na coruñesa. Pero é que nas últimas eleccións autonómicas de 2012, o escano de Lugo representaba a menos de 20 mil electores e o da Coruña a máis de 39 mil, co cal o elector vilalbés importaba xa máis do dobre que a ferrolana (enténdanse todos estes datos sen ter en conta o electorado da emigración, para simplificar a explicación).

O gráfico seguinte amosa a evolución do número de electores/as representados por cada escano. Tres liñas describen o comportamento histórico desta relación: unha, a azul, para a circunscrición máis sobrerrepresentada (menos electores para un escano, historicamente Lugo), outra, vermella, para a circunscrición máis infrarrepresentada (máis electores para un escano, historicamente A Coruña) e entrambas unha terceira, negra, para o valor medio das catro circunscricións provinciais. Toda elas mídense coa escala da esquerda. Adicionalmente o grafico presenta con barras o valor dun índice de desproporcionalidade (a raíz do erro cadrático medio expresada en porcentaxe a respecto da media, %RECM) para cada convocatoria electoral. Este indicador mídese coa escala da dereita, e pode verse como aumenta ininterrompidamente desde o 20% de 1989 até o 27% de 2012. Ese é o valor actual medio da non proporcionalidade para o electorado galego.

PRECM

O gráfico presenta ademais valores para unhas hipotéticas novas eleccións áo Parlamento de Galicia a celebrar en outubro de 2016 (presupoñendo por tanto a ausencia dun novo adianto electoral). Se nos fiamos das proxeccións de poboación a curto prazo do INE e as transladamos ao censo, o índice de desproporcionalidade do sistema electoral galego trala reforma proposta polo PPdeG aumentaría desde o 27% ata o 33% (lémbrese, era do 20% en 1989). Coa reforma Feijoo o elector vilalbés valería 2,3 veces o que a electora ferrolana.

É evidente o que o PPdeG persegue con esta reforma (alén de que sirva ou non como medio de desviar a atención sobre outros problemas, sociais ou propios): afortalar o valor do electorado daquelas circunscrición nas que sempre obtivo mellores resultados (Lugo e Ourense), as que máis poboación perden, as máis envellecias, as que sempre foron máis conservadoras politicamente, que funcionaron e funcionan, para ben e para mal, como freo aos cambios políticos en Galicia, reproducindo con atraso aquelas mudanzas adoptadas en primeira instancia polas circunscricións occidentais (A Coruña e Pontevedra), politicamente máis dinámicas (máis favorables á esquerda e ao nacionalismo pero tamén máis influídas polo ciclo político estatal).

Con esta reforma Feijoo dará un golpe de Estado en Galicia. Mudará as regras do xogo electoral ao seu favor e en detrimento do sentido democrático do principio de unha persoa, un voto. E, porén, mesmo así, non ten nin moito menos garantida a conservación da súa maioría absoluta. Verémolo en vindeiras anotacións.

Etiquetas:
 

9 Responses to O golpe de Estado de Feijoo (I)

  1. […] Algúns xa o tiñamos claro dende fai moito tempo, pero por se alguén tiña dúbidas, o bo amigo Carlos Neira Cortizas, o explica de xeito nidio no seu blogue Calidonia: http://calidonia.eu/2013/05/27/o-golpe-de-estado-de-feijoo-i/ […]

  2. torcinho di:

    Pero entón unha reducción do número de deputados cunha asignación “asimétrica” por provincia, si sería factible non? (e máis proporcional).

    Por outra banda, sen dubidar da intencionalidade política da reforma proposta (a perpetuación no poder) e falando sempre nun plano ideal (no sentido weberiano), non é normal que os habitantes do interior o teñan máis fácil á hora de conseguiren representantes? Quero dicir, dado os desequilibrios territoriais por todos coñecidos, por qué non vai ter máis peso específico o voto dun habitante de Chandrexa da Queixa que o dun vigués? Non se deberían valorar tamén determinados aspectos cualitativos?

    Paréceme a min que a acusación tampouco se libraría da acusación de instrumentalización interesada. Cada un busca o modelo de enxeñería electoral que máis lle beneficie. Detrás de moitas destas propostas latexa sempre a idea de que para según quen, o “país profundo” vota sempre mal (o PP aquí, o PSOE en Andalucía, o PNV en Euskadi , CiU en Catalunya).

    • xabitubbi di:

      O votante de Montederramo tivo sempre máis poder có de Santiago. Iso non impediu o seu despoboamento, a súa pobreza, e a súa desaparición. A razón é evidente: que sexa o máis pobre non o fai máis listo.
      A min gustaríame saber dun motivo de peso que explicase por que os votantes de zonas desfavorecidas teñen que ter máis influencia. E a ser posible, con algún exemplo onde ese desequilibrio favoreceu a converxencia entre territorios.

      • torcinho di:

        E a min gustaríame saber por qué os accionistas de Inditex ou os directivos de Mediaset teñen moitísima máis influencia que todos os habitantes de Vallecas, Carabanchel e Villaverde Bajo xuntos. Porque así en principio, que sexan máis ricos non os fai máis listos.

        • xabitubbi di:

          É moi probable que os habitantes de Soria teñan máis influencia parlamentar cós accionistas de Inditex. Por iso Soria (e Segovia!) van moito para arriba. :)

          Pero vexo que lle esqueceu darme unha razón sólida para que debamos saltarnos a regra de un humano, un voto.
          E Calidonia agradecerame que non lle trolee por que efectivamente o subconxunto de propietarios de Inditex ten máis intelixencia có subconxunto de habitantes de Villaverde Bajo. :) Iso deixámolo pra outro día. :)

  3. xabitubbi di:

    Mmmmm. No fondo coincidimos, como non podía ser doutro xeito.
    Pero teño dúas discordancias formais: unha é a rapidez coa que despachas o sistema de pequenas circunscricións (non necesariamente 1 por comarca, que é un invento tamén fraguiano, senón por circunscricións homoxéneas poboacionalmente).
    A segunda é sacar todos os santos en procesión: Fraga, Corcoesto, etc. Porque se falamos de golpe de estado (que eu entendo que en boa medida o é), e metemos no mesmo saco políticas que respalda a maior parte da poboación estamos creando un paradoxo espazo-temporal que non beneficia. Non é unha oposición que sobe ao monte a que impedirá esta lei, senón unha oposición que dialogue e sexa capaz de chegar a compromisos.

  4. xabitubbi di:

    60 deputados non son, como di Calidonia, necesariamente antidemocráticos. O problema é o reparto deses 60 deputados. No parlamento actual chegaban con 5 deputados (1 por partido e a presidenta), e que levantasen un cartel dicindo “eu voto por 39”. Eu iso vino nun congreso de ADEGA hai algúns anos, e resultoume francamente divertido. :)

    • Galególogo di:

      Daquela, no caso de que Feijóo adapte para os 61 escanos a proporcionalidade Lugo/Ourense-Coruña/Pontevedra á mesma que existe actualmente cos 75, non habería problema ningún, non si?

      Funcionar con 5 non sería tan doado como expós, pois o deputado (aínda que se vexa pouco) fai moito máis que votar. Téñense que especializar en diversas comisións, presentar preguntas, presentar proposicións non de lei, mocións, emendas, etc…. e fai falla certa masa crítica para iso. Por iso o Estatuto pon un mínimo para que o Parlamento poida ser operativo.

      O que resulta chamativo é que se demonice por principio unha das diversas posibilidades que o Estatuto abarca para constituír o Parlamento. Veremos cando o PP presente por escrito a súa proposta de reforma se mantén ou non os mínimos de 10 deputados para Lugo e Ourense. Iso será o criticable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*