Nesta anotación emprego os datos do meu sistema de información sobre a ACB para comentar a eliminatoria de cuartos de final dos play off que vai enfrontar a Real Madrid e Blu:Sens-Monbus Obradoiro.

miudinhoOs dous equipos amosan unha carencia de xogadores na posición de 2. Despois da baixa de Pocyus o Madrid só conta con Carroll, se ben Llul se adpata con relativa facilidade ao rol de escolta cada vez que S. Rodríguez xoga de base, e Rudy pode render perfectamente ben nesa posición. Darden, outro 3 fichado como reposto para o lituano, comezou como home eminentemente defensivo, se ben nos últimos partidos comeza a amosar a eficiencia da súa faceta anotadora. O Obradoiro pola súa banda só ten na súa plantilla como 2 puro a Buford, un dos dous xogadores máis discretos do plantel esta tempada, e o rol de escolta tirador só parece poder ser reforzado desde a posición de 3 por homes como Corbacho ou Dewar, se ben é notoria a menor capacidade de manexo de balón, de penetración e de defensa nesta posición de 2 en comparación cos recambios de Madrid. Rafa Luz pode en todo caso asumir un certo rol de 2 penetrador, pero parece limitado en canto ás facetas triplista e defensiva. Nesta posición é onde, de lonxe, o Blu:Sens-Monbus presenta a priori as maiores debilidades.

O Real Madrid foi durante a liga regular o equipo máis anotador, con 87.8 puntos por partido, encaixando de media 75.4 e tendo por tanto unha diferenza a favor de 12.4 puntos. O ritmo de xogo dos brancos calca practicamente á perfección a media da liga ACB, de 70.2 posesións de balón por encontro, o que o leva a acadar un valor por posesión de balón de 1.246 puntos anotados, o máximo da competición. O Obradoiro amosa un equilibrio ofensivo-defensivo máis axustado, anotando 75.2 por encontro e encaixando 73.7, isto é, 1.5 puntos de media a favor. O seu ritmo de xogo é o quinto máis lento da liga, con 68.5 posesións por partido, de xeito que o valor medio da posesión é para el de 1.094 puntos, un 14% menor. O Madrid posúe por tanto unha eficiencia ofensiva moito maior que a do Obra, pero este é mellor que os brancos no balance defensivo. Parte das diferenzas na vertente ofensiva deveñen da maior capacidade dos brancos para roubar balóns e converter contraataques, o cal sitúa o control do balón e do tempo do partido en ataque e a rapidez e eficacia do repregamento defensivo e como algunhas das claves que lles podería garantir a vitoria fronte aos brancos.

Se profundamos na análise das vantaxes no marcador e ollamos o indicador +/-, os números dinnos que cando o Madrid aliña varios xogadores na posición de 3 (Rudy, Suárez, Darden) ou de 4 (Mirotic, Reyes) tira maior vantaxe sobre os seus rivais, entanto que cando o Obra aliña máis xogadores na posición de 3 (Corbacho, Pumprla, Dewar), rol no que presenta a maior rotación de xogadores para un só posto, obtén menores vantaxes. Nesta posición de tirador puro, e dado que Corbacho ten balance positivo ao peche da liga regular, é o balance negativo dos outros dous xogadores o que enfeblece as vantaxes acadadas polo Obra. Unha das cuestións que pode estar presente no caderno de estratexias de Moncho Fernández é o reparto de minutos entre estes xogadores e a oportunidade de poñelos en xogo en cada momento.

Distintas son as cousas se facemos a análise DAFO baseándonos no indicador PER, máis virado para o rendemento individual que o +/-. No aspecto ofensivo o Madrid acada un PER do 20.3, entanto o Obradoiro só atinxe un 12.2: a eficiencia individual ofensiva dos xogadores madridistas é por termo medio un 67% máis alta que a dos composteláns. Lembremos que un valor do PER de 20,2 equivale, na escala do seu inventor, a un xogador seleccionable, mentres un PER do 12.2 asóciase cun xogador apañaminutos. No aspecto defensivo as cousas están máis igualadas, obtendo os rivais do Madrid un PER de 12.6 e os do Obra un de 13.1, ou sexa, case un empate. A aritmética dicta por tanto que a diferenza entrambos, o PER neto dos brancos sexa de +7.7 e o dos picheleiros de -0.9. Conclusión: no plano individual os xogadores do Madrid foron moito mellores que os seus rivais, en tanto que os éxitos do Obra foron produto máis do xogo (e da defensa) como colectivo que das individualidades dos seus xogadores.

Se desagregamos os datos do PER para toda a tempada por posicións observamos de forma moito máis nítida as fortalezas e debilidades dos xogadores dos dous equipos. Para o Madrid hai dúas posicións fortes e unha posición (relativamente) feble. As fortes son a 4 e a 1, as de poste baixo e base, por esta orde, nas que rexistra tanto a súa maior eficiencia ofensiva como o maior saldo neto (ofensivo  menos defensivo) a respecto dos rivais. A feble é a de 5, pivote, onde a menor eficiencia ofensiva,  inferior á medida da liga, compénsase cunha aceptable eficiencia defensiva, producindo un PER neto case nulo. Se falamos do Obradoiro a posición máis forte en termos netos ou en comparación cos rivais é a 3, malia a que a máis eficiente ofensivamente é a 4 (Kendall, Hummel), mais neste rol de ala-pivote unha capacidade defensiva menor xera un saldo neto positivo máis baixo. Novamente sobresae a posición de 2 como o ponto máis feble dos obradoiristas, cun PER neto de -11.0 que indica ben ás claras por onde pode facer auga o equipo santiagués, se ben a posición de pivote presenta tamén un saldo neto negativo, derivado da moi baixa eficiencia defensiva das alternativas a Mejri (Junyent e sobre todo Stobart), o que tamén coloca como cuestión crucial de cara á eliminatoria a capacidade do grande xogador tunecino para regular esforzo e librar das faltas persoais. En resumo, e ao longo da liga 2012-2013, só na posición de 3 o Obradoiro se mostrou mellor que o Madrid en termos de eficiencia individual, e só na posición de 5 amosa unha desvantaxe compensable. No resto, sobre todo na posición de 4 pero tamén nas de 2 e 1, as clarísimas vantaxes do Madrid obrigan a que o rendemento neto individual dos xogadores obradoiristas na eliminatoria teña que ser moi superior ao que rexistraron durante toda a tempada.

Vexamos en detalle cada un dos apartados estatísticos:

  • Tiros de 2 puntos. O Madrid acada unha efectividade do 54,5%, o terceiro mellor equipo da liga tras Barcelona e Valencia. O Obradoiro ten unha efectividade do 51%, lixeiramente inferior á medida da liga, situada no 51,7%. No Madrid ningunha posición baixa da media en acerto (!), entanto no Obra a posición de 4 baixa até o 48,3% e a de 2 até un pobre 34,1%. O Madrid carga os intentos de tiros de 2 puntos na posición de 4, que lanza á canastra case o dobre que o resto de posicións con case a mesma efectivade en todas. O Obra posúe unha selección de tiro de 2 menos eficiente, pois é máis intensa nas dúas posicións onde a súa efectividade é menor: nas posicións de 4 e de 2. Tendo en conta a febleza dificilmente superable na posición de escolta parece claro que outra das claves do Obradoiro é que Kendall sexa quen de dobrar balóns dentro a Mejri ou fóra aos tiradores máis libres de marca que Corbacho, e tirar menos a canastra (ou ben mellorar a súa efectividade). Claramente a mellor baza en ataque dos galegos, cun 57,6% de acerto, é a posición de pivote (Mejri), a única en que o Obra é superior á do Madrid xunto coa de 3 (Pumprla e Dewar, pero non Corbacho, que está totalmente especializado nas triplas e que tería marcaxes máis doadas se fora quen de amagar máis veces con dribblings, tiros de 2 e penetracións).
  • Tiros de 3 puntos. O Madrid liderou a liga ACB en porcentaxe de triplas convertidas cun 39,8%, moi superior á media da competición, o 35,8%, que é exactamente a media que rexistra o Obradoiro. O Madrid supera o 40% nas posicións de 1 e 2 (S. Rodríguez, Llul), pero tamén na de 4 (Mirotic), mentres que na de 3 Carroll representa un perigo moito maior que Rudy. O Obra só se aproxima ás porcentaxes destes xogadores na posición de 3, que concentra claramente a maioría dos lanzamentos de todo o equipo, concentrando á súa vez nesa posición os tiros a figura de Corbacho (un intento cada 3 minutos en pista cun 39,6% de efectividade). No resto de posicións os composteláns só se defenden medianamente na posición de 4, amosando unha moi baixa efectividade desde o frontal da bombilla (posicións 1 e 2).
  • Reparto e efectividade dos tiros de campo. Os dous equipos distribúen case por igual os tiros de 2 e de 3 puntos, aínda que o Madrid tira algo máis de 3. Se atendemos ao indicador da porcentaxe verdadeira de tiro de campo, que combina e pondera a efectividade de 2 e de 3, o Madrid é o mellor equipo da liga, adiantando a Barcelona e Valencia, co 60,1%. O Obra sitúase un bocadiño por baixo da media da liga, co 55,6%.
  • Tiros libres. Non me cansarei de repetilo. Os árbitros non respetan ao Obradoiro e non lle asobían unha morea de faltas; sábeo ben o público de Fontes do Sar. O Madrid lanza unha media de 21.3 tiros libres por partido (Reyes, Mirotic, Rudy); o Obra só 14.3. O Madrid lanza un 50% máis á canastra desde a liña de persoal. Pobre consolo é que o Obra convirta o 78,5% dos tiros libres, por só o 77% do Madrid. De se manter estas medias os brancos comezan o partido con 6 puntos de vantaxe sobre os nosos. O Obra só comete dúas faltas máis que o Madrid (22.1 fronte a 20), o que indica que é o tipo de faltas (de tiro ou con tiro adicional) e/ou o momento do partido en que se asobían o que marca as diferenzas entrambos equipos.
  • Rebotes. O Madrid apaña máis rebotes que o Obra, tanto en defensa como en ataque, pero sobre todo neste último apartado, onde sobresae Reyes, o segundo da liga en rebotes ofensivos por minuto, alén do máis eficiente anotador por e sen dúbida o mellor sexto home da ACB. Só na posición de 5 (Mejri) o Obra supera ao Madrid neste apartado, aínda que o conxunto do equipo branco collen un 33% máis de rebotes ofensivos cada partido. Pechar o rebote e collerlle a posición no rebote aos homes medianos do Madrid pode ser outra das claves do enfrontamento. Máis igualada está a cousa no apartado defensivo, onde a vantaxe reboteadora do Madrid está sobre todo na posición de 3 (Rudy, Suárez), xa que na suma das posicións 4 e 5 é o Obra quen gaña.
  • Asistencias. A. Rodríguez é indiscutiblemente o líder da liga neste apartado, pero tamén o Obra (14.8) supera ao Madrid (13.4) en número absoluto de asistencias por encontro, amosando ben ás claras que é o xogo en equipo e a conexión entre xogadores o punto forte do Obra nesta eliminatoria. Excepto na de 3 o Obra dá máis asistencias en todas as demais posicións, rexistrando un 50% máis de asistencias nos homes da zona que os brancos.
  • Balóns perdidos e recuperados. As diferenzas son mínimas a favor do Madrid, o que contrasta coa maior eficiencia defensiva do Obra e nos pon na pista de que o mellor balance defensivo dos picheleiros devén doutros parámetros do xogo como a defensa zonal, a posición e a marcaxe.
  • Contraataques. O Madrid converte 2.4 contraataques por partido, por só .3 do Obradoiro.

Malia ás desavantaxes xerais do Obra nos apartados estatísticos individuais existe, ademais do xogo colectivo e de equipo, outro dato para a esperanza. Os gráficos seguintes amosan a evolución ao longo da tempada do rendemento individual ofensivo e defensivo de un e doutro equipo. Pódese apreciar a mellora do Blu:Sens-Monbus ao longo da liga, aumentando non só o seu rendemento ofensivo senón diminuíndo a súa variabilidade e amosándose como un equipo máis consistente en ataque. No Real Madrid pódese observar claramente como diminuíu o seu rendemento ofensivo coincidindo co avanzo da competición na Euroliga, de xeito que ao avanzar no TOP 16 e até a Final Four os seus números na liga tanto en ataque canto en defensa baixan de forma notoria, para trala final de Londres volver recuperar o seu nivel máximo nas últimas tres xornadas. No plano defensivo salienta a igualdade dos dous equipos, ambos con mellores balances defensivos que a media da liga. Ao longo da competición pódese comprobar como, en xeral, as defensas fóronse facendo menos efectivas, pero Madrid e Obradoiro mantiveron practicamente constante o seu nivel.

Evolucion_PER

 

Etiquetas:
 

2 Responses to O Real Madrid-Obradoiro polo miudiño

  1. Unha dúbida, para determinar os valores das posicións partes de asignar a cada xogador sempre unha mesma ou puideches ter en conta a de veces que Kendall é o 5, Dewar ou Corbacho o 2 etc etc?

    noraboa polo traballo.

    • Emprego unha posición fixa para cada xogador, a que se lle asigna na páxina oficial da ACB:

      1=base (B)
      2=escolta (E)
      3=aleiro (A)
      4=ala-pivote (F)
      5=pivote (P)

      Como ben indicas cada xogador pode alternar posicións e roles. Como as fichas estatísticas para cada xogo non detallan a posición ou posicións que adopta cada xogador ao longo do encontro nin os xogadores que un equipo ten en pista nun intre determinado, é necesario asignar a cada xogador a unha posición, aquela que lle é máis natural e na que, normalmente, xoga máis tempo.

      Hai problemas con esta asignación, xa que pode haber equipos que en determinado momento ou mesmo en todo un xogo non teñan ningún xogador nalgunha posición e por tanto máis dun xogador noutra. Tamén acontece que, ao non haber sempre marcaxes ao home como no baloncesto NBA, o cálculo do PER do rival pode non resultar exacto para un partido determinado.

      Quero pensar, e penso que así é, que no conxunto da competición os posibles bailes de xogadores e posicións se compensen uns con outros, outorgándolle validez xeral aos indicadores.

      Outra cuestión é que o indicador PER do rival reflicta algunhas veces máis un rendemento defensivo máis colectivo que individual, como parece acontecer cos baixos valores que por exemplo obtén a posición de 2 do FCB (Navarro e Abrines), derivado cando menos no primeiro caso máis do sistema e da eficiencia defensiva do equipo que das habilidades individuais.

      Tamén parece recomendable non comparar índices PER entre posicións distintas, pois se verifica que as posicións de 4 e 5 (PER>15 para o conxunto da liga), por exemplo, son máis eficaces que as de 2 e 3 (PER<15), coa de 1 en posicións intermedias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*