Loading

Cada vez que alguén representa nun mapa de Galicia unha variable municipal independente da superficie, sexa esta a poboación, os votos ou a porcentaxe de mozos, un porquiño celta morre esmagado por unha campá de Gauss nalgún lugar deste Far West.

Esta semana volvían circular pola rede dous mapas que reflectían a proporción de galegofalantes de cada concello galego segundo o Censo do ano 2001. Se nos fiamos da primeira impresión que producen ambos mapas en Galicia falaría galego naquela altura perto do 80% da poboación, pois só nuns poucos concellos, ademais polo xeral máis pequenos en extensión, as porcentaxes indicadas pola lenda caen mesmo por baixo do 20%.

É evidente que o distinto peso demográfico dos concellos contribúe a transmitir esa imaxe de hexemonía do galego (cuestión adicional é que a variable representada estea ben escollida, pois se interpretamos que quen non fala galego fala castelán estaremos obviando o feito de que ambas variables se superpoñen e que a maioría de Galicia é bilingüe, por non falar da presenza de terceiros idiomas minoritarios). Pois ben, para evitarmos esta percepción equívoca sería conveniente non empregar mapas para representar dita variable. Ou, se queremos empregalos, usar un cartograma no canto do mapa de coropletas ordinario.

O cartograma municipal de Galicia en función da poboación de cada concello, sería como segue:

ConcellosAoPeso

Trasladadas a este mapa distorsionado, onde cada concello ocupa aproximadamente o que a súa poboación, as porcentaxes de galegofalantes de 2001 amosarían unha fotografía ben diferente e máis próxima da realidade: dúas Galicias lingüísticas e porcentaxes lindeiras co 60%.

O Censo de 2011, onde se incluíron preguntas sobre o uso do galego, virá a demostrar, na miña opinión, que a realidade lingüística mudou substancialmente durante a primeira década do milenio e que as porcentaxes estarán máis ben próximas do 50/50.

Censo2011

O cartograma tamén permite advertir determinadas características poboacionais de Galicia: o predominio do Eixo Atlántico e da dimensión Norte-Sur (que por exemplo e non por casualidade é a máis explotada polo capital privado mediante concesións de autoestradas e liñas de transporte) sobre a Leste-Oeste, a distribución policéntrica (e case fractal) das nosas urbes de referencia, a disposición das zonas intersticiais (onde a proximidade das áreas metropolitanas induce un maior baleiramento poboacional), a sobrevivencia dunha fisterra demográfica e de centros perifericos (relativamente alonxados dos pólos de concentración da poboación), a posición central de Santiago de Compostela (e non Lalín) que pode chegar a favorecer un deseño centralista e radial do territorio galego, ou a presión demográfica que experimenta o Golfo Ártabro (as rías de Ferrol, Ares-Betanzos e A Coruña), superior mesmo á da Ría de Vigo, como é ben sabido a máis longa e a que máis profundiza terra adentro de Galicia.

Top