A navegación por estas augas virtuais lembroume que hai tempo fixera unha maquetación para libro electrónico de varias das obras publicadas na Biblioteca Virtual en galego. E hoxe quero compartir con todo o mundo o produto daquel empeño.

A illa misteriosaRevisitando por un acaso o magnífico portal da Asociación de Tradutores Galegos descubrín unha nova publicación de poesía inspirada en Fisterra e púxena en coñecemento da xente incombustibel de Que pasa na costa (quen seica xa andan a pensar en min para substituír a Gayoso no Luar). E este episodio servíu para recordarme que aquelas adaptacións durmían nalgún recanto do meu disco duro.

Quen me segue sabe que hai anos que veño defendendo que a forma máis efectiva, senón a única, de labrarlle un futuro á lingua propia, fronte á situación crítica na que se atopa, é liberala das dimensións partidaria, institucional e de  modelos de negocio caducos dentro das que uns, outros e case todos pretenden confinala.

Non hai futuro para a lingua e a cultura galegas se non son libres e transgresoras, como o foron noutro tempo. Se en vez de Reais Academias, de SGAEs nacionalizadas, de corporativismos varios, de lexislacións inoperantes e de Arcadias invisibles, non se pon en circulación de man en man, de dispositivo en dispositivo e de local en local sen restrición ningunha, sen máis.

Non se pode entender ningunha cultura actual, for de masas ou minoritaria, sen recoñecer o papel crucial dos circuitos non oficiais e non mercantís de publicación e difusión: sen o concurso das imprentas clandestinas, as casetes, os CDs, as cintas de Super-8, o VHS… Así que velaquí deixo a miña pequena reivindicacións en forma de publicación. Non é Rosalía, nin falta que fai. Non é un autor con dereitos de autor, aínda que podería selo. É unha tradución dun clásico inmorrente, publicado pola ATG para usos didácticos e non venais. É un libro ceibo. Un clásico. Para ler, vivir, soñar, gozar. En galego. Que vos preste.

A Illa Misteriosa, de Jules Verne (PDF, 3.2 MB) optimizado para Sony Reader PRS-500/505/600/650/T1/T2 e válido para outros dispositivos.

Nota 1: O meu recoñecemento á tradutora Ánxela Gracián polo seu traballo.

Nota 2: Quizá a ATG opte no futuro inmediato por divulgar as súas traducións no estándar ePUB propio dos libros electrónicos.

Nota 3: A conversión dun PDF a texto é practicamente trivial, polo que estas divulgacións da ATG case equivalen a liberar os libros para usos non comerciais e de copia privada

Nota 4: A escaseza de literatura galega e en galego de libre distribución en forma de libro electrónico vai parella á perda de lectores/as.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*