Despois de clasificar aos xogadores da ACB segundo unha estatística colectiva como a +/-, analizo a súa valoración máis individual a través do indicador PER de John Hollinger.

Redefinción das posicións no baloncesto NBAVelaquí unha aproximación rápida ao significado do indicador PER:

  • Axusta polos minutos xogados e polo ritmo de xogo do equipo.
  • O xogador atribúese o valor de todos os puntos que vale unha tripla.
  • Para as canastras de dous puntos, naquelas que resultan dunha asistencia, os puntos repártense entre anotador e asistente. Neste tipo de canastras hai tres partes: dar o pase, recibir o pase e anotar a canastra. Dous terzos dos dous puntos van para o anotador, e o terzo restante para o asistente.
  • Para os tiros libres anotados, estímase un reparto semellante, e na parte en que se deban a unha case-asistencia dos compañeiros os puntos anotados corresponderanlles a eles e non ao xogador.
  • Unha perda de balón resta o valor medio da posesión de balón do teu equipo, que pode ser superior ou inferior á unidade dependendo do seu rendemento na liga.
  • Cada tiro de campo fallado tamén equivale a unha fracción dunha perda de balón, na proporción en que este non se recupere mediante un rebote ofensivo.
  • Cada tiro libre fallado, o último dunha serie cando son varios, sempre que non se recupere cun rebote ofensivo tamén equivale a unha fracción dunha perda de balón valorada do mesmo xeito.
  • Un rebote defensivo, derivado dun tiro de campo fallado por un rival, equivale á diferenza entre o valor desa perda indirecta do rival e o valor dunha posesión de balón.
  • Complementariamente, un rebote ofensivo compensa o valor restado polo fallo do tiro propio ou dun compañeiro.
  • Un roubo equivale ao valor dunha perda con signo contrario.
  • Un tapón vale o que un tiro de campo fallado.
  • E por último, cada falta persoal cometida resta un promedio calculado en función da efectividade media da liga no apartado de tiros libres.

O índice depende de varios factores que aínda que son variables adoitan tomar valores en intervalos estreitos para cada liga e ano. Naturalmente, no baloncesto FIBA os valores de algúns destes parámetros son diferentes, polo que tiven que recalculalos de forma apropiada para adaptar o indicador á liga ACB.

Tras analizar todos os xogadores, equipos e ligas da historia da NBA, John Hollinger decidiu que o valor medio do PER para todos os xogadores fose 15, e sobre a escala de valores PER resultantes, propuxo a seguinte clasificación:

  • 35,0: A Year For the Ages | Inmemorial
  • 30,0: Runaway MVP Candidate | Candidato favorito a xogador máis valioso
  • 27,5: Strong MVP Candidate | Candidato claro a xogador máis valioso
  • 25,0: Weak MVP Candidate | Candidato frouxo a xogador máis valioso
  • 22,5: Bona fide All-Star | Seleccionable
  • 20,0: Borderline All-Star | Case seleccionable
  • 18,0: Second solid option | Segunda opción consistente
  • 16,5: 3rd Banana | Terceiro en discordia
  • 15,0: Pretty good player | Xogador bastante bo
  • 13,0: In the rotation | Na rotación
  • 11,0: Scrounging for minutes | Apañaminutos
  • 9,0: Definitely renting | Traspasable
  • 5,0: The Next Stop: DLeague | Carne de LEB

Pode parecer que os valores son os mesmos que os do indicador de valoración da ACB, pero son indicadores distintos. Pois ben, co índice adaptado ao baloncesto FIBA, con toda a información procesada e con esta clasificación xa podemos avaliar aos xogadores da liga ACB nesta altura da tempada.

Pero antes de proseguir, recuperemos a idea que comentaba na anotación anterior: ademais de medir a eficiencia ofensiva dun xogador a través do PER, podemos medir a súa eficiencia defensiva atendendo ao PER do xogador rival que marca? Xa comentei que a resposta no baloncesto europeo é que o valor resultante do PER defensivo é relativo, dado que non sempre existen marcaxes home a home.

De todas formas, para completar a avaliación dos xogadores, tentei realizar ese cálculo, para o cal recurrín a unha aproximación: asignar a cada xogador dun equipo un rival en función da súa posición no campo (1 a 5) e do seu carácter de titular ou non no cinco inicial. Obviando os feitos das defensas zonais mixtas, de que un xogador pode ás veces ser titular ou suplente, e de que hai xogadores que alternan posicións no campo, acho que os resultados pagan a pena, e que son perfectamente representativos para aqueles xogadores titulares con máis minutos en pista.

Podes consultar esta estatística no meu Observatorio baloncestístico.

 

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*