Kobe Bryant pasa a tirar a metade de veces e repartir catro veces máis asistencias ca antes e os Lakers gañan así o 80% dos seus encontros. Onde está o equilibrio entre individualidade e xogo colectivo? A estatística +/- axúdanos a ter unha visión complementaria da valía dun xogador.

NBA_Shooting_2012Un xogador pode ser líder en anotación pero facelo a custa de fallar moitos tiros e non ser eficiente. Un xogador pode restar oportunidades de xogo aos compañeiros de equipo que o poden anotar máis e/ou mellor. Un xogador pode ser moi bo anotando pero pésimo contribuíndo ás vitorias do seu equipo.

Ademais de coa anotación un xogador pode contribuír para o suceso do seu equipo a través de moitos outros episodios do xogo, como os rebotes, as asistencias, os roubos de balón, os tapóns, as faltas recibidas… Todas son importantes, e anque os puntos son os que soben ao marcador e deciden o partido, hai estudos sobre a cuestión que cifran a importancia nunha vitoria dos tiros de campo en só o 40%, correspondendo o resto ás recuperacións de balón, aos rebotes e aos tiros libres.

Existen múltiples formas de valorar as accións dun xogador de baloncesto. O indicador que se usa na ACB é a valoración (VAL), a mesma que se usa nas competicións FIBA de baloncesto (Euroliga e Eurocopa) baixo os nomes intercambiables de ranking (RKG) ou personal index rating (PIR), que agrega os aspectos positivos (puntos, rebotes, asistencias, roubos, tapóns, faltas recibidas) e lles resta os negativos (tiros fallados, perdas, tapóns recibidos e faltas cometidas). Sobre este indicador constrúense as cotizacións dos xogadores nos múltiples simuladores de xestión ou concursos que toman como referencia a liga ACB, por exemplo o SuperManager ou o PlayACB.

Outra variante deste tipo de índices é o usado na NBA, chamado quizá incorrectamente efficiency (EFF), que se diferenza do seu equivalente europeo en que non computan as faltas personais cometidas e recibidas polo xogador nin tampouco os tapóns recibidos. En xeral demóstrase que o indicador VAL ten máis poder discriminante que o EFF, pois aínda que para o conxunto da liga EFF>VAL para os mellores xogadores case sempre VAL>EFF. Coa mesma filosofía se moven outros indicadores como os puntos creados polo xogador de Bob Bellotti ou o game score de John Hollinger, no que a suma e resta de accións positivas e negativas se pondera con diferentes criterios analíticos, producindo polo xeral indicadores máis esixentes que os dous máis usados.

A John Hollinger (un de tantos expertos saídos da APBR, antes analista para ESPN e actualmente na nomina dos Memphis Grizzlies) débese o que quizá é o indicador máis famoso e extendido no mundo de baloncesto: o player efficiency rating (PER), un índice complexo e bastante completo (aínda que coma todos, imperfecto) que a diferenza dos anteriores incorpora a variable do tempo xogado. Así, segundo o PER, un xogador con menos minutos pode ser mellor que un con máis minutos, porque aproveita mellor o tempo na pista: é máis eficiente por minuto xogado, independentemente do uso que o adestrador faga del. Son moitos os estudos que amosan como o PER dun xogador é moito máis estable xornada a xornada e tempada e tempada que calquera outro, até o punto de que o 80% do PER medio dun xogador nunha tempada explícase polo seu PER medio do ano anterior.

Aínda é posible atopar indicadores alternativos, como o approximate value (AV) de Martin Manley, unha simple operación matemática baseada no EFF, ou o trade value (TV) ou valor de traspaso, empregado de forma bastante xeral para estimar o importe destes contratos.

Todos os indicadores que sinalei posúen un defecto en común: conceden máis importancia aos aspectos ofensivos do xogo que aos defensivos. Non hai moitos indicadores que amosen o valor defensivo dun xogador. Porén, na NBA, ao imperar as defensas individuais e as marcaxes estreitas entre os xogadores dun e doutro equipo, a eficiencia defensiva dun xogador soe medirse a través da eficiencia ofensiva do rival que se defende. A validez deste sistema de medidición do poder defensivo dun xogador no baloncesto europeo, onde se permiten defensas en zona e mixtas, é, por forza, relativa, mais obtiven resultados máis que aceptables para a ACB empregando un criterio lóxico de asignación baseado na posición no campo e na titularidade.

Cada ano xorden grazas ás novas tecnoloxías e aos estudos estatísticos novos xeitos de rexistrar e medir a totalidade das accións dun partido de baloncesto, incluíndo o rexistro da posición dos xogadores no campo en cada momento. Pero mentres se desenvolven todos estes novos sistemas e se dispoñibilizan publicamente os datos, un método cunha concepción moi simple parece ter dado resultados moi potentes.

Falo da estatística +/-, un xeito de medir como varía o marcador dun equipo a respecto do rival mentres un xogador está en pista. Con este método a achega dun xogador non se mide a través das accións individuais que se poidan rexistrar, senón da vantaxe ou desvantaxe que rexistra o seu equipo no marcador durante a súa presenza no xogo. En dúas palabras, mira o resultado colectivo naquilo que importa ao final: os puntos.

Este indicador +/- é extensible a duplas, ternas e en xeral calquera n-pla de xogadores dun equipo, mesmo quintetos enteiros, para analizar non só o contributo individual senón os intanxibles non medibles que xeneran determinadas combinacións ou asociacións de xogadores. Naturalmente para dispór desta estatística cómpre trocear cada partido en tantas partes como combinacións diferentes de xogadores haxa en pista. PopCornMachine ofrece desde hai anos os datos do fluxo de xogo por stints para a NBA, entanto a a ACB só este ano comezou a publicar a información dos cincos en pista nun repositorio temporal e escasamente orientado á reutilización da información alí contida.

Unha das críticas que se lle fan a este novo sistema de medición é que a presenza nun equipo de xogadores moi bos, que achegan valoracións altas, que son eficientes e que producen para o seu equipo vantaxes adicionais, induce unha sobrevaloración nos seus compañeiros, que se verían beneficiados polo despegue do seu equipo no marcador aínda que asistan como simples espectadores ao que fai a estrela. Precisamente para evitar esta contaminación nas valoracións, o índice +/- para un xogador pódese calcular tamén cando ese está no banco en vez de na pista, para medir canto de ben ou mal se desenvolve o resto do equipo sen a súa presenza. 82games fai isto para a NBA usando a chamada clasificación Roland.

A diferenza entre os valores +/- dun xogador dentro e fóra da pista produce a estatística +/- neta, que é a que calculei para a actual liga ACB. Podes consultar a estatística actualizadas no meu Observatorio baloncestístico.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*