Se Nate Silver pode falar de béisbol eu podo falar de baloncesto. A tempada histórica que está a realizar o Blu:Sens Monbus Obradoiro na liga ACB de baloncesto vese reflectida nas estatísticas.

ObradoiroFalta unha xornada para o remate da primeira volta da liga ACB 2012-2013. 17 partidos que o Obradoiro culminará este domingo na pista do Joventut de Badalona afrontando o maior reto da súa historia: clasificarse entre os oito primeiros e conseguir o pase para disputar a Copa de El-Rei que se celebrará en Vitoria-Gasteiz de hoxe nun mes.

Son moitas as causas dos éxitos deportivos do Obradoiro, e hai que buscalas dentro e fora da pavillón do Sar, pero dentro da pista hai uns cantos números que explican o mellor momento do clube:

  1. Control: O ritmo de xogo do Obradoiro é dos máis lentos da ACB, concretamente o 4º máis lento, con 70,4 posesións de media por partido, sensiblemente inferior á media da liga que se sitúa nas 72,2 posesións por partido. Se temos en conta que o ritmo de xogo propio condiciona o do rival entenderemos por que as anotacións dos partidos do Obradoiro tenden a ser aproximadamente 2 puntos máis baixos que os demais. O partido do domingo ilustra perfectamente o confronto de dous estilos de xogo ben diferentes, pois o Joventut é o equipo co 2º maior ritmo de xogo da ACB este ano, con 74,5 posesións por partido, só por detrás do Fuenlabrada. Quen logre impór o seu ritmo terá maiores posibilidades de gañar o encontro, como explica nesta entrevista Moncho Fernández, o adestrador do equipo compostelano.
  2. De-fen-sa: O Obradoiro ten a 5ª mellor defensa da liga, recibindo unha media de só 1,02 puntos por cada posesión do equipo rival, cando a media da ACB é de 1,06 puntos. Esas catro centésimas significan pouco nunha posesión pero bastante máis nun partido con máis de 70 posesións. Os rivais do clube galego non só contan con menos posesións senón que anotan menos puntos en cada unha. Esta eficiencia defensiva do Obradoiro permítelle gañar partidos malia a que só está na media da  liga nos indicadores de eficiencia ofensiva e no da media de puntos anotados por cada tiro intentado.
  3. Movemento: O papel dos bases é fundamental no traslado á pista da estratexia do Obradoiro, e para iso o adestrador conta coa brillante tempada de Andrés Rodríguez e os bos números de Rafa (Freire) Luz. O Obradoiro é o 2º equipo que máis asistencias dá, só por detrás do Bilbao, e o 4º na razón de asistencias por balón perdido. Pero non só o movemento de balón é decisivo no dinamismo do xogo do equipo compostelano. Tamén a rotación dos 12 homes da plantilla é un factor determinante: o Obra é o 4º equipo que máis homes utiliza, isto é, quen máis minutos lles dá en media aos reservas fronte aos titulares, contribuíndo para un maior estado de frescura nos xogadores. Os tres equipos que o superan en rotación están a xogar a Euroliga. Definitivamente a rapidez de xogo do Obradoiro é das que agradecen ver os seareiros, quer na pista quer na televisión.
  4. Tiro en xogo: O Obradoiro depende máis dos tiros de dous  que a maioría dos equipos da liga, isto é, a súa dependencia dos tiros libres e dos tiros de tres puntos é menor que a media. A nota distintiva do equipo en canto a anotación devén máis desta diferente distribución dos tipos de tiro, que da súa efectividade. En tiros de campo (de dous e tres puntos) o Obradoiro converte o 46% dos seus tiros, coincidente coa media da ACB, que está no 45,9%. Nas triplas a porcentaxe de acerto do equipo supera levemento a media da liga pero nos tiros de dous sitúase levemente por baixo, converténdoo nun equipo medio neste sentido.
  5. Sen respecto: O Obra é o 5º equipo que menos faltas recibe, ou que lle sinalan, o que pon máis en valor os seus logros. Quizá o tipo de xogo en ataque do Obradoiro, máis dinámico e menos baseado na busca do contacto, axude a que isto sexa así, pero pode que lle veña ben ao equipo galego comezar a converter as súa vitorias na pista en algo máis de recoñecemento ou de respecto entre o estamento arbitral e en xeral no resto da liga ACB. Queda no aire a dúbida de se unha estratexia puntual de provocar o contacto e a falta, nun partido concreto ou contra un defensor específico, produciría ou non bo resultado.
  6. Os xogadores: Se empregamos o índice PER de John Hollinger (que adaptei ás características da liga ACB) atoparémonos con que varios xogadores do Obra asoman nos postos altos da clasificación de eficiencia. Tal é o caso de Alberto Corbacho, no posto 12º con 26,1 puntos, reflectindo o fito de ser o maior anotador español no que vai de liga, ou o de Levon Kendall, 28º con 22,4 puntos, e mesmo o de Salah Mejri, 46º, con 20,4. Para terdes unha idea abonda con dicir que o MVP da ACB estaría agora mesmo entre Ante Tomic e Sergio Llul, con 32,9 e 31,0 puntos respectivamente. Non está nada mal para un equipo modesto nunha liga de 235 xogadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*