Loading

Este é o resultado dun pequeno experimento que realicei nas redes sociais. Invitei a quen quixera participar a que situara nun mapa de partidos políticos de Galicia as novas forzas AGE e CxG, xusto antes de coñecermos o postelectoral do CIS.

Trala colaboración de pouco máis de 20 persoas, este é o resultado:

O gráfico e os datos poden parecer bastante intuitivos e evidentes. Mais vexo algunhas cousas interesantes que sinalar:

AGE

AGE sitúase, grosso modo, na liña que separa ao BNG de IU, como corresponde á natureza da coalición electoral entre Anova, unha escisión do BNG, e a propia IU.

  • AGE é situada algo máis á esquerda que BNG e IU. Esa posición da AGE, de ser a que escollería para ela o conxunto do electorado galego, situaríaa como a forza máis á esquerda do espectro político español, competindo estreitamente con Bildu (e a falta de coñecermos onde se sitúan outras forzas de novo cuño como a CUP catalana). Nesta dimensión ideolóxica a AGE non se diferenza apenas do BNG ou de IU. En España e até o presente ningunha forza política situada nesas coordenadas de extrema esquerda conseguiu nunca liderar goberno ningún, quer estatal ou autonómico. É AGE unha forza de goberno ou só de oposición?
  • AGE é situada máis preto do BNG que de IU, malia a se tratar dunha coalición ao 50% entre Anova e IU. Lonxe de resultar do experimento unha localización para a AGE máis ou menos equidistante, semellante á que en 1993 ocupou o último precedente electoral de coalición entre forzas nacionalistas e non nacionalistas, a EU-UG de 1993 coliderada por Anxo Guerreiro e Camilo Nogueira, os participantes aprecian unha maior carga identitaria na nova AGE, ao punto de situala por riba do 5,5 da escala nacionalista (que marca o punto medio da mesma).
  • A maior indeterminación á hora de colocar á AGE no mapa dase no eixo nacionalista e non tanto no eixo ideolóxico, a teor do maior desvío padrón das coordenadas facilitadas polos participantes na gradación nacionalista. A dispersión en sentido vertical é o dobre da horizontal, consecuencia directa do seu carácter mixto, onde reside, ao mesmo tempo, a súa xanela de oportunidade e a súa principal ameaza.

As persoas que participaron nesta pequena consulta poden non ser plenamente representativas do electorado galego pero están localizando ben, de forma xeral e na miña opinión, a posición nacionalista que a sociedade lle adxudica á AGE, que era o que se lles pedía. Mais unha cousa é onde a sociedade (ou eles) perciben que está esa forza política e outra moi diferente onde están as persoas que votan a esa forza política. Todos os políticos galegos, en canto membros de forzas políticas interesadas en erguerse como representantes perfectas do seu electorado e de parte do dos demais, tenden a confundir ambas cousas. Invisibilizan así que na realidade existe un nicho electoral importante no espazo da esquerda galeguista ou nacionalista moderada (alí onde noutrora era situada EU-UG), e ignoran consciente ou inconscientemente todo o monto de votos que AGE recibiu tanto de IU (con representación segundo o CIS antes do rexistro da coalición) como, e sobre todo, do antigo electorado situado ao NO do PSOE, fortemente castigado nestas pasadas eleccións.

Moitas desas persoas sinalan o maior peso do nacionalismo na sociedade (cando se sabe que é minoritario e que está en retroceso) e da figura de Beiras (aspecto este innegable pero cuxo personaxe eclipsa á persoa e resta protagonismo ás ideas) no resultado electoral do pasado 21O (evidentemente unhas eleccións de ámbito autonómico onde unha forza federal como IU sempre vai estar en desvantaxe fronte a unha propia como Anova). E todo isto pode moi ben ser así (ou mesmo tamén estár influenciado polo carácter nacionalista militante dos participantes), pero non implica que non exista unha disociación entre a posición percibida por todos e a dos electores distintos dos que participaron nesta enquisa. Nese sentido os participantes poden representar ben a opinión propia e a do conxunto da sociedade (cangada sen dúbida polo peso das valoracións prexuízosas dos adversarios políticos máis estremos), pero non representar ben a dunha boa parte do seu electorado.

Voume atrever a soster esta hipótese: que a AGE herdou o mesmo problema que lastrou ao BNG durante 15 anos, que a bases social de militantes, afiliados e simpatizantes de Anova, que forma parte da AGE, arrastra agora esa descoordinación entre a posición que teñen e a do seu electorado. Esta cuestión está intimamente relacionada co inmobilismo que supón atarse a unha visión irreal (por nacionalista de máis) da sociedade galega. Esta distancia, que sempre cangou ao nacionalismo galego reforzando a utopía a custa das posibilidades reais de incidir e transformar a realidade, chega ao punto de levalos a seren refractarios a aquelas posicións ideolóxicas e identitarias  (autonomistas e federais en canto ao inserimento de Galicia no Estado) que definiron durante décadas o centro de gravidade do electorado galego, e dentro del o da esquerda (con efectos colaterais importantes, como un rexeitamento de PSOE superior en moitas ocasións ao que producía e produce o PP).

Noutras palabras, afirmo que as persoas que votaron á AGE son máis moderadas do que esta organización, tanto no eixo ideolóxico como, e sobre todo, no identitario, dimensión esta, a do nacionalismo, na que a descoordinación entre a militancia de Anova e a sociedade galega é especialmente intensa. Como resultado da escisión do BNG é máis que probable que o Bloque conservara o electorado máis nacionalista e perdera o que menos, coordinando así, por causa do retroceso electoral, a súa posición coa dos seus votantes, entanto a AGE tería quedado con aquel electorado que se situou tradicionalmente entre o BNG e o PSOE (e a abstención centrípeta da esquerda) nunha posición nacionalista moderada ou simplemente galeguista, así como con boa parte do antigo electorado do PSOE máis á esquerda que el e máis á dereita que o BNG ou IU. Cando se publique o estudo postelectoral do CIS sairemos de dúbidas, e, se estou no certo, cabería agardar unha reflexión fonda e crítica arredor destas cuestións por parte de toda a base social da AGE.

CxG

Segundo as opinións recollidas CxG colócase, aproximadamente, na liña que separa ao BNG da Coalición Galega de 1997 e, a máis distancia, do PP, en dirección ao elector galego medio daquela época, aínda que erraría a súa dirección se quixera aproximarse do elector tipo actual, traxecto que o debería achegar máis do PSOE que do PP.

  • CxG situaríase máis abaixo na escala nacionalista identitaria, en correspondencia coa súa etiqueta galeguista. CxG sería, neste sentido da gradación nacionalista, máis moderada do que a AGE.
  • O seu distanciamento do BNG sería igual de intenso nas dúas dimensións, ideolóxica e nacionalista.
  • Posúiría unha menor indefinición que a AGE no eixo identitario ou vertical. No eixo horizontal a súa localización ideolóxica viría a coincidir exactamente coa que ocupou o PSOE desde 1993 até hoxe, a cal, pola súa proximidade ao centro ou centrodereita, é unha das causas da súa crise estrutural.

Dado o reducido (e disperso) apoio electoral que recibiu CxG non é posible deducir de onde proveñen os votos de CxG a partir dos seus resultados, polo que non podo facer aquí ningún comentario ou análise sobre se a localización que resulta das respostas dos participantes se adecúa ou non á realidade. Agardemos á enquisa poselectoral, aínda que cabe a posibilidade de que non tivera sido incluída no cuestionario, dado o seu carácter minoritario (8ª forza política, arredor do 1% do voto emitido).

As persoas participantes

Analizando a correlación existente entre as coordenadas manifestadas polos participantes na mostra para estas dúas novas forzas políticas galegas, chégase a conclusións ben interesantes:

Na relación entre AGE e CxG:

  • Quen sitúa a AGE máis á esquerda sitúa á súa vez máis á esquerda a CxG, pero canto máis á esquerda sitúa a ambas forzas maior se vai facendo a distancia sinalada entre elas. É dicir, a separación, diferenciación ou rexeitamento entrambas márcase máis canto maior protagonismo ten o extremismo de esquerdas entre os entrevistados.
  • Quen sitúa á AGE como máis nacionalista sitúa a CxG como menos nacionalista, e viceversa. Porén, esta correlación non resulta tan significativa, e máis ben debemos concluír que é probable que o grao de nacionalismo de ambos sexa o mesmo para unha mostra máis ampla, na que os individuos que as desigualan teñan un peso menor.

Ao mesmo tempo, se analizamos a relación entre as dimensións ideolóxica e identitaria para cada forza:

  • Na AGE, canto máis se sinala o seu carácter esquerdista máis se sinala o seu carácter nacionalista.
  • En CxG acontece o mesmo, ou o que é o mesmo, canto máis se sinala o seu carácter centrado ou cara á dereita menos se sinala o seu carácter nacionalista.

Se considerades interesante o exercicio, podedes contribuir ao experimento dando as vosas opinións en Twitter e Facebook, o que permitirá afinar as posicións das dúas forzas cunha mostra máis larga.

P.D.: Si @raxozorza, só con 21 observacións  ;-)  (22 no caso da AGE e 20 na de CxG)

Top