Moito cambiou en Cataluña desde que seguín as eleccións ao Parlament por vez primeira en 2006, ano en que os cataláns aprobaron aquel novo Estatut que 4 anos despois o Tribunal Constitucional daría en castrar. Nesta anotación recollo algúns dos retallos que me axudaron estes días a interpretar o que está a acontecer na sociedade catalana.

De todos os artigos e gráficos que teño consultado penso que este resume mellor que ningún outro a corrente de fondo que está a percorrer a sociedade catalana. O gráfico pertence ao magnífico blogue El pati descobert, e está baseado na serie histórica de enquisas electorais catalanas. Naturalmente é anterior ás eleccións de onte, pero explica moi ben como a pesar do mantemento do resultado electoral obtido polos bloques soberanistas e non soberanista, os electorados que están por detrás de cada forza posúen agora posicións máis polarizadas.

Dun lado, a posición central no eixo identitario e no que di a respecto do inserimento político de Cataluña no Reino de España, aquela que representa o Estado das Autonomías actual, vaise quedando deserta. Fortalécense as posicións a favor do dereito de autodeterminación, maiormente soberanista e en menor medida federal. O electorado de todas as forzas catalanas, mesmo levemente Ciutadans (unha UPyD o suficientemente catalanizada na marca para poder competir con éxito en Cataluña), desprázanse nese sentido do dereito a decicir. É o movemento que acompaña á triplicación do sentimento independentista que se produciu no lapso de 7 anos que vai desde 2005 até hoxe. Se tralas eleccións cuantitativamente pouco parece ter mudado, cualitativamente os cambios son de moito calado. Dous de cada tres novos votos foron parar a opcións favorables ao referendo, e un 40% desa maior participación apoiou forzas independentistas. A prensa catalana e internacional fai esta mesma lectura mentres a madrileña e a galega prefiren cargar as tintas contra Mas.

Doutro lado, o electorado que lle vai restando ao PSC vai adquirindo un perfil menos federalista e cada vez máis autonomista, ou de mantemento da situación precedente, o que explica a división (e a posible escisión) que está a experimentar. O gráfico tamén ilustra bastante ben o desprazamento cara á esquerda do electorado catalán, que coa elevada participación foi de maior intensidade que a indicada en termo medio polas enquisas preelectorais.

Non deixen de visitar no mesmo blogue esta anotación co índice de todas as análises que realizaron valéndose desa completa base de datos demoscópicos. Alí describen o comportamento en intención de voto e a respecto dun referendo pola independencia de todos os segmentos do electorado catalán. De entre elas destaco as dos parados, os empresarios, os nados fora de Cataluña, os inmigrantes estranxeiros,  e os novos electores. Números que serven para deitar algúns tópicos e moitas informacións contaminadas dos medios da dereita nacionalista española.

Outra referencia inexcusable para seguir o que pasou foi o blog Piedras de Papel, aloxado no novo dixital El Diario, parceiro do noso Praza Pública. Ao longo de toda a xornada de onte (e seguen hoxe) os seus autores foron publicando en Twiiter toda unha serie de gráficos e comentarios que poñen de relevo fenómenos clave para entender o que pasou.

O primeiro e máis importante foi o crecemento da participación, que sen dúbida engadiu máis lexitimidade ao resultado electoral, marcando un máximo na historia das eleccións ao Parlament e anulando todo o diferencial de participación que existiu sempre a respecto das eleccións ao Congreso de los Diputados precdentes. Os dous avances de participación coñecidos durante a xornada de onte xa advertían de que a maior afluencia ás urnas se producía de forma xeral en todas as comarcas catalanas, sen importar se tradicionalmente eran feudos dos nacionalistas ou das forzas estatais. Ese dato viña a indicar que a maior participación  non tiña trazas de favorecer electoralmente a ningún dos dous bloques de partidos, como así aconteceu finalmente.

Malia a iso, parecía haber indicios dun certo comportamento diferencial dentro da área metropolitana de Barcelona (lémbrese que concentra a inmensa maioría do electorado catalán), no cinto vermello, con especial incidencia no Baix LLobregat e no Vallés, onde historicamente se concentrou o voto dual e a abstención diferencial (PSOE nas xerais e PSC ou abstención nas autonómicas), así como nos distritos do Norte de Barcelona onde o PSC colleitara os mellores resultados da cidade en 2010. Nesas zonas, onde presumiblemente se debían concentrar agora os votantes indecisos do PSC, a xente parecía estar acudindo a votar masivamente nestas eleccións. Constatada a crise estutural do PSC e a elevada dimensión do retroceso electoral adiantado polas enquisas (o cuarto consecutivo, e outro paso atrás desde o seu mínimo histórico en 2010) esa mobilización podería suavizar a caída a respecto do previsto e/ou transferencias de voto a forzas anteriormente próxima ao PSC, como ICV e ERC (pola esquerda) e Ciutadans (polo centralismo).

O devalo das forzas maioritarias en Cataluña, CiU e PSC, desvelou o triunfo da opción independentista xenuína, o cal, sumado ao rexeitamento ás retalladas praticadas con dureza por CiU desde hai dous anos e á historicamente comprobada permeabilidade entre ERC e CiU (como aconteceu coas masivas perdas de apoio de ERC durante o tripartito) explica a ascenso de Esquerra como segunda forza parlamentaria. Pero as perdas de CiU tamén teñen que ver co voto moderado e non independentista que como forza maioritaria tería gañado en 2010 en zonas onde tradicionalmente tiña menos respaldo.

Moitas outras cousas quedan aínda por analizar, mais pode que estas sexan quizá as cuestións principais. Eu poñería un ollo nas diferenzas estruturais de voto no plano territorial, que intúo alargadas a respecto de eleccións anteriores, froito tanto da polarización soberanista como do ensanchamento das diferenzas de renda: a desigualdade no apoio ao nacionalismo entre o ámbito urbano e o rural, a guetificación do voto á dereita -CiU e PP-en certos distritos e barrios da cidade de Barcelona, e o contraste entre o apoio ao PSC -só na periferia industrial-, a ICV e ERC -nos barrios intermedios da nova clase media- e o voto a Ciutadans -que tamén se dá nos barrios ricos da cidade. Como acontece en Galicia coa novísima dereita de Feijóo, a crise está traducindo territorialmente as diferenzas económicas dentro dos espazos urbanos.

Para un ámbito máis técnico deixo a discusión sobre o fracaso das enquisas nestas eleccións. Trátase na miña opinión dun xuízo que distrae á cidadanía do que debería ser o problema principal. No momento actual, de elevadísima volatilidade electoral en todas as eleccións que se celebran no Reino de España , acrecentada polo carácter plebiscitario destas concretas eleccións catalanas, que a cidadanía non poida coñecer até o último instante cales son as súas propias preferencias electorais, revela que preferimos darlle leña (merecida ou non) ao espantallo da demoscopia en vez de presionar aos partidos políticos no sentido de mudar a caduca lexislación que regula as enquisas electorais en aras do dereito á información e da transparencia.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*