Loading

Xoguemos. Eu doulles dous gráficos cos resultados do BNG e do PSOE e Vostedes sinalan as diferenzas.

Cando distingo entre castigo e desfeita non me refiro só á caída cuantitativa, absoluta ou relativa do PSOE e do BNG nestas eleccións autonómicas, senón á forma e estrutura de dita caída. É isto no que me baseei para escribir o título do artigo e no que me fundamento para facer as reflexións seguintes.

O BNG presenta unha tendencia inequívoca á perda da súa base electoral en todas partes, quer nos concellos dinámicos quer nos regresivos e estacionarios. Esta caída é proporcional ao seu apoio electoral de inicio (en 2009), e é unha proporción fixa daquel. Verifícase ademais que esa caída ten dous tramos. Nun primeiro, naqueles concellos onde obtivera en 2009 un apoio inferior ao 20% do censo (aproximadamente 30% sobre voto), na inmensa maioría do País, as súas perdas, calculadas como porcentaxe do censo electoral de electores residentes (CER), ascenden máis ou menos á metade, ao 50% do apoio de partida. Nun segundo tramo, naqueles concellos, moitos menos, nos que tiña superado ese nivel do 20% do censo, a caída é completa, perdendo practicamente todos e cada un dos seus antigos  electores (probablemente os que a convertían en primeira forza ou en forza de goberno neses concellos).

O PSOE, a diferenza do BNG, presenta unha caída basicamente fixa, non proporcional, salvando o reducido grupo de concellos onde menos apoios ten e son máis fieis, e onde obviamente menos pode perder. Esta caída cífrase en arredor do 6% do CER.

O comportamento das tres forzas da esquerda no novo Parlamento describe un fenómeno fundamental e clave para a futura evolución electoral de Galicia. PSOE e BNG cederon un volume de votos semellante á AGE, e loxicamente eses votos significan relativamente máis na forza máis pequena das dúas, como era o BNG antes das eleccións. Pero ademais, e isto é importante ao meu modo de ver, mentres no BNG a perda do seu electorado é máis intensa alí onde tiña máis votos, o cal interpreto ao mesmo tempo como froito da escisión e como a perda do seu círculo externo de voto, o PSOE perde votos practicamente por igual e no mesmo volume (a mesma porcentaxe do censo) en case todos os concellos.

Isto evidencia que as perdas do PSOE son un voto de castigo xeral emitido polo que até hai apenas 4 anos era o seu electorado, ou, máis correctamente, o da esquerda que ten como primeiro referente o PSOE. Pola contra, no BNG é a culminación (definitiva?) dun proceso continuo de perda de apoios ao longo dos últimos 12 anos que comezou polos círculos máis externos do seu teito electoral, e avanzou, con só os freos momentáneos do Prestige e da Xunta bipartita, sen chegar a deterse, evidenciando máis unha vez a invalidez do proxecto político que representa o nacionalismo do BNG -un dos nacionalismos galegos posibles, que non o único- para a maioría do electorado da esquerda galega.

Déjà vu. Parece iniciarse así un proceso semellante ao que experimentara a esquerda galega entre 1989 e 1997, cando o BNG foi recibindo sucesivamente electores identificados primeiro co PSG-EG, con IU despois, e finalmente os que abandonaron o PSOE no ocaso da época de Felipe González e no tránsito do deserto de Borrell e Almunia.

A AGE, receptora o 21O da maior parte do voto que marchou de PSOE e BNG, volve ter a responsabilidade histórica de xestionar e fidelizar ese voto: non dalo por seu, non entrar nunha guerra fratricida co PSOE por ver quen é segunda forza, nin considerar que se trata de voto nacionalista -e moito menos independentista, soberanista ou antiespañol. Está claro que o seu éxito se fundamenta no discurso social e de esquerdas, pero en ningún momento nun discurso máis á esquerda que o BNG ou que IU (xunto con Bildu as forzas máis á esquerda do espectro político español), senón na credibilidade do seu líder e na xestión (aínda por facer) dos sentimentos de raiba e esperanza que depositou na coalición un electorado progresista moi plural. Pendente ten a ponla nacionalista da AGE, Anova, comprender que o electorado que agora representa é menos nacionalista que o do BNG, e non máis.

Se a AGE o fai ben acabará por recoller mellores e máis duradoiros froitos que o BNG naquela altura e até o ano 2001, e seguirá a recoller o descontento daqueles antigos votantes do PSOE que por segunda vez en 15 anos lle viran as costas nas urnas. Esta reiteración e os novos tempos que corren fan pensar na posibilidade de que o desgaste do PSOE tanto en España como en Galicia sexa non terminal, pero si o suficientemente importante como para desprazalo como forza de goberno e ter que sumar ou sumarse a outras forzas para ser alternativa. O PSdeG está obrigado a reformular a súa posición non só no panorama político galego senón dentro da estrutura estatal do PSOE, e calquera xustificación a favor de atrasar este proceso traerá como consecuencias as mesmas ou peores consecuencias que estas eleccións puxeron de manifesto, tralo peche en falso e conxelación da súa crise interna.

Top