Esta é a relación entre a variación entre 2009 e 2012 e concello a concello do resultado da coalición AGE (IU+Anova), comparándoa coa evolución  análoga do BNG, do PSOE e da abstención.

Existe unha clara relación entre o comportamento do BNG, do PSOE e da abstención e o crecemento da AGE. Ademais, esta relación é máis forte canto  maior dinamismo socioeconómico posúe un concello (os máis urbanos e menos envellecidos).

Nos casos do BNG e do PSOE verifícanse crecementos de igual signo e parecidísima intensidade (no grupo dos concellos dinámicos fortes a maiores caídas do PSOE tamén corresponden maiores da AGE aínda que a relación lineal non sexa significativa e produza unha recta de regresión que rompe a tónica xeral). Até nos concellos socioeconomicamente regresivos verifícase unha relación inversa entre as evolucións de PSOE e BNG e a a da AGE.

No caso da abstención, aínda que os casos municipais están distribuídos de forma máis independente nunha nube compacta, aínda se pode observar que na Galicia dinámica (forte ou normal), nos concellos en que a abstención medrou pero medrou menos, a AGE de Beiras tamén se beneficia substancialmente. Non ocorre en cambio o mesmo nos concellos regresivos (e practicamente tampouco nos estacionarios), onde a AGE adoece de falta de penetración e medra unha contía fixa (aproximadamente 5% do censo) independentemente do nivel de abstención en cada concello.

Por tanto, dous datos a ter moi en conta nos vindeiros días, semanas e meses: 1) o crecemento da coalición de Beiras está sustentado tanto  en antigos votantes do BNG como do PSOE, sen que a falta de estudos postelectorais que digan outra cousa podermos establecer cal das dúas achegas é máis importante, e 2) o crecemento da AGE tamén está sustentado en xente que se resistiu a subirse ao carro da abstención, como fixo unha parte importante da poboación, aínda que esta achega poda presupoñerse menor que a das procedentes de cada un dos outros partidos da esquerda con representación parlamentaria.

Etiquetas:
 

3 Responses to OPA 2012: O crecemento da AGE de Beiras

  1. Xabre di:

    Será esta a esquerda aberta federalista-galeguista que encha o oco que mostraban as túas análises? Parece que ao final non casou tan mal o independentismo co federalismo, quizais porque se conseguiu combinar un soberanismo “analítico”, presentado sempre dentro dun contexto de colapso do sistema estatal (da Cultura da Transición ou CT?) e encadrado no sur de Europa, cun discurso de esquerda transformadora. Como o ves?

    • Coido que teñen todo por facer. Como dicía M. Barreiro esta tarde no Disimulen, todo o que nace é feble. Precisan construír aínda un proxecto político no plano nacional e interpretar correctamente todo o voto prestado que veu do PSOE e da abstención. Ao meu ver corren o risco da fuxida cara adiante, sen clarificar esta e outras cuestións e seguir a vender seguir vender a coalición de urxencia sen entrar en profundidades, continuando co apelo ao voto do cabreo e ao rol de oposición, antepondo demostrar o colapso do sistema á súa transformación gradual, a unha deconstrución ordenada que necesariamente pasa por restaurar en primeiro lugar unha política verdadeiramente socialdemócrata. Veremos.

  2. Chousa da Alcandra di:

    Concordo moito coa resposta de Carlos a Xabre.  Sobre todo con ese “veremos” categórico!

Deixa una resposta a Carlos Neira Cortizas Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*