Loading

Esta é a relación entre a variación entre 2009 e 2012 e concello a concello do resultado da coalición AGE (IU+Anova), comparándoa coa evolución  análoga do BNG, do PSOE e da abstención.

Existe unha clara relación entre o comportamento do BNG, do PSOE e da abstención e o crecemento da AGE. Ademais, esta relación é máis forte canto  maior dinamismo socioeconómico posúe un concello (os máis urbanos e menos envellecidos).

Nos casos do BNG e do PSOE verifícanse crecementos de igual signo e parecidísima intensidade (no grupo dos concellos dinámicos fortes a maiores caídas do PSOE tamén corresponden maiores da AGE aínda que a relación lineal non sexa significativa e produza unha recta de regresión que rompe a tónica xeral). Até nos concellos socioeconomicamente regresivos verifícase unha relación inversa entre as evolucións de PSOE e BNG e a a da AGE.

No caso da abstención, aínda que os casos municipais están distribuídos de forma máis independente nunha nube compacta, aínda se pode observar que na Galicia dinámica (forte ou normal), nos concellos en que a abstención medrou pero medrou menos, a AGE de Beiras tamén se beneficia substancialmente. Non ocorre en cambio o mesmo nos concellos regresivos (e practicamente tampouco nos estacionarios), onde a AGE adoece de falta de penetración e medra unha contía fixa (aproximadamente 5% do censo) independentemente do nivel de abstención en cada concello.

Por tanto, dous datos a ter moi en conta nos vindeiros días, semanas e meses: 1) o crecemento da coalición de Beiras está sustentado tanto  en antigos votantes do BNG como do PSOE, sen que a falta de estudos postelectorais que digan outra cousa podermos establecer cal das dúas achegas é máis importante, e 2) o crecemento da AGE tamén está sustentado en xente que se resistiu a subirse ao carro da abstención, como fixo unha parte importante da poboación, aínda que esta achega poda presupoñerse menor que a das procedentes de cada un dos outros partidos da esquerda con representación parlamentaria.

Top