Velaquí os resultados de estimación de voto para Galicia producidos polo modelo no que Gonzalo Rivero e máis eu estivemos traballando estes días.

Antes de nada os datos, e despois as consideracións:

  • Estes números non son unha enquisa, senón o produto do tratamento estatístico dunha colección de enquisas xa publicadas. Non pretendan ver aquí por tanto unha transgresión da (desfasada) normativa electoral ao respecto. Moitos xornais recolectaron e comentaron despois do luns pasado os resultados das enquisas publicadas, e tampouco temos constancia de hemerotecas físicas ou virtuais pechadas pola Xunta Electoral. De xeito que estes datos deben entenderse como un exercicio estatístico a partir de datos xa coñecidos.
  • As cifras finais para cada forza política son o resultado de aplicar o modelo estatístico bayesiano de S. Jackman (2005) ás enquisas electorais, adaptado aquel a un sistema de competición multipartidista coma o noso por X. Fernández i Marín, quen o desenvolveu con éxito aos casos das eleccións catalás de 2010 e xerais de 2011.
  • Este modelo baséase na idea de que existe e se pode estimar un apoio latente para cada forza política en cada momento. Este valor estaría relacionado co do instante inmediatamente anterior a través dun percorrido aleatorio (random walk), e sería o produto probabilístico de corrixir as estimacións de voto de cada enquisa polo valor do efecto caseiro (house effect) no que incorre cada instituto desmoscópico. Noutras palabras, cada casa de enquisas posúe un nesgo inherente á súa metodoloxía, tanto de mostraxe como de cociña, e ese desvío a respecto do valor real de apoio a cada partido pode ser medido, estimado e compensado.
  • Os datos que manexamos son os das estimacións de voto das enquisas publicadas dentro do prazo que habilita para iso a nosa (absurda) normativa electoral. Non incluímos xa que logo ningunha información que non sexa xa do dominio público. Non temos acceso nin empregamos as enquisas internas e non publicadas que puideran ter realizado partidos e/ou institucións.
  • Tampouco empregamos información dos trackings electorais que se estiveron a realizar durante estes últimos días de campaña, o que significa que o modelo non recolleu ningún novo sinal electoral desde o venres pasado, data central de referencia do traballo de campo da última enquisa publicada (a de Sondaxe do luns). Por tanto, o modelo limítase a proxectar desde entón e até mañá domingo un apoio baixo a premisa de que nada novo aconteceu desde entón. Obvia dicir que o non dispormos de novas informacións, sinais ou innovacións, condiciona a eficacia do modelo.
  • Utilizamos unha base de datos coas estimacións de voto publicadas durante esta lexislatura por 21 enquisas e 8 casas distintas. Porén, durante o traballo analizamos un total de 146 enquisas publicadas desde 1997, co obxecto de contrastar o comportamento histórico do modelo e a variación dos house effects ao longo do tempo.
  • Só empregamos para para as nosas estimacións os datos agregados para Galicia, e non usamos os das catro circunscricións electorais.
  • Algunhas veces contamos con datos para as tres forzas con representación parlamentaria, outras para esas máis IU (con e sen Anova), e as máis das veces para un total de 7 forzas -as anteriores máis UPyD, CxG e SCD).
  • Batemos con varias dificultades que tentamos salvar o mellor que soubemos:
  1. A escaseza relativa de enquisas a respecto doutros ámbitos (Cataluña, España, EUA) e momentos (publicáronse en Galicia ao longo desta lexislatura só a metade de enquisas que na anterior, e exactamente o mesmo número que na lexislatura 1997-2001, for como consecuencia da crise económica ou da tendencia aparente a se publicaren máis enquisas cando goberna a esquerda, quer na Xunta quer nos concellos).
  2. A limitadísima repetición de enquisas da mesma casa, limitándose nesta ocasión ás de Sondaxe, cando en períodos electorais precedentes contabilizáranse múltiples reincidencias: Obradoiro de Socioloxía, InfortécnicaQuadernasTNS Demoscopia, Estratexias e Análise Empresarial, Opina (agora substituída na Cadena Ser por MyWord, que, por certo, estreouse cunha enquisa baseada nun panel de opinadores online cuxos resultados deixan moito que desexar), Anova, CIS, NC Report, USC… Ningunha delas, de entre as que aínda existen e fixeron traballos de campo, repetiu con máis dunha enquisa nesta campaña.
  3. A falta dun criterio único nas distintas casas á hora de tratar as opcións de voto en branco e a outras forzas minoritarias (cousa que vén sendo habitual na demoscopia desde sempre), mais tamén advertimos diferencias de criterio dentro dunha mesma casa. Así, algunhas veces as estimacións parecen referirse ao voto válido e outras ao voto a candidaturas (excluído o voto en branco). Tamén notamos a existencia de diferentes niveis de voto en branco que, cremos, non se deben á realidade, senón a diferentes escollas á hora de reducir ou non, e en que medida, o elevado volume de voto en branco declarado que se rexistra na presente etapa de desafección partidaria.

Con todos estas consideracións e condicionantes a estimación que presentamos debe entenderse como o que é e non como outra cousa. O modelo describe e proxecta un apoio latente para cada forza política ao longo do tempo, reflectindo a realidade tal e como nola describen as enquisas. Coincide iso coa realidade aí fóra? Ben, a experiencia das eleccións autonómicas en Galicia dinos que non, e por iso cómpre realizar aínda unhas correccións sobre estes datos para completar un prognóstico final.

Pero iso farémolo mañá ás 8 da tarde, cando presentaremos, a modo dunhas israelitas moi particulares, unha previsión que incluirá o detalle da porcentaxes e dos escanos por provincias. Até entón.

Etiquetas:
 

2 Responses to OPA 2012: Un modelo de estimación electoral para o 21O

  1. xabitubbi di:

    A que hora? A que hora?
    Parabéns!

  2. xabitubbi di:

    Ás 8?

    Arrecarallo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*