Loading

A Oficina do Censo Electoral publica pasada cada elección a composición demográfica do voto por correo, detallándoo por circunscrición, xénero e idade. As mulleres e as persoas entre 25 e 44 anos dominan este voto, pero o significativo é atender ao seu volume e á importancia relativa dos máis novos.

O reconto das solicitudes de voto por correo dos cidadáns residentes para estas autonómicas sitúase moi por baixo da media histórica para todas as eleccións e para as autonómicsa (en azul na gráfica) en particular. Os datos reflicten unha caída do 12,5% a respecto da mesma cantidade de persoas que o solicitaran en 2009, e en termos relativos sitúase a respecto da tendencia como en 2001 (outro paralelismo máis con aquelas eleccións dos 41 escanos de Fraga).

Esta caída das solicitudes é semellante en magnitude á que algunhas casas de enquisas prevén para a participación global (do 72% en 2009 a cifras de arredor do 60% agora). Mais a experiencia demostra que o voto por correo non é só un indicador indirecto da participación final, que o é, senón tamén un indicador de mobilización do electorado máis novo, que soe apoiar con maior intensidade ás forzas progresistas. Iso explica porque o voto por correo tivo un máximo en 2005, cando o PP perdeu a maioría absolutra, e porque en 2009, a pesar de se situar por riba da tendencia (indicando a maior participación que finalmente se rexistrou) caeu a respecto das cifras de catro anos antes (facendo sospeitar a merma dos apoios na esquerda). Así que este ano os números apuntan a que vai haber tanto menor participación como menor mobilización do voto mozo e progresista. Outro razoamento análogo se pode efectuar coas cifras do voto por correo nas eleccións xerais.

Nestas eleccións autonómicas chama a atención de forma moi especial a caída do voto por correo na circunscrición ourensá, onde atinxe o 30%, unha cifra moito maior que o 10% de retroceso arredor do que se sitúan as outras tres provincias. Trátase dun comportamento diferencial que excede con moito outras desviacións históricas rexistradas no pasado, o que me leva a pensar que algo aconteceu, e nada bo, no nivel de mobilización do electorado máis novo nos momentos previos á campaña e durante o prazo de solicitude do voto po correo. Serán os efectos electorais da operación Pokémon?

Botemos un ollo á composición por idades do voto por correo. Pódese apreciar o predominio das faixas de idade dos 25 aos 34 anos e dos 35 aos 44 anos, isto é, as persoas que por razóns vitais, de traballo, de residencia ou por outras circunstancias recorren a esta forma de participación. Ademais, afinando un pouco máis, podemos concluír que as principais diferenzas entre as diferentes eleccións se concentran nas persoas menores de 35 anos. Comparando  as dúas eleccións autonómicas precedentes vese como as de 2005 presentan valores superiores ás de 2009. De feito as autonómicsa de 2005 supuxeron o máximo histórico do voto por correo en calquera tipo de eleccións entre os menores de 25 anos, superando mesmo os niveis das eleccións xerais, que acadan xeralmente maior participación que as autonómicas. Velaí a dimensión do efecto mobilizador da mocidade en contra do vello, representado na figura do entón candidato popular Manuel Fraga.

Un dato adicional que invita á reflexión. As mulleres supoñen entre o 53% e o 55% do voto por correo, porcentaxe superior á proporción deste xénero nun universo, o do voto por correo, máis novo en idade como dixemos, equilibrado por xéneros.

E por último, un rumor. Coméntase que a caída do voto por correo nas primeiras semanas do prazo para solicitalo era moito maior que a media do -12,5% comentado, pero que na última semana as solicitudes se incrementaron significativamente, tramitándose un 25% máis que no período análogo de 2009. De ser isto certo, e deixando a un lado posibles atrasos administrativos ou de Correos, poderíamos estar perante un indicio de mobilización de última hora. Por fin unha campaña electoral na que ocorren cousas!

 

Top