Neste artigo analizo algúns argumentos que poderían facer pensar na posibilidade dun sorpasso da AGE de Beiras sobre o BNG de Jorquera.

Antes de nada déixenme advertirlles dunha cousa. For ou non for posible o sorpasso, o que non ten dúbida ningunha é que, se o é, nin a AGE nin o BNG teñen interese en visualizalo. Os primeiros para conservar a tendencia crecente e acentuar o efecto sorpresa, de irrupción no arco parlamentario, sen asustar a quen podería querelos como novidade pero non como terceira forza. Os segundos para ocultar a tendencia á baixa, o seu seguro devalo no número de votos, nas porcentaxes e nos escanos, que poderían chegar a ouvidos dun electorado aínda non informado sobre a AGE ou que vincule aínda a Beiras co BNG. De xeito que, en non habendo datos aos que amarrarse, por mor dunha vergoñenta e desfasada lei electoral que impide a publicación de enquisas -restrición inxustificable do dereito á información-, como podemos argumentar a favor da posibilidade do sorpasso? Hai varios datos que sustentan esa posibilidade.

Candidatos

Antes de desenvolver máis este argumento, boten un ollo a este gráfico das eleccións de 2009:

Naquela ocasión a valoración dos candidatos das tres forzas principais describiu mellor as tendencias electorais subxacentes durante toda a lexislatura -crise e recuperación do PP e desgaste de PSOE e BNG- do que as estimacións de voto e as proxeccións de voto e de escanos feitas polas cociñas demoscópicas durante a campaña electoral. Cando Touriño apuntaba a caer por debaixo do aprobado e Feijóo xa respiraba na caluga de Quintana, e tras unha última semana movidiña nos medios de comunicación afíns aos populares, as urnas acabaron por materializar o cambio de Goberno.

Vexamos agora que aconteceu nesta lexislatura:

Hai unhas cantas analoxías e diferenzas entrambos gráficas que cómpre salientar:

  • Parécense no devalo da valoración presidencial de Feijóo e de Touriño e no seu mantemento por riba do aprobado a unha semana das eleccións, e se ben a caída de Feijóo é máis acusada se a comparamos co inicio da lexislatura, o seu desgaste foi máis gradual e nos últimos meses e semanas non é tan acusado como o de Touriño ou Quintana en 2009.
  • Porén, na oposición, ao igual que entón con valoracións inferiores, lonxe de haber unha recuperación dalgún dos dous líderes ou candidatos de PSOE e BNG como a de Feijóo en 2009, ao que asistimos foi a uns devalos de Vázquez e Jorquera parellos ao de Feijóo, amosando a desafección con todos os tres partidos parlamentarios.
  • A novidade é a aparición dun novo referente ou candidato, non presidenciable a teor do manifestado pola AGE, Beiras, que mantén desde a súa irrupción unha valoración arredor dos 4 puntos, superior nun cuarto e en medio punto á de Vázquez e Jorquera respectivamente, ademais de superalos amplamente en notoriedade, especialmente ao candidato do BNG.

Nesta situación o que parece plausible é que Beiras arrastre voto de BNG e PSOE, pero sen ameazar a Feijóo, de quen o separa un punto que en valoración é moito (nótese que Touriño só avantaxaba en medio punto a Feijóo en 2009). Dada a tendencia crecente da AGE que amosaron as enquisas na primeira semana de campaña (con datos dos traballos de campo realizados até o segundo venres) pódese proxectar tanto a continuidade da suba de AGE como da baixada de PSOE e BNG, e é neste último caso cando podemos comezar a falar dun empate ou mesmo dun sorpasso (as últimas enquisas colacaban á AGE por riba da metade do voto directo do BNG, e cun voto estimado que superaba os 2/3 deste).

Cabe lembrar que cando Beiras deixou de ser avaliado nas enquisas en 2003, atinxira xa unha notoriedade superior ao 90%, como a que ten agora. Na súa última etapa como portavoz nacional do BNG a súa valoración tiña experimentado fortes variacións: despois de ter atinxido máximos entre 1997 e 1999 chega ao 2001, no seu pretendido man a man con Fraga, cunha valoración cidadá media de 4, fronte ao máis dun 5 do falecido Presidente de Xunta; pero tralo desastre do Prestige e antes do relevo de Quintana, logra mellorar a súa valoración até os 4,5 puntos, empatando coa dun entón devaliado e en horas baixas Fraga.

A valoración que recibe hoxe trala súa reaparición electoral, de 4 puntos, sitúao ao mesmo nivel daquela etapa pre-Prestige. De aí que a súa melloría de imaxe entre o electorado e calquera tirón electoral, que por outra banda xa posuía antes das primeiras aparicións en campaña e nos medios de comunicación, haxa que entendelo sobre todo en termos relativos, ao comparalo coa perda de crédito dos seus rivais progresistas Vázquez e Jorquera.

Sería interesante verificar as valoraciónss cruzadas entre partidos e candidatos pero non dispomos deses datos ao non ser publicados por ningunha enquisa recente.

Preferencias presidenciais

Outro aspecto do factor personalista, máis raramente publicitado pero igualmente avaliado polas enquisas nunhas eleccións, é o das preferencias presidenciais. Xa comentei como nas enquisas do CIS a distancia neste aspecto de Feijóo sobre Vázquez e Jorquera remítenos a unha situación máis semellante á das eleccións de 2001 que ás de 2005 ou 2009. Pero como encaixa Beiras nesta variable? A enquisa do CIS non podía preguntar por un candidato e unha forza política sen representación parlamentaria, nova e que aínda non se inscribira formalmente para as eleccións, e non temos unha avaliación de Beiras candidato nese intre. Mais a última enquisa de Sondaxe para La Voz si que nos achega máis datos:

Con case un mes de diferenza nas datas de referencia dos traballos de campo de ambas enquisas (lebremos, persoal o primeiro e telefónico o segundo) Beiras irrompe na fotografía das preferencias cidadás para a Presidencia colocándose en segundo lugar, aínda que a moitísima distancia de Feijóo, perdendo pola súa banda tanto Jorquera como Vázquez 3 puntos e medio.

Á vista deste dato semella que o factor Beiras pode aproximar máis aínda da AGE a boa parte do electorado do BNG, así como quizá a unha parte non menor aínda que cualitativamente menos importante do PSOE, o cal á súa vez tamén podería estar cedendo electores a Feijóo por mor da febleza do candidato Vázquez. Sería certo entón que a maior oferta de forzas e candidatos pola esquerda suma votos (do 19,3% ao 22,7%), pero tamén que o confronto Feijóo-Beiras mobiliza directa e indirectamente ao electorado da dereita (do 35,2% ao 41,1%, case 6 puntos máis).

Cómo de importantes son estas cifras? Pois, por exemplo, a última ocasión en que estaban en xogo as posicións relativas dos partidos foi en 2001. Nesa altura o BNG levaba vantaxe nas enquisas ao PSOE, aínda que xa era sensiblemente menor á que obtivera en 1997, pois Zapataro acababa de ser elixido secretario xeral e o BNG comezaba a acusar o desgaste da súa xestión nas alcaldías urbanas gañadas en 1999. Malia a iso, aínda que o PSOE recurtaba distancias, as enquisas seguían dicindo que, salvo na circunscrición de Lugo, o BNG superaba significativamente ao PSOE en voto decidido. Porén, na valoración de líderes e nas preferencias para a Presidencia, Beiras e Touriño chegaban empatados, moi parellos. Nas urnas finalmente o BNG superou por pouco ao PSOE pero ambos obtiveron o mesmo número de escanos no Parlamento, 17. O resultado estivo máis perto do que apuntaban as preferencias presidenciais ou a valoración de líderes que do que viña marcando o voto decidido e o voto estimado das enquisas. En que medida acontecerá agora o mesmo?

Transferencias de voto

Hai un indicador moi voluble no curto prazo, moi dependente de metodoloxías de campo e do equilibrado das mostras, pero moi consistente e pertinaz no longo prazo, que son as transferencias de voto decidido dunha forza á outra, e que resultan de cruzar o moitas veces non de todo fiable recordo de voto coa intención de voto declarada.

Na miña base de datos de enquisas teño unha serie temporal longa de observacións que permiten establecer comparacións entre as magnitudes do electorado da esquerda que opta por mudar de opción de voto entre unhas eleccións autonómicas e as seguintes sen necesidade de pasar pola categoría dos indecisos. Especialmente ben coñecido é o comportamento dual do electorado situado entre BNG e PSOE, no espazo do centroesquerda galeguista ou nacionalista moderado, que provocou ao longo de dúas décadas primeiro o ascenso e sorpasso do BNG sobre o PSOE e, despois, a reversión do mesmo fenómeno. Pois ben, a gráfica seguinte  compara a evolución histórica suavizada das transferencias entre PSOE e BNG coas porcentaxes de transferencias que as últimas enquisas detectaron desde o BNG cara a AGE.

O dato clave aquí é que, en termos relativos (porcentaxe dos antigos votantes) as actuais transferencias de voto do BNG a AGE (IU+Anova) son equivalentes ou superiores ás que  o BNG cedeu ao PSOE arredor de 2005 en relación coas autonómicas de 2001. Entón o BNG, cunha transferencia de voto decidido en enquisas ao PSOE da orde dos 10 puntos porcentuais, pasou nas urnas do 23,15% ao 19,52% do voto emitido (no CER), é dicir perdeu máis do 15% da porcentaxe conseguida catro anos antes. Agora, as transferencias relativas do BNG cara a AGE superan ás que se marcharon cara ao PSOE entre 2001 e 2005, e poderían suporlle, como mínimo, unha perda do 20% do súa cota de votos.

Etiquetas:
 

One Response to OPA 2012: O posible sorpasso de Beiras ao BNG

  1. xabitubbi di:

    Eu diría que a estas brillantísimas análises lles falta unha conclusión. Chámenme británico, pero gustaríame que o último parágrafo do artigo respondese a pregunta que se formula no cabezallo introdutorio. Por pedir. :)
    Pero grazas moitas por isto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*