Para avaliar mellor os datos que nos ofrece a recentemente publicada enquisa preelectoral do CIS coido interesante ver a evolución histórica de algunhas das súas respostas.

Necesidade dun cambio de goberno (corrixido e actualizado tras un apuntamento de Incidindo nos comentarios)

Na serie histórica de enquisas do CIS o resorte que activa unha viraxe nas urnas que é capaz de acabar producindo un cambio de goberno autonómico a favor da esquerda acada un valor mínimo do 60% do electorado, entanto á dereita abondaríalle cun 50%. En 2005 superouse o 60% e o PP perdeu a maoiría absoluta que o instalaba na Xunta, e en 2009 superábase o 50% que permitiu finalmente que Feijóo a recuperara para o PP. Hoxe ese indicador fica por baixo do 50%, o cal permítelle á esquerda abrigar moi poucas esperanzas de que aconteza o mesmo que en 2005.

Cómpre ter en conta ademais que a expresión da necesidade ou vontade dun cambio de goberno inclúe, nalgunha medida, unha necesidade de cambio na composición do goberno pero non na súa cor política, en cuxo caso podemos falar da necesidade de que o PP cambie as súas políticas, ou os seus conselleiros e conselleiras, por exemplo.

Desexo de vitoria

Unha das variables máis relacionadas co voto é o desexo de vitoria, isto é, que forza política desexa cada persoa que gañe ou quede primeira nas eleccións. A serie histórica amosa, como dato fundamental do momento actual, unha forte vantaxe do PP sobre a segunda forza, de 12 puntos, a medio camiño entre os arredor de 5 puntos porcentuais que se rexistraron en 2005 e 2009, sinalando unha situación de concorrencia ou disputa pola vitoria cando menos en cando a intención de voto directa, e os 20 puntos que en 2001 o mesmo PP detentaba sobre o BNG, entón segunda forza. Isto significa que non é real a posibilidade dunha derrota do PP, nin sequera nas enquisas. Nalgún intre da lexislatura 2005-2009 os estrategas electorais do PSOE utilizaron esta proximidade e mesmo superioridade demoscópica para tentar difundir a idea da posibilidade dun sorpasso que en Galicia nunca se produciu.

O segundo dato a extraer desta gráfica evolutiva é que a suma dos rivais do PP supérano en todos os estudos desde 2005,  pero iso non implicou necesariamente unha perda da maioría absoluta do PP: si en 2005 pero non en 2009. En 2005 a suma dos desexos de vitoria das forzas da esquerda era de 46% por 32%-34% para o PP, 12 puntos, pero en 2009 a suma era de 44% fronte a 28% para o PP, 16 puntos, superior, e a maioría absoluta caeu finalmente do lado dos populares. Agora en 2012 a vantaxe das esquerdas é de só 1 punto, situación que parece incompatible coa perda da maioría absoluta por parte dos populares.

Cabe preguntarse por que unha vitoria clara, en desexo de vitoria, das forzas de esquerdas, consideradas conxuntamente, non se traduce nunha vitoria real en votos. Iso débese, ademais de que todas as enquisas preelectorais en Galicia infravaloran a vantaxe do PP en voto decidido, á fragmentación do voto rival (o desexo de vitoria dunha forza sen opcións reais de gañar tradúcese máis facilmente nun voto útil a outra forza ou nunha asbtención) e aos rexeitamentos cruzados entre as forzas de esquerda (antes de apoiar á forza que se desexa que gañe óptase por non votar se se espera que ese voto sirva para cogobernar con outra que se non se tolera, por exemplo, ou mesmo vótase a unha terceira).

Expectativa de vitoria

Distinto do desexo é o que se espera que vai acontecer, o cal, se non coincide coas propias preferencias, é o outro principal axente desmobilizador do voto. Neste sentido vemos como a expectativa está claramente relacionada coa forza que está a gobernar. Mais aínda así a situación actual é a peor das tres últimas eleccións para os intereses das esquerdas, pois a distancia entre o PP e a suma de PSOE+IU é maior que en 2005. Naquel ano só un traxecto de 16 anos de maioría absoluta popular e unha idea paseniñamente labrada de posibilidade dun goberno bipartito, xunto co declive da figura de Fraga entre a dereita máis urbana, posibilitou a súa derrota pola mínima. Pódese dicir á vista dos datos que hoxe non hai alternativa ao PP no imaxinario colectivo galego.

Obviamente a expectativa da vitoria está claramente relacionada co partido que goberna e preside a Xunta de Galicia en cada momento, por iso en 2009 o PSOE sitúase por diante do PP. Ese dato dinos que máis do 30% do electorado adxudica a vitoria ao partido gobernante, cousa que non debe sorprender se se ten en conta que nalgunhas análises que teño conducido sobre resultados históricos o voto ao poder pode aproximarse ao 10% do electorado galego.

Índices de aprobación de goberno e oposición

Outra variable a ter en conta para argumentar que a situación actual pouco ou nada ten que ver coa de 2005 é a do índice de aprobación do goberno e da oposición. Este índicador calcúlase como a porcentaxe do electorado que avalía como boa ou moi boa a labor dunha forza política no goberno ou na oposición, menos a porcentaxe de quen a avalía como mala ou moi mala, obviando a quen afirma que non é nin boa nin mala ou non sabe ou non responde.

Facendo abstracción de 2009, ano en que os protagonistas estaban intercambiados nas posición de goberno e oposición, podemos afirmar que se ben hoxe o electorado emite un suspenso rotundo ás tres principais forzas políticas o PP na Xunta mantén unha vantaxe significativa sobre PSOE e BNG, até o punto de dita diferenza (29 puntos) ser superior á que existía en 2001 (aproximadamente 20 puntos), cando Fraga anovou a súa maioría absoluta de xeito folgado.

Preferencia para a Presidencia

Se todo o anterior non supuxeran obstáculos abondos para a posibilidade dunha perda da maioría absoluta do PP, a consideración dos candidatos á Presidencia que concorren por cada forza política debería despexar as poucas dúbidas que restaran. A gráfica seguinte é moi semellante á das preferencias de vitoria, pero amosa un dato fundamental: para o PSOE e o BNG a porcentaxe de persoas que queren aos seus candidatos como Presidentes é inferior á porcentaxe dos que desexan unha vitoria para a súa forza política (18% fronte a 12% para o PSOE e Vázquez, e 9% fronte a 7% para o BNG e Jorquera), entanto desexan que o Presidente sexa Feijoo unha porcentaxe sensiblemente superior á dos que desexan unha vitoria do PP (35% fronte a 30%). Isto explica o cariz personalista e presidencialista que os estrategas do PP pretenden imprimirlle á súa campaña en Galicia, fuxindo da asociación co Presidente do Goberno de España e coa marca do Partido Popular.

Neste plano dos candidatos a situación de vantaxe do número un popular sobre Vázquez e Jorquera, os seus a priori principais rivais con permiso de Beiras, é a mellor da serie histórica, superior mesmo á de Fraga no ano 2001, en que o PP obtivo 41 escanos.

Fidelidade de voto

Até agora en todos os apartados vistos non empregamos ningunha variable relacionada co voto, senón só coas que poderían incidir ou non na materialización do mesmo. Se consideramos en cambio a intención de voto declarada e a combinamos co recordo de voto declarado nas anteriores eleccións autonómicas, obtemos novamente datos coherentes coas conclusións anteriores:

Á marxe de que a tendencia histórica amosa unha diminución xeral da fidelidade de voto para as forzas con representación parlamentaria, o que salienta aquí é a distancia que na porcentaxe de electorado fiel mantén o PP sobre PSOE e BNG, e que atinxe agora mesmo o máximo da serie, superando a ambos en arredor de 13 puntos. Só en 2005 o PSOE se colocou por riba do PP, facilitando o seu crecemento a consecución da Xunta bipartita, do mesmo xeito que o faría agora IU, para a que se espera sen lugar a dúbidas unha melloría no seu resultado.

Novos electores

Os cadros de transferencias de voto permiten observar tamén a evolución do comportamento do novo electorado, que inclúe ao electorado novo e aos novos residentes. Esta fotografía da intención de voto da mocidade reduce aínda máis se cabe as posibilidades dunha derrota do Partido Popular o próximo 21 de outubro. O PP sería a primeira forza entre as novas altas do censo electoral, e sumaría cando menos máis voto decidido que a suma de PSOE e BNG.

Resumindo

Non é que haxa unha situación de incerteza a respecto do resultado porque hai condicións políticas ou partidarias para o cambio que non se efectivizan en voto por unha ou outra razón. É que non se dan as condicións que poderían soster un cambio de goberno.

É certo que hai moitas outras condicións sociolóxicas e sobre todo económicas que poden e van influír na votación (quizá máis na participación que no equilibrio de forzas), pero ningunha delas está tendo reflexo ningún nas principais variables sociopolíticas e electorais, non sendo pola certa irrupción de algunha das novas forzas minoritarias, que recollerán o desgaste das principais forzas (sobre toda da oposición) e o descontento cidadán, e que virán ser a principal anque limitada novidade (non poñen en cuestión a maioría absoluta do PP) da noite electoral.

Etiquetas:
 

13 Responses to OPA 2012: A enquisa do CIS en perspectiva

  1. Pois eu, mesmo concordando nas altísimas probabilidades de vitoria do PP, creo que a clave está no final do teu post: a capacidade das novas candidaturas para mobilizar apoios. Por que? Porque é evidente que estamos a asistir ao comezo dunha reconfiguración do mapa de partidos galego, e precisamente por iso non ten moito xeito analisar -como fai o CIS- unicamente as tres forzas principais sobre as que pivotou o actual.

    En resumo: se dependese só do PSdeG e do BNG, o PP non só vencería senón que pasaría con facilidade dos 40 escanos. Mais a irrupción de AGE, CxG e mesmo SCD dalle o ton de incerteza que toda elección precisa: serán os resultados desas forzas -en voto pero sobre todo en escanos- os que inclinen a balanza para un ou outro lado. Hai partido… aínda que sexa o Madrid contra o Coruxo ;)

    • a irrupción de AGE, CxG… o que engade é moita certeza:
      a da maioría absoluta do PP.

      • Iso é un slogan, mais nada. A mobilización da esquerda só pode superar a da dereita se as forzas progresistas están en forma ou se, cando non, outras toman o relevo nos sectores que desistiron de darlle o seu apoio ás xa instaladas no sistema de partidos.

        Outra cousa é que iso implica riscos, especialmente nos momentos iniciais da reconfiguración como este que vivimos: o perigo é que moitos votos non se traduzan en escanos, mais non é menos certo que na maioría dos casos eses escanos xa non caerían do lado nin do BNG nin do PSdeG.

  2. Un comentario, tamén apuntado por Anxo Lugilde aquí:
    http://www.lavanguardia.com/politica/elecciones-gallegas/20121007/54351721713/galicia-cambiar-no-puede.html
    e que se pode verificar no pre-electoral do CIS en 2009:
    http://datos.cis.es/pdf/Es2783mar_A.pdf
    A porcentaxe de galegos a favor do cambio político é a mesma en 2009-2012 (49%-50%, estou convencido que dentro do erro é o mesmo), e non o que ti indicas.

  3. Outro dato interesante vén da enquisa da Voz de Galicia. Á pregunta “Cree que algún  partido conseguirá la mayoría absoluta el 21 de Octubre?”, un 28.5% pensa que “probablemente no” e un 22.1% que “no, con seguridad”. É dicir, que un 50% pensan que o PP non terá maioría absoluta. Sinto non dar ningún enlace, non atopei o dato online, só na versión impresa de onte, na páxina 3. Non é difícil atopar a versión en PDF online :-)

  4. Concordo con todo o que dis. Nalgún intre esa valoración e preferencia por Beiras sobre Jorquera debera traducirse noutros números, se non é en voto e estimación será nas urnas. A situación podería ser moi semellante á de 2001, cun Touriño entón case tan preferido como Beiras cando o PSOE estaba a bastante máis distancia do BNG. Ao final, lixeira vantaxe en votos para o BNG e empate en escanos para os dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*