Se tivera que apostar non o dubidaba. Até o día en que rematou o traballo de campo da última enquisa publicada Feijoo reeditaría para o PP a maioría absoluta no Parlamento de Galicia.

Para soster con tanta rotundidade tal afirmación baséome nos datos non cociñados da enquisas publicadas nos últimos 12 anos, nomeadamente na intención de voto declarada polas persoas entrevistadas, e especificamente na cota que detentan cada unha das forzas para as que se espera que obteñan representación. Este indicador céntrase no voto decidido e desbota por tanto abstencionistas, indecisos, opacos, votos en branco e o daquelas opcións que dificilmente superarán o límite efectivo para conseguir un escano en calquera provincia (o 5% máis a diferenza adicional imposta polo sistema electoral nas provincias de Lugo e Ourense).

Nun escenario onde máis do 40% do electorado di non ter decidido que facer ou oculta a súa intención de voto podería pensarse que hai marxe para unha viraxe na correlación de forzas debuxada polo voto decidido. Obviamente lóxica e matematicamente é posible, mais a experiencia demostra que o nivel de indecisión se traduce, antes que nada, en abstención e voto en branco ou nulo, e só despois en voto ás forzas políticas. Ademais diso, a parte desa bolsa de voto difuso que logra materializarse nas urnas mostra historicamente un comportamento que beneficia ás grandes forzas en detrimento das pequenas, o que dada a fragmentación da esquerda se traduce, en principio, nun reforzamento do bipartidismo e en primeiro lugar do PP.

É certo que este voto indeciso e oculto é o que adoita dar e quitar en vitorias a última hora, inducindo maiores diferenzas entre o que din as enquisas e o resultado real das eleccións, pero iso só acontece en determinadas ocasións de elevada concorrencia electoral. É esta unha delas? Diría que non, tendo en conta múltiples factores como: fidelidade de voto do PP maior que a do resto (salvo quizá EU), expectativa maioritaria dunha vitoria do PP, desexo de cambio insuficiente, máis electores que esperan unha maioría absoluta do PP que os que teñen decidido votar por eles, valoración de Feijoo superior á dos seus rivais, rexeitamento á reedición dun goberno bipartito, etc. Non se pode negar o retroceso demoscópico do PP inducido pola xestión da crise económica e os recortes, mais sendo verdade que é quen máis acusa o desgaste tamén o é que todas as forzas con representación viron caer a súa intención de voto (nomeadamente o PSOE, o responsable inmediatamente anterior), e que, malia á suba e irrupción de EU +Anova, o PP segue conservando un colchón suficiente sobre o conxunto da oposición.

Podería argumentarse ademais que a cota de voto decidido entre as forzas con posibilidades de acadar representación presenta problemas cando hai forzas arredor do limiar de voto efectivo, mais os datos coñecidos até o momento amosan que alén das tres forzas con representación (PP, PSOE e BNG) só a coalición AGE tería posibilidades reais de irromper no Parlamento (UPyD e CxG non, en principio), ou que as opcións minoritarias soen saír infrarrepresentadas nas enquisas especialmente en intres de desafección electoral, e tamén que as forzas de segunda ou terceira orde como o BNG obteñen sempre os seus mellores resultados cando maior é a abstención (como se espera neste caso, sendo probable que se rexistre a segunda participación máis baixa tralas constituíntes de 1981).

Porén, pode argumentarse, en sentido contrario, que hai voto decidido no conxunto das forzas da oposición que é voto inútil, por canto non se traducirá en escanos nalgunha ou en varias circunscricións, o que engorda artificialmente a cota dos rivais e reduce a do PP. Isto sería particularmente certo para AGE nas provincias de Lugo e Ourense, aínda que afecta en realidade aos restos sen correpondencia en escanos de todas as forzas políticas, especialmete aos das que non acaden representación (CxG, UPyD, SCD…), con restos máis caros de obter na aplicación da lei d’Hondt.

Pois ben, as dúas últimas enquisas publicadas, desenvolvidas entre o 28 de agosto e o 5 de setembro, amosan que a cota do PP nese conxunto de voto xa decidido supera á suma do resto de forzas, e faino folgadamente, superando aos seus rivais entre 2 e 7 puntos. Estas cifras implicarían un resultado para o PP superior ao de 2009, de 39 escanos sen ter en conta o voto da emigración.

No gráfico represéntase horizontalmente a vantaxe do PP sobre o resto, en cota de voto decidido a forzas con representación, e verticalmente a súa vantaxe en escanos, proxectada e real. Os puntos azuis representan os datos non cociñados das enquisas, correspondendo os verdes ás dúas últimas enquisas publicadas, e as cruces aos resultados reais das eleccións.

O gráfico amosa que as enquisas recentes se traducen nunha vantaxe do PP sobre o resto substancialmente importante. Vese, ademais, como para superar en escanos ao PP o resto de forzas con representación non só debe sumar unha cota de voto como a dos populares senón superala amplamente. En 2005, cando PSOE e BNG lograron exactamente a suma de escanos que outorgaba unha maioría de goberno, ese plus foi de 5 puntos na cota. Por tanto nestes intres o PP está a unha distancia de entre 7 e 12 puntos de cota do punto de inflexión onde a oposición podería arrebatarlle a maioría absoluta. Unha cifra nada desprezable, enorme máis ben: entre 97.000 e 166.000 electores, suposta unha participación do 60%. Case nada.

Naturalmente falta partido, e non me refiro á campaña electoral. Todo indica a que de aquí ao 22 de outubro sucederanse importantes noticias económicas que poden incidir nas preferencias do electorado. Por iso a afirmación contida no título desta anotación se refire ao momento presente (exactamente ao período en que se realizaron os traballos de campo máis recentes) e non ao día das eleccións. Non teñan dúbida de que nestes momentos hai varios campos en marcha, e que este fin de semana coñeceremos probablemente algunha enquisa nova (así aconteceu a cinco semanas da cita coas urnas tanto en 2001 como en 2009, non así en 2005). Desde aquí seguiremos comentando o que teñan para dicirnos.

Mais remontar este marcador preséntase altamente complicado. Se finalmente o actual goberno da Xunta recunca non aventuro nada bo para ningunha das forzas e líderes da oposición, que antes de admitir a súa maior ou menor pero indiscutible responsabilidade no resultado probablemente optarán por atacarse mutuamente e en última instancia levar os seus argumentos á rúa, pretendendo adiar o que parece unha inevitable nova reestruturación do sistema galego de partidos (que non se esgotou coa conformación das candidaturas actuais), afundíndonos a todos nunha etapa de inestabilidade social e política que nada bo agoira. Mais será ben deixarmos de lado a política ficción, non si? É ben sabido que a realidade supéraa. E por moito.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*