O gráfico seguinte amosa como se distribúe o electorado galego, o que se considera nacionalista (galego) e o que non, en función do seu grao de nacionalismo. Quen se consideran nacionalistas galegos ocupan maioritariamente as posicións 5 e 6 da escala, as que sinalan o punto medio da mesma, e as posicións 7 e 8, as catro con similar frecuencia. Podemos considerar que estas últimas posicións, 7 e 8, representan dalgún xeito aquel electorado que se considera máis nacionalista que a media pero sen atinxir o máximo grao de nacionalismo galego, ou, facendo un símil, aqueles que se senten máis galegos que españois, pero que partillan ambos sentimentos de pertenza ou identidade, que non os consideran excluíntes. Ou se se quer, o galeguismo como melting point de nacionalistas e non nacionalistas. Nas posicións 9 e 10 localízanse unhas porcentaxes do censo sensiblemente menores que as rexistradas do 5 ao 8, existindo ademais un val na posición 9 que evidencia unha separación entre a xente co máximo grao de nacionalismo e o resto de nacionalistas galegos.

O estudo preelectoral do CIS do ano 2009 no que se basea este gráfico, dinos que a maioría do electorado galego, o 53% exactamente, se sitúa nas posicións do 5 ao 8 da escala de nacionalismo galego, porcentaxe que se reparte entre un 30% para os non nacionalistas, achegados maioritariamente polos non nacionalistas que erguen o pico da posición 5, e un 23% para os nacionalistas galegos, excluídos o apenas 10% que representan os máis nacionalistas.

Traio a colación este gráfico para xulgar en que medida un proxecto político dirixido a un público mixto, nacionalista e non nacionalista, pode chegar a ser ou non unha ‘bomba electoral’. A coalición Alternativa Galega de Esquerda(s) que veñen de conformar IU e Anova debería ter en conta, á vista deste gráfico sobre a dimensión identitaria, que son dificilmente compatibles posicións soberanistas e/ou independentistas de máximo nacionalismo galego (no 9 e 10 da escala) coa posición maioritaria dos non nacionalistas (nas posicións 5 e 6). Nada impide que AGE queira abranguer máis posicións das que van do 5 do 8, pero a distancia entre os non nacionalistas e os que rexeitan a identidade española é tan grande que ese 53% de electorado potencial ao que podería dirixirse un proxecto mixto non pode ser reunido baixo unha única marca e/ou liderado, moito menos cando a marca representa unha coalición de catro forzas distintas, e sobre todo cando a fígura que lidera socialmente a coalición está fortemente connotada cunha das compoñentes, a nacionalista, por demais minoritaria neste espazo en concreto e no conxunto do electorado.

Significa isto que a AGE vai fracasar? A resposta a esta pregunta depende de moitos outros factores, sen dúbida, demasiados para un xuízo sumarísimo e unha resposta definitiva. Pero unha cousa é certa: se o obxectivo da AGE é seren votados de forma masiva e verdadeiramente teñen vocación de se conventer nunha bomba electoral, entón teñen un serio problema: as posicións de nacionalismo galego extremo e as do non nacionalismo morno están demasiado afastadas: entre elas media un terzo do censo, e ningunha forza na Historia moderna de Galicia reuniu nunca semellante cantidade de votos, só o PP no seu mellor momento se aproximou. Por iso  as lindeiras da coalición AGE son moi dificilmente conxugables baixo un mesmo proxecto e nucleables nun único electorado. De onde se debe derivar que a AGE, ao incluír Anova forzas como a FPG e a FOGA (convidados nesta viaxe desde o mesmo momento en que o EI saíu do BNG), e tendo o propio EI amplos sectores de militancia independentista, non pode aspirar a todo ese espazo sen fallar electoralmente un dos extremos, polo que conclúo que o seu obxectivo electoral é ben máis modesto e debe ter unha vocación minoritaria. A menos, claro está, que o que se persiga sexa que faga de elo entre uns e outros o cabreo ou desespero xeral da poboación e non un proxecto ideolóxico nin un programa político de síntese. Evidentemente tanto EU como Anova terán boa conta de non destacar nos seus discursos esta dimensión identitaria que evidencia a enorme distancia entre o espazo galeguista integrador e o independentismo.

Se a realidade é esta e o obxectivo da AGE é simplemente obter representación, sen que a partir da presente coalición se conforme para o futuro un novo proxecto político unitario de longo percorrido arredor do galeguismo como idea superadora da dualidade nacionalista/non nacionalista, entón non teñen de que preocuparse: probablemente obterán os seus 2 ou 4 escanos, IU acadará por fin representación no Parlamento Galego e Anova liderará o espazo alternativo do nacionalismo fronte ao BNG. Tamén Vázquez estará contento de ver como o espazo estratéxico da esquerda galeguista ou do socialismo galego non só seguirá sen ser albo de ningunha forza galega senón que estará totalmente dividido entre PSdeG, BNG, AGE, CxG e, probablemente, sobre todo e como en 2009, a abstención. No presente escenario de hiperfragmentación da oposición, cunha mínima marxe de manobra orzamentaria no sector público galego para que calquera hipotético goberno tripartito ou cuatripartito afronte a crise económica con garantías, Feijoo verá incrementadas así as súas xa de por si elevadas posibilidades de anovar a maioría absoluta.

E Compromiso por Galicia? Autoexcluíronse destas grandes cábalas electorais desde o momento en que adoptaron unha estratexia de partido nacional neutro, refractario a todo o que non fora nacionalista galego. Apostaron exclusivamente nunha estratexia unidimensional, a do nacionalismo nin de esquerda nin de dereita que tan frouxo rendemento lle dera a aquel quintanismo do que está demostrando ser orgulloso herdeiro +Galiza. Ese rexeitamento das etiquetas que aínda usa a maioria do electorado para definirse, máis se cabe nesta época de alargamento das diferenzas sociais, deixou fóra de xogo os significantes necesarios para que calquera proxecto político descoñecido poida comunicar as súas ideas ao groso da poboación. A desaparición do perfil socialdemócrata baixo o predominio discursivo dos líderes de AGA, a continua adición de forzas de centrodereita ao proceso de constitución, o silencio entendible de quen nun escenario de alianzas diferente podería liderar CxG noutra dirección e con outro peso, a espantada a última hora dos ecoGaleguistas que non pode compensar a achega unipersoal de Miguel Barros… todo evidencia en CxG a carencia do perfil de esquerdas necesario para a relevancia electoral de calquera proxecto nacionalista na Galicia de hoxe.

Etiquetas:
 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*